O Ministerio de Sanidade reforma unha das medidas máis simbólicas da etapa dos recortes do goberno de Rajoy durante a gran recesión para "reducir desigualdades e garantir a continuidade dos tratamentos".
Dentro dos múltiplos recortes introducidos polo Goberno de España do PP de Mariano Rajoy durante os anos da gran recesión un dos máis simbólicos foi en 2012 o incremento do copagamento farmacéutico. O propio Executivo popular admitía a través da daquela ministra de Sanidade, Ana Mato, que non ía "supoñer moita recadación" e que procuraba obxectivos máis ben "disuasorios" no acceso a medicamentos nun contexto que o máis significativo fora o incremento da porcentaxe de achega tanto de gran parte da poboación pensionista como para toda a poboación activa.
Catorce anos despois daquel recorte -e tras diversos axustes intermedios no sistema- o actual Executivo estatal de PSOE e Sumar aprobou esta semana un Real Decreto-Lei para reformar e alixeirar o copagamento farmacéutico. Fíxoo con impacto político e mediático limitado, dado o ruído ambiental xeral, aínda que o novo modelo introduce novidades relevantes, sobre todo para as rendas máis baixas.
O obxectivo, di o Ministerio, é "reducir desigualdades e garantir a continuidade dos tratamentos". O departamento que dirixe Mónica García afirma adoptar a medida poñendo o foco en "colectivos que non están incluídos nos supostos de excepción" -poboación perceptora do Ingreso Mínimo Vital, a Risga ou pensións non contributivas, persoas en desemprego e sen prestación, entre outras- estaban a "asumir unha carga económica elevada derivada de tratamentos prolongados ou de alta "necesidade terapéutica".
Para a poboación activa os tramos de ingresos pasan de tres a seis, con gastos máximos de 8 ou 18 euros ao mes para quen gane menos de 18.000 euros ao ano
Sobre estes principios, os treitos de renda para a poboación activa pasan de tres (ingresos anuais inferiores a 18.000 euros, de 18.000 a 100.000 e superiores a 100.000) a seis. Por baixo incorpórase o treito de ingresos por baixo de 9.000 euros e de 9.000 ata 18.000 e polo medio chegan os de 18.000 a 35.000, de aí a 59.000 e dende ese limiar, ata 100.000.
Os treitos máis baixos seguirán achegando un 40% do prezo do medicamento, pero con gastos máximos mensuais de 8 ou 18 euros. Os intermedios pasan do 50% ao 45% e no tramo de 18.000 a 35.000 fíxase un tope de 61 euros mensuais. De 35.000 euros en diante mantense a ausencia de tope e quen cobre máis de 60.000 euros ao ano segue como ata agora en porcentaxe.
No caso da poboación pensionista a reforma mantén a porcentaxe xeral de achega do 10% do custo dos medicamentos. Tamén introduce un novo treito de renda para quen perciba anualmente entre 18.000 e 60.000 euros, colectivo que ve rebaixado o tope mensual de achega nuns 5 euros, de 18 a 13.
O Ministerio de Sanidade estima que esta reforma custará uns 265 millóns de euros. Para seguir en vigor este Real Decreto-Lei ten que ser ratificado polo Congreso no prazo máximo dun mes. Se non logra a maioría precisa, quedará derrogado e volverá estar en vigor o sistema anterior.