"Non é certo que os pensionistas vaian pagar os medicamentos. O 87% dos pensionistas galegos pagarán como máximo 8 euros". O Ministerio de Sanidade sementou a leira durante a última semana coa súa reforma sanitaria e o presidente da Xunta recolleu deste xeito este mércores a intensa controversia creada pola reforma do copagagamento farmacéutico e a introdución do repagamento en prestacións sanitarias como a ortopedia ou o transporte sanitario non urxente. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, e a voceira do BNG, Ana Pontón, trasladaronlle a Alberto Núñez Feijóo a mesma esixencia durante a sesión parlamentaria de control. "Rexeite a condena a enfermos e pensionistas", reclamou o socialista, "néguese a aplicar os recortes que van xerar desigualdade e pobreza", esixiu a nacionalista. Pero, como era de agardar e alén da estratexia dialéctica o xefe do Goberno galego ratificou que a nova taxa se implantará en Galicia e alega unha razón: o cumprimento da Constitución.
Os grupos da oposición propuxéronlle dúas vías ao presidente para frear a reforma. O líder do PSdeG faino a través dunha proposición de lei para "blindar os servizos públicos básicos", cuxo texto lle entregou na propia sesión á presidenta da Cámara para facerlla chegar ao Feijóo. Esencialmente, a iniciativa socialista rexeita que a crise "sirva de pretexto" para que as "prestacións esenciais sufran consecuencias irreparables" e compromete a Xunta a investir cada ano en servizos sanitarios e educativos fondos dabondo para acadar en oito anos as medias europeas en ambos ámbitos, garantindo en todo caso a "natureza e titularidade pública" e garantindo ademais que se cumpriría a Lei de Estabilidade -que obriga a equilibrar ingresos e gastos-. Trátase, di Vázquez, de evitar "unha dobre inxustiza", que "paguen todos os pensionistas, todos os que enferman", puntualízalle ao presidente, e que o fagan, no caso galego, os pensionistas cos subsidios máis baixos do Estado. Para o BNG o camiño do veto ao copagamento debe comezar por recorrer ante o Tribunal Constitucional o Real Decreto que o ordena, xa que "lamina as competencias galegas". O presidente, di Ana Pontón, non pode limitarse a actuar "como delegado do PP".
Feijóo: "Non é certo que os pensionistas vaian pagar os medicamentos; o 87% dos pensionistas pagarán como máximo 8 euros"
Segundo Feijóo unha e outra proposta son, simplemente, "anticonstitucionais", porque implicarían "incumprir lexislación básica do Estado". En medio das xa habituais críticas ao Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero por "falsear as contas públicas" o líder popular apela á "responsabilidade" da oposición porque o Goberno central está a "pagar o que deixou a deber" o PSOE. Isto, di, faino con medidas "dolorosas" pero "rigorosas" e que ademais só lle piden "un esforzo" aos "pensionistas con maior renda -pagarán todos os que gañen máis de 18.000 euros ao ano-" para que "poidan seguir indo ao médico gratis, para que poidan ir a un hospital gratis".
"Non é de recibo a frivolidade que demostra nun asunto tan relevante", censurou Ana Pontón. "A sanidade non é gratis, págana os cidadáns cos seus impostos", lembra a nacionalista, quen ademais esixe a convocatoria dun pleno extraordinario no Parlamento para abordar o recorte sanitario. "Isto non é neutral, significa unha política para xustificar o desmantelamento do Estado do Benestar", afirma, ademais de amosarse convencida de que "é falso" que a Xunta "teña que aplicar" o recargo farmacéutico a "quen non pode chegar a fin de mes". "Ten fórmulas para non ter que aplicalo, porque son competencias propias e podemos paralizar esta cuestión", di.
As vías para evitar o novo copagamento
Ramón Veras: "Feijóo pode dicir que aquí é doutro xeito e que os medicamentos os vai pagar a comunidade autónoma"
Pero, alén dos reproches ao PSdeG pola vía da lembranza de Zapatero e ao BNG pola política sanitaria de CiU en Catalunya -"se eu fose nacionalista ao mellor estaría poñendo un euro por receita como poñen os seus socios", razoa o presidente-, e máis alá tamén das dúas vías propostas por socialistas e nacionalistas para evitar o recorte, na propia mañá deste mércores a Xunta recibía unha proposta adicional, lanzada pola plataforma SOS Sanidade Pública e que en ningún caso colisionaría coa Constitución nin con ningunha outra norma do Estado ou de Galicia. Nunha rolda de prensa conxunta das responsables de sanidade de PSdeG e BNG con membros do colectivo o seu voceiro, Ramón Veras, detallou o xeito en que Feijóo "pode dicir que aquí é doutro xeito". Simplemente, anunciando que "os pensionistas non van pagar" porque o 10% dos medicamentos que lles cobra o Estado "os vai pagar a comunidade autónoma".
Pero "polo visto, non vai actuar", lamenta tras presenciar a sesión de control parlamentario, aínda que a reforma do Ministerio supoña unha "invasión de competencias" que non só trae consigo o copagamento sanitario, senón un pagamento "sen límites" en servizos como a dotación de "cadeiras, bastóns e próteses" para persoas maiores. En opinión de Veras o presidente "toma por parvos" o conxunto da cidadanía afirmando que a sanidade "é gratuíta" ou que "non se lles cobra" aos pensionistas. "Os que non van pagar -lamenta- son os que defraudan" a Facenda.