Rajoy carga o recorte sanitario nos pensionistas e a Xunta acátao

Participantes no Consello Interterritorial de Saúde Dominio Público Praza Pública

"Non falemos de recortes". A ministra de Sanidade realizáballe esta petición a un xornalista tras a xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde, o órgano que xunta ao Estado coas autonomías -polo tanto, con absolutísima maioría do PP- que viña de dar luz verde á maior reforma sanitaria da historia da democracia española dende a aprobación da Lei Xeral de Sanidade en 1986. Como filtrara o equipo de Mariano Rajoy dende México unhas poucas horas antes, o Goberno central carga o peso da súa reforma na prestación farmacéutica dos pensionistas, nas persoas xubiladas que ata agora recibían os medicamentos que precisaban sen ter que pagar máis que o que xa abonaran vía impostos e que, dende agora, terán que pasar por caixa para pagar o 10% do prezo dos produtos farmacéuticos. Serán achegas que, a priori, poderían semellar menores, xa que estarán limitadas a 8 euros para o que ingresen menos de 18.000 euros ao ano e a 18 para os que cobren máis, se ben en Galicia o seu impacto será maior, dado o inferior nivel das pensións a respecto do resto do Estado.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzaba a mediados de marzo que aplicaría sen modificacións calquera medida que se aprobase neste Consello Interterritorial e, polo tanto, non cabe modificación ningunha por parte do Goberno galego para un paquete de medidas que tamén afecta ás persoas "activas", isto é, a quen ten traballo ou a quen estea en situación de desemprego pero cobre unha prestación. Nestes caso, só quen perciba menos de 18.000 euros ao ano seguirá sufragando o 40% dos medicamentos que precise, como ata agora. Os demais terán que achegar un 50% do prezo e, se a súa renda é superior aos 100.000 euros, un 60%. De toda a reforma só saen ben parados dous colectivos: o das persoas desempregadas sen prestación e as que perciben unha pensión non contributiva ou unha prestación de inserción social como a Risga. Serán os únicos que teñan medicamentos sen pagar nada a maiores.

Nova estrutura do copagamento farmacéutico
Perfís Antes Agora Tope
Pensións -18.000 € 0% 10% 8€/mes
Pensións +18.000 € 0% 10% 18€/mes
Persoas activas -18.000 € 40% 40% -
Persoas activas +18.000 € 40% 50% -
Persoas activas +100.000€ 40% 60%  
Persoas desempregadas con prestación 40% 50% -
Persoas desempregadas sen prestación 40% 0% 0€
Pensións non contributivas e Risga 0% 0% 0€

Segundo a ministra esta reforma, que ten o cerne no copagamento farmacéutico, garante que o sistema sanitario será "viable" no conxunto do Estado sen ter que introducir taxas por asistencia en hospitais ou centros de saúde. Non obstante, recoñece a continuación que a niveis de recadación os ingresos por medicamentos non serán significativos, senón que o seu valor é meramente "disuasorio". "Non supón moita recadación", admite, nun contexto no que os ingresos non subirán máis de "punto e medio ou dous puntos". "Se quixésemos -advirte- adoptaríamos outras medidas, como a taxa por receita -como propón Catalunya", que "cun euro ou dous" suporía uns "892 millóns ao ano". Trátase, insiste, de "disuadir" para que "non se sigan tirando medicamentos". É este mesmo "efecto de disuasión" o que se persegue tamén, asegura, á hora de establecer que os pensionistas pagarán o 10%. "Había que poñer unha cifra", resume. Trátase "dunha medida que nos gustaría non ter que facer, pero garante que a asistencia continúe sendo gratuíta para todos os españois", engade Mato.

Galicia, máis afectada

O recorte ou copagamento farmacéutico que vén de anunciar o Goberno central afecta de maneira moi especial a Galicia, un país coa poboación envellecida, onde o número de persoas maiores de 65 anos aumenta a cada ano e coa pensión media de xubilación máis baixa do Estado.

Os 450.000 xubilados galegos perciben as pensións máis baixas do Estado, cunha media de 775,50 euros

Segundo os últimos datos do mes de marzo, a contía media das pensións de xubilación no país sitúase nos 775,50 euros, case 200 euros menos que a media do Estado, que se sitúa en 940,76. En Galicia, pagáronse en marzo 450.223 prestacións a xubilados, sendo os ourensáns os cidadáns coa pensión máis baixa de Galicia e, xa que logo, do Estado, con 657,78 euros de media. Incluíndo ademais as pensións por incapacidade, viuvez ou orfandade, na comunidade o número total de prestacións ascende a case 731.000 persoas.

A poboación envellecida, con máis de 620.000 persoas que superan os 65 anos, provoca que o gasto farmacéutico en Galicia, así como o número de receitas, se sitúe sempre entre os primeiros lugares máis altos dos rankings. Para entender a relevancia dos datos, e segundo o Instituto Galego de Estatística, no país hai 54 concellos nos que máis do 40% da súa poboación supera os 65 anos de idade. Hai dez anos, o número de cidadáns que superaban esa idade non chegaba aos 570.000, mentres que agora xa roza os 630.000 e continúa aumentando.

Con todo, en opinión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, "o novo sistema de achega dos usuarios en farmacia" está "encamiñado a acadar un modelo máis equitativo" e as medidas impulsadas polo Goberno central conducen a "garantir a solidariedade" e a "equidade do sistema público". Asegura a Xunta que Mosquera mantivo na xuntanza o "firme compromiso" de "evitar o copagamento por prestacións asistenciais" e defendeu o plan aprobado porque "haberá unha achega superior por parte dos que máis teñen".

Outras medidas: homoxeneidade autonómica e veto ao "turismo sanitario"

A homoxeneización podería traer a Galicia novos copagamentos 'importados' doutras autonomías

Á marxe das novas taxas farmacéuticas a xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde serviu tamén para avanzar na que vén sendo unha das propostas estrela dos conservadores neste ámbito: a homoxeneización das políticas sanitarias autonómicas. Segundo o ministerio, a súa intención non é outra que  "asegurar que todos os españois teñen acceso ás mesmas prestacións, da máis alta calidade" e por isto aprobará unha "carteira común básica de servizos asistenciais" de "prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación", así como o transporte sanitario urxente, "cubertos de forma completa por financiamento público", asegura Mato. Fóra deste paquete de prestacións quedan os servizos "suplementarios" e "accesorios". Os "suplementarios" inclúen prestacións "ambulatorias" nas que, segundo a ministra, os doentes xa "participan" isto é, xa pagan. Os accesorios inclúen "servizos ou técnicas imprescindibles para certas patoloxías", como "cosméticos para pacientes con enfermidades raras". Ademais, poderían chegar a Galicia novos copagamentos importados doutras autonomías, xa que se "unificará o criterio de participación dos usuarios en produtos farmacéuticos, ortoprótesis, dietoterápicos e transporte sanitario non urxente".

Ademais destas carteiras de servizos coas que Sanidade prevé aforrar 50 millóns de euros, Ana Mato asegura que se deixarán de gastar 1.000 millóns co veto ao denominado "turismo sanitario". Entre reiteracións de que "todos os españois teñen dereito á sanidade gratuíta", a ministra anuncia que a súa intención é "acabar cos abusos" dos "estranxeiros que veñen utilizar a sanidade". Amparándose nun informe do Tribunal de Cuentas, explica, "incorporarase ao dereito español un artigo" dunha directiva europea "que prohibe desprazarse en busca de atención sanitaria", provocando que haxa "moitos europeos que teñen máis dereitos sanitarios que os propios españois". "Atendemos unha demanda social e aforramos", conclúe. Todas as medidas recibirán o visto e prace do Consello de Ministros do vindeiro venres e serán aplicadas pola vía do Real Decreto Lei.

A conselleira de Sanidade, con Farjas e Mato no Consello Interterritorial © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.