A Xunta "non ten constancia" de doentes que deixen tratamentos por falta de cartos

A conselleira de Sanidade, nun acto público © Xoán Crespo

O "non me consta" popularizado ata a hilaridade a raíz das declaracións de diversos dirixentes do PP a respecto dos supostos sobresoldos de Luis Bárcenas é a fórmula elixida pola Consellería de Sanidade para rexeitar a existencia de dificultades económicas entre os e as doentes en Galicia a causa do copagamento farmacéutico. O Goberno galego vén de responder unha pregunta escrita formulada polos deputados do BNG Francisco Jorquera e Montse Prado a respecto do "impacto nos pensionistas e nos doentes con enfermidades graves e crónicas" da medida impulsada polo Ministerio de Sanidade e o departamento que dirixe Rocío Mosquera ofrece a negativa por resposta.

Despois de que a Xunta establecese que, segundo a renda, ningún pensionista pagaría máis de 8 ou 18 euros polos seus tratamentos, o Goberno asegura que  "a achega mensual media das persoas pensionistas en Galicia no segundo semestre do ano foi menor a 4 euros" e "a porcentaxe de pacientes que acadan o seu límite de achega -8 ou 18 euros- é do 22%". "A media global de achega do usuario está arredor do 9% do custe dos medicamentos", resolve Sanidade, antes de, sen dato ningún, ofrecer a súa conclusión. "Non temos constancia de que se deixen de retirar tratamentos por dificultades económicas dos pacientes", resolven.

"Non temos constancia de que se deixen de retirar medicamentos por dificultades económicas", di a Xunta

A conclusión de Sanidade é observada cunha importante dose de receo dende SOS Sanidade Pública, a plataforma que agrupa colectivos sanitarios, sindicais, políticos e sociais na defensa das prestacións sanitarias universias e gratuítas. En conversa con Praza Pública o seu voceiro, Manuel Martín, observa nesta resposta o mesmo "problema" que en anteriores declaracións da Consellería: "a mentira sistemática é o seu xeito de actuar", acusa, antes de considerar que as verbas de Sanidade déixana "en evidencia".

Mentres o colectivo prepara unha enquisa para estudar ao detalle o impacto destas medidas en Galicia Martín subliña que a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública vén de elaborar un estudo deste tipo nos ambulatorios da Comunidade de Madrid. Alí, sinala, "ata un 27% dos pensionistas que ganaban menos de 400 euros" aseguraba que "non retira medicamentos" por causas económicas. O mesmo, di, lle acontecía "ao 13,7% dos que ganaban entre 400 e 800 euros". "Esta foi unha enquisa realizada en Madrid hai mes e medio" e os resultados en Galicia, avanza, non deberan ser mellores, toda vez que as pensións galegas "son as máis baixas do Estado". 

SOS Sanidade: "A mentira sistemática é o seu xeito de actuar, quedan en evidencia"

"É imposible que non deixen de tomar medicamentos" por falta de cartos, afirma Martín, quen ademais lembra que o copagamento non é a única restrición aplicada polo Goberno no ámbito farmacéutico nos últimos meses. "Ademais retiraron o financiamento a 400 medicamentso, moitos deles para enfermidades crónicas". Isto implica, di Martín, médico de profesión, que "hai unha morea de medicamentos que a cidadanía está deixando de mercar".

En marcha a orde de prestación ortoprotésica

A resposta de SOS Sanidade ás valoracións da Consellería prodúcense na xornada en que o Sergas publica no DOG a orde que vai regular, de agora en diante, as prestacións ortoprotésicas. Esta orde, explica Manuel Martín, vén adaptar as normas galegas ás novas restricións estatais e implica, en esencia, que "a cidadanía ten que adiantar todo o custo da prótese" e despois, ilustra, "Deus dirá cando llelo devolven e canta cantidade". "Non só non van poder retirar medicinas, senón que tampouco van poder retirar as próteses", di,

O voceiro da plataforma sanitaria que existen "próteses de perna" que poden custar "máis de 6.000 euros, ou 20.000 as máis sofisticadas". No caso "dun corsé para un neno con escoliose" o desembolso pode ser de 800 euros, sinala. "Estamos falando de moitos cartos" e de "ningunha garantía de cando nin canto se vai devolver". Dadas as circunstancias, augura Martín, "dentro de pouco veremos polas cidades galegas xente con muletas ou pernas de pau, é unha situación escalofriante que xera unha tremenda desigualdade".

A conselleira de Sanidade, nun acto público © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.