Valoración do borrador de propostas para o novo modelo de Atención Primaria

Mobilización de profesionais sanitarios nun centro de saúde galego © En Marea

O 20 de febreiro, a Consellaría de Sanidade, co señor Almuiña á fronte, presentou a quen foron invitados pola propia Consellería, o borrador de propostas para o novo modelo de Atención Primaria. Se hai un mes o señor Feijoo dicía que “temos o mellor modelo sanitario do mundo”, agora presenta nada menos que 175 obxectivos para “melloralo”. O documento é unha irresponsabilidade por parte dos xestores do sistema sanitario público galego. É ambiguo e non concreta nada. Marea a perdiz para que nada cambie. É pouco participativo e dunha baixa calidade técnica; explícome:

Non dá prazos nin número de prazas a ofertar. Non fala de cartos, e o propio Almuíña recoñeceu que “o dos cartos verase despois”. Despois do que?

O documento é unha irresponsabilidade por parte dos xestores do sistema sanitario público galego. É ambiguo e non concreta nada

Non fala de investir cartos para que se cumpra a Lei de Garantías (impulsada polo PP en solitario e en contra de todos). Así, seguirán sen cumprirse os prazos de consulta, de probas diagnósticas e de intervencións cirúrxicas, e os doentes seguirán sendo desprazados á sanidade privada e as lista de agarda serán cada vez peor.

Tampouco fala de derrogar a Modificación da Lei Galega de Saúde que quita as Áreas Sanitarias e as súas Xerencias. 

Obxectivo 1.1.1: ”crea a Subdirección Xeral de Atención Primaria (AP) dependente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria”. Pero os profesionais de Atención Primaria queremos unha Xerencia Única de Atención Primaria, en pé de igualdade coa Atención Hospitalaria e con orzamento propio que se achegue ao 25% nos vindeiros 3 anos. Fálase de potenciar a atención a domicilio, pero sen medios, transporte ou persoas. Totalmente ambiguo.

Obxectivo 1.1.2: ”Crea unha Dirección de AP en cada Área Sanitaria”. Pero o que fai falla é que cada Área debe ter o seu Xerente de Atención Primaria, en pé de igualdade co Xerente de Atención Hospitalaria. 

Obxectivo 1.2.1: ”Crea unha Comisión de AP de Área (que non existe na modificación da Lei Galega de Saúde), formada polos xefes de servizo”. Todos nomeados a dedo e sen interlocución co resto do sistema.

Obxectivo 1.2.3: ”Nomea un Coordinador de Servizo (e non di de que?) e di que se fará cargo “dos labores de enfermaría”.

Obxectivo 1.2.4: ”Reducir as cotas dos profesionais en cargo directivo”: pero non falan de quen se fará cargo deses doentes.

Obxectivo 1.3.4: ”Na OPE do 2019 incrementarase o número de oferta de prazas de 2018”. Sen unha soa cifra concreta.

Obxectivo 1.3.9: ”Realizar un estudo sobre a reestruturación do persoal dos PAC”. Levan un ano negociando e continúan en folga, por que será?

Obxectivo 2.4.1: ”Habilitar o acceso de prescrición en IANUS aos profesionais dos centros concertados”. É dicir, non só levar os pacientes á privada-concertada, tamén a prescrición. Máis privatización.

Obxectivo 3.2.2: ”Obrigar os médicos de hospital a realizar todos os actos que competen á súa actuación”. Un bo punto, non se facía así antes?

Os profesionais temos un horario de 37,5 horas semanais e debe cumprirse. Terán que mellorar os contratos do persoal substituto para que regresen os que marcharon

Obxectivo 3.4.3: ”Cobertura de ausencias”. Isto é importante: os profesionais temos un horario de 37,5 horas semanais e debe cumprirse. Terán que mellorar os contratos do persoal substituto (Precarias pola Atención Primaria) para que regresen os que marcharon. Se llelo facemos nós, estaremos sempre na mesma; que contraten persoal con estabilidade e salario digno!

Cando se fala no obxectivo 3.5. e 3.6. de “Reordenar as cotas dos profesionais e os fluxos de traballo". Isto é un despropósito: cargar de traballo os profesionais, á marxe xa do seu traballo, sen pensar en dar condicións dignas nos novos contratos e estabilidade laboral.

No obxectivo 4.4, no que se refire aos MIR, vemos unha hipocresía manifesta: que fixo a Consellaría do PP cando gobernaba o PP? Nada. E agora lémbrase de pedir máis prazas pero sen preparar as Unidades Docentes, o que fai imposible que o sistema poida asumir ese incremento.

Obxectivo 5.4.2: o tema do “Consello Asesor de Pacientes” é outra hipocresía. Eliminaron o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área e crearon este CAP que non serve para a participación social, política, sindical, das entidades relacionadas ca saúde.

No último obxectivo, o 6.10, fala dun ”orzamento específico para a AP, a curto prazo: suficiente e adecuado”, pero non di nin canto nin cando, que é o relevante.

Resumindo: Inconcreción e ambigüidade total. Falta dun plan consensuado coas organizacións políticas, sindicais e sociais, para pensar na Sanidade do futuro e que o que veña a gobernar este tema tan importante, non o faga pensando na sanidade privada e en desmantelar o ben máis preciado que temos, que é a saúde.

O vindeiro día 27 de febreiro, volverá xuntarse a Coordinadora Galega de Atención Primaria (que aglutina máis de 1.000 profesionais neste momento) e valoraremos o documento, tendo nun horizonte próximo a convocatoria de folga na Atención Primaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.