Retratos da precariedade na sanidade pública: "Isto é vocacional, ten que gustarche moito para aturalo"

Protesta contra a precariedade laboral no Sergas CC-BY-SA CIG

"O noso traballo é moi vocacional, tenche que gustar moito o que fas para aturar isto". A frase é dunha médica de Urxencias do Sergas, doutora nun hospital comarcal que, con todo, di sentirse "unha privilexiada" entre a "precariedade xeral" que observa en moitos dos seus compañeiros na sanidade pública galega. "Non podo organizar a miña vida, non teño moita estabilidade... Pero aínda menos mal", conta.

Ese "menos mal" refírese a que ten asegurado traballo durante todo o ano malia asinar un contrato cada mes. María (nome ficticio) é unha das cinco profesionais do seu centro que sofre esta temporalidade e inestabilidade pero ela e outros teén seguro o traballo, polo menos, doce meses seguidos para cubrir baixas, incidencias ou vacacións. Outros dous compañeiros son chamados cando o Sergas o considera. O resto é fixo ou interino, unha quimera para moito persoal sanitario. 

María séntese "privilexiada" por ter asegurado un ano de traballo nas Urxencias dun hospital malia asinar un contrato cada mes

A pregunta é obvia. Por que María asina contratos cada mes se traballa todo o ano? "Nese caso teríanme que dar días para formación, podería coller vacacións no verán e ter fillos... Porque eu quero quedar embarazada, pero no momento que o faga, sei que vou ao paro" explica. No caso de negarse sen causa xustificada ás contratacións mensuais que lle ofrecen, sería penalizada e pasaría ao último lugar da lista da que o Sergas tira para chamala a ela e a outros profesionais médicos. No seu caso, a listaxe "non é moi longa", di esta médica que se despraza desde unha cidade a máis de cen quilómetros, tivo unha boa puntuación nas oposicións pero non obtivo praza fixa -"eran cinco as ofertadas", lembra- e valora ter "certa continuidade". Non como moitos compañeiros, sobre todo na Atención Primaria. Neses casos, caer da lista suporía ter entre 100 e 200 persoas diante. 

Aí son moi comúns os contratos diarios e por horas. Hai moreas de exemplos. As denuncias de persoal, sindicatos e colectivos e profesionais do Sergas nos últimos anos falan de ata 100.000 contratos por dias nun só ano, casos de máis de vinte contratos temporais para un só empregado, contratacións de horas, chamadas con menos de medio día de antelación, nin un só dereito laboral xerado en antigüidade e ausencia de descansos entre xornadas. 

Un médico foi chamado ás 8 da mañá para ir traballar ese día a 100 quilómetros: só foi contratado por unhas horas

Outro dos testemuños recollidos por Praza.gal relata o caso dun médico que, nunha das últimas ocasións que foi requirido, recibiu a chamada do Sergás ás 8 da mañá. Era para ir traballar nesa mesma xornada a un centro de saúde a máis de 100 quilómetros e hora e media en coche. Chegou cando xa empezara o horario de consulta, recibiu as queixas dos pacientes que levaban tempo agardando e a Consellería, visto que non cumpriría a xornada, asinoulle un contrato por tan só unhas horas. Volveu á casa unha vez finalizado a súa relación contractual e logo de tres horas de viaxe cuxo gasto en combustible non é abonado pola Administración

"Hai profesionais aos que chaman para traballar quince días a varios quilómetros da súa casa e acaban alugando un piso por ese tempo porque non queren arriscar na estrada ou porque, simplemente, sáelles mellor así que asumir o gasto en combustible", explica Silvia, enfermeira que, a tal hora, está a cubrir un terzo dunha quenda. Traballa dúas horas e vinte cada día que lle toca, entre 18 e 21 ao mes, cubrindo un terzo de xornada dunha persoa que pediu redución de xornada. Ten choio asegurado ata que a filla da súa compañeira cumpra doce anos e esta recupere a xornada completa. "Ata o mes de maio", advirte quen asinou un contrato con data de inicio pero sen data final. "Aínda teño sorte", recoñece. Cobra, xa que logo, o terzo do soldo. Entre 500 e 800 euros. 

Silvia é enfermeira e traballa 2h20 cada día que ten quenda: cobra un terzo de xornada dunha persoa con redución de xornada

"No verán chamábanme un día para ir cubrir esas dúas horas e pico, moitas veces a varios quilómetros... Non me compensaba porque pasaba o mesmo tempo no coche, pero non me podo negar se quero seguir ben colocada nas listas", engade. "Noutra ocasión avisáronme ás 6.30 da mañá para incorporarme de inmediato ao hospital porque houbera un desaxuste de persoal", explica sobre casos habituais que os traballadores contan sen estrañeza ningunha. Como o máis normal. 

Profesionais sanitarios do Sergas / © Sergas

"É o modus operandi habitual na sanidade pública galega", engade María, nunha crítica que coincide coas da plaforma SOS Sanidade Pública. Xosé María Dios, un dos seus voceiros, lembra que durante os colapsos polos picos de gripe, a Consellería falou "nos primeiros días de cen contratos novos, logo de 1.000 e, unha xornada despois, de 2.000". "Feijóo, no Parlamento, subiu a cifra a 3.125 en catro días, o que evidencia que falaban de contratacións e para nada de persoas contratadas", engade. 

"Galicia gasta moitos cartos en formar os seus profesionais para que moitos fuxan da precariedade ao estranxeiro a traballar"

"O conselleiro Almuíña chegou a recoñecer que ter esta cantidade de substitutos era ideal para o seu sistema porque podían tirar deles; á propia Administración interésalle este modo de actuar, mesmo contratar xente para que traballe de 12 a 2 nun centro, cotizando por esa miseria... Logo Galicia gasta moitos cartos en formar os seus profesionais sanitarios para que moitos cansen desta precariedade e inestabilidade e marchen ao estranxeiro a traballar", di. 

"A xente pensa que nós, os médicos, temos unha boa calidade de vida, dinnos que cobramos moito... Claro que temos un bo soldo se cumprimos cunha xornada normal, pero en moitos casos estamos sobrecargados, non damos feito... Prefiren que poucos fagamos moitas horas a que haxa máis xente, mellor organizada e menos saturada. Non sei por que ao Sergas lle compensa, pero faino", explica María. O seu caso é o da maioría de profesionais sen praza fixa da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, a máis afectada pola precariedade. Médicos de cabeceira, do 061 ou de Urxencias. Tamén a enfermería. 

"O que se conta da sanidade pública é tal cal ou mesmo peor"

"Ser médico era unha profesión de prestixio, cunhas condicións boas e dignas porque tiñas moitos anos de formación e unha enorme responsabilidade, pero iso xa non é así", conta quen ve necesario que se saiba a realidade de boa parte do persoal do Sergas. "Logo hai xente que nos bota en cara que son eles os que nos pagan, dinnos que non nos podemos queixar porque temos bos soldos e recrimínannos colapsos ou esperas das que nós tamén saímos prexudicados", engade quen censura falta de medios. Segundo as cifras oficiais da Administración, a sanidade pública galega chegou a contar cuns 2.000 profesionais menos durante a crise, aínda que dende 2015 comezou a recuperarse.

Silvia, enfermeira, ratifica o diagnóstico. "O que se conta da sanidade pública é tal cal ou mesmo peor". Relata, nos últimos días, a presión recibida por un responsable hospitalario para baleirar as Urxencias subindo a planta moitos dos pacientes. "Non tiñamos mans para atender pero insistían en que había que asumilos", conta. 

"Non podo estar reanimando alguén cunha barriga de oito meses, aínda que hai compañeiras que xa o fixeron"

María, que así e todo insiste en considerarse unha privilexiada, si advirte de que terá que "aforrar" se quere ser nai nalgún momento. "Non podo estar reanimando alguén cunha barriga de oito meses, aínda que hai compañeiras que si o fixeron; a maioría esperamos a ter fillos moi tarde, ata que conseguimos un posto máis estable", remata. 

Desde os sindicatos levan anos advertindo de que esta precariedade laboral incide negativamente na vida do persoal e na calidade da asistencia que presta e que imposibilita a continuidade dos equipos nos centros hospitalarios. Ademais, tal e como denuncian, a situación laboral de tantos profesionais sanitarios impídelles ter un proxecto de vida normalizado e dificulta a conciliación persoal, laboral e familiar. Un dos afectados lembraba como, non hai moito, desde o Sergas reclamaron a presenza urxente e inmediata dunha enfermeira cun fillo pequeno que manifestou a súa imposibilidade de acudir ao traballo por non ter con quen deixar o cativo. "E se queda cun veciño?", disque lle contestaron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.