0 Gardados para despois

O "colapso" volve saturar as Urxencias de varios hospitais galegos polo Nadal

Redacción | @prazapublica

Máis de trinta doentes pasando a noite en Urxencias á espera dunha cama pola mañá no CHUAC da Coruña este mércores, varios deles nos corredores. Máis de quince pacientes en cadeiras de rodas e padiolas, tamén no corredor de acceso a Urxencias, do CHUS de Santiago o pasado martes. Máis saturación no mesmo espazo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo hai tan só uns días... Sindicatos, asociacións de usuarios e testmuños do propio persoal denuncian o "colapso" que, como cada mes de decembro nos últimos anos, sofren os servizos de Urxencias dos principais centros hospitalarios galegos. 

Sindicatos, persoal e pacientes denuncian o "colapso" das Urxencias en diferentes hospitais galegos

Mentres desde a Consellería de Sanidade atribúen os problemas ao "pico de gripe" coa chegada do inverno e ao aumento dos doentes nas Urxencias, representantes sindicais e de usuarios insisten na falta de previsión, recortes e ausencia de medidas eficaces para paliar as deficiencias de atención que se dan cada Nadal na rede da sanidade pública de Galicia pero que comezan xa a primeiros de mes. 

"Non existe ningún plan de continxencia para afrontar o colapso do servizo de Urxencias", di a Comisión do Centro do CHUAC

A Comisión de Centro do CHUAC denuncia que "non existe ningún plan de continxencia para afrontar o colapso do servizo de Urxencias", así como a "falta absoluta de medidas que permitan, cando menos, minimizar a situación". Segundo advirten, os profesionais levan "todo o mes de decembro" atendendo os pacientes "amorreados nos corredores en padiolas ou cadeiras de rodas". 

Ao tempo, a xerencia do CHUAC e o Sergas publicitan un "plan de continxencia" que desde a Comisión non ven por ningures. "Consiste en aguantar e deixar que pase o inverno, normalizando situacións de atención aos enfermos e enfermas que terían que ser inexistentes ou excepcionais?", pregúntanse, tras defender "o labor" dos profesionais malia a "pésima xestión dos responsables". Con todo, advirten de que "non é suficiente" cando as condicións deixan os doentes "vulnerables e indefensos ante a perda absoluta da súa intimidade persoal". 

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia "maltrato asistencial" e ausencia de "medidas" para poñerlle fin

"Non son picos de gripe, o que hai é pico de recortes nos centros de saúde e nos hospitais", insiste a Comisión de Centro do CHUAC, que coincide nas denuncias coa Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS en Santiago. As críticas son case as mesmas. Advirten da "situación de colapso" nas Urxencias, con "pacientes graves no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas", a pesar dos avisos e "sen medida ningunha para poñer fin" ao que denominan "maltrato asistencial".  

Desde a asociación de usuarios e pacientes relátanse continuas saturacións desde mediados de decembro. Tamén nas últimas semanas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), con testemuños dos propios traballadores e queixas por esperas de até máis de 24 hroas en Urxencias e saturación en pediatría. Algo semellante en Montecelo, en Pontevedra, onde o propio xerente asume queu ha un "elevada afluencia de doentes" smada ao colapso nas Urxencias do CHOP. 

No caso da área sanitaria de Vigo, Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, lembrou a situación pola que atravesa o Álvaro Cunqueiro dende a súa inauguración, “pola chapuza que supuxo a redución do espazo destinado ás Urxencias nun 50%, ademais das carencias de persoal tanto nese servizo como nas diferentes plantas de hospitalización, con numerosas camas pechadas no hospital do Meixoeiro para as que reiteramos a súa inmediata reapertura”.

En Marea censura a "falta de previsión" da Xunta "un ano máis" e pide "máis recursos e a reapertura de todas as camas pechadas"

En  Marea denuncia os “colapsos” de Urxencias en diferentes hospitais públicos de Galicia e critica "a falta de previsión da Xunta un ano máis" “Reiteramos unha vez máis a necesidade de implementar maiores recursos de persoal e que se reabran todas as camas pechadas”, di Solla. 

Xa a pasada semana, e ante os colapsos producidos en diversos servizos de Urxencias,  a deputada do BNG Montse Prado defendeu unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para pedir que, á maior brevidade, sexa remitido ao Parlamento galego un informe do Sergas sobre as medidas e reforzos postos en marcha para atender o aumento das persoas doentes nestes espazos. "De maneira inmediata deben abrirse as plantas e camas pechadas nos centros hospitalarios da rede pública galega", dixo tamén. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As sociedades científicas de Atención Primaria piden a retirada da nova Lei de Saúde

Os presidentes da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), a Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia (SEMG – Galicia) e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), asinaron este mércores unha carta dirixida ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade na que solicitan "a retirada do anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia do ano 2008" ao consideraren que “resulta claramente prexudicial para o desenvolvemento da Atención Primaria”.

"A modificación da Lei de Saúde resulta claramente prexudicial para o desenvolvemento da Atención Primaria"

Segundo o documento enviado ao Goberno galego, “este anteproxecto confirma e oficializa as Áreas de Xestión Integradas que, coa intención nunca demostrada nin avaliada, integrar e coordinar mellor a asistencia sanitaria, están a contribuír á irrelevancia da Atención Primaria e á súa infradotación e descapitalización, diminuíndo, de ano en ano, o seu peso no conxunto dos orzamentos do Sergas".

"Se centramos a meirande parte do investimento en curación e tratamento e menos en prevención e promoción da saúde, o futuro que nos espera é desolador"

Segundo lembran, ese presuposto situarase este ano no 13% (con áreas como Vigo que non pasan do 11%), "lonxe das recomendacións que o sitúan no 25% do gasto sanitario para que o sistema poda ser sostible". "Semella sinxelo: se centramos a meirande parte do investimento en curación e tratamento e menos en prevención e promoción da saúde, característicos da Atención Primaria, o futuro que nos espera é desolador".

"A perda das xerencias de Atención Primaria teñen sido o comezo da súa marxinación e a súa substitución e absorción polos problemas máis urxentes dos grandes centros hospitalarios", denuncian nunha carta que finaliza cunha "petición clara" das Sociedades Científicas Médicas e Enfermeira de Atención Primaria: “A retirada deste anteproxecto e a recuperación das estruturas de xestión da Atención Primaria que poidan dar o pulo que o primeiro e fundamental nivel asistencial precisa", din.