0 Gardados para despois

Os xefes de urxencias dos hospitais galegos piden ao Sergas medidas para evitar colapsos

Redacción | @prazapublica

Os xefes de servizo de urxencias dos hospitais galegos levantan a voz ante o colapso que se vén producindo nos últimos días en diferentes centros sanitarios do país. Así, nunha carta reclaman ao Sergas unha mellor planificación para evitar as saturacións e as longas esperas e din amosar o seu "total apoio" á misiva na que, días antes, Semes-Galicia (Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias) reclamaba unha maior "implicación efectiva" das direccións e xerencias dos centros ante os problemas e insistía na necesidade da "homoxeneización" prometida nos diferentes servizos en Galicia. 

Os xefes de servizo de urxencias dos hospitais galegos piden ao Sergas unha mellor planificación para evitar colapsos 

Así, os xefes de servizo de urxencias dos hospitais públicos galegos insisten en solicitar esa "implicación efectiva" de xerentes e directores nunha "drenaxe axeitada" dos devanditos servizos de urxencias e lembran que os pacientes pendentes de ingreso "deben ser enviados ás súas plantas de destino en tempo e forma". "Nestes doentes, o proceso de atención urxente está finalizado e a súa estancia en urxencias non achega valor fronte á súa estancia en planta", advirten. 

Reclaman a "implicación efectiva" de xerentes e directores e que os pacientes pendentes de ingreso sexan enviados a planta "en tempo e forma"

Ademais, na carta demandan tamén a Sanidade a "finalización e sinatura definitiva" do documento de homoxeneización dos servizos de urxencias por parte do Sergas e dos seus máximos responsables "de acordo co compromiso adquirido". Ao tempo, e ao igual que fixo Semes-Galicia, tamén piden á poboación un "uso racional" das urxencias, "confiando plenamente na profesionalidade e capacidade resolutiva dos compañeiros de Atención Primaria, primeiro nivel asistencial". 

Por último, na carta aberta agradecen aos profesionais dos servizos de urxencias o seu "traballo, tesón e compromiso por dar en todo o momento a mellor atención posible aos pacientes" que son, lembran, o seu "principal obxectivo", e "a pesar da situación que están sufrindo os servizos nestes momentos". 

Os xefes de urxencias dan as grazas aos profesionais polo seu traballo "a pesar da situación que están sufrindo os servizos nestes momentos"

O documento está asinado por José Manuel Fandiño Orgeira, xefe do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) en nome dos seus compañeiros en todos os hospitais públicos do Sergas. A carta chega logo de que nas últimas semanas, como vén ocorrendo todos os anos coa chegada do frío e a gripe, traballadores e pacientes denuncien o colapso e saturación nos diferentes servizos de ruxencias dos diferentes centros sanitarios de Galicia. 

Por outra banda, a CIG denunciou que a actual vaga de gripe está "a poñer ao descuberto unha vez máis a falta de previsión do Sergas no que respecta á xestión da sanidade pública". Neste caso, asegura a central nacionalista, a repentina apertura dun importante número de camas que se atopaban pechadas no hospital Meixoeiro para acoller os novos ingresos "fixo que moitos pacientes quedasen sen comer como consecuencia da saturación do servizo de cociña". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.