"Ademais dos problemas materiais ou de saúde, o confinamento incrementa a situación de soidade de moitas persoas"

Acción comunitaria realizada o pasado no barrio de Monte Alto © Oasis Monte Alto

O pasado venres, no momento en que se anunciou o confinamento da poboación para frear as infeccións por Covid-19, comezaron a crearse en varios barrios da Coruña grupos de apoio mutuo para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas máis vulnerables, moitas veces persoas de idade avanzada a quen se lle aconsellou limitar ao máximo o risco de contaxio. Esta rede comunitaria componse xa de 12 grupos, nos que están inscritas máis de 1.100 persoas. E noutras cidades galegas, como Vigo, Ourense e Pontevedra puxéronse en marcha grupos de apoio mutuo semellantes.

Esta rede comunitaria componse xa de 12 grupos, nos que están inscritas máis de 1.100 persoas

"Os Grupos de Apoio Mutuo (GAM) son a resposta que levantamos desde os barrios para poñernos ao lado da xente máis vulnerable, as nosas veciñas e veciños, neste momentos complicados. Unha resposta autoxestionada que busca activar a solidariedade xusto cando máis o precisamos", pódese ler na web dos GAM coruñeses, dende onde calquera persoa pode inscribirse nun grupo ou alertar dalgunha necesidade que detecte no seu barrio, e que tamén ofrece recursos para a creación de grupos semellantes noutros lugares.

O primeiro deses grupos foi o de Monte Alto, estendido posteriormente para abranguer os barrios da Pescaría e a Cidade Vella, e no que nestes momentos hai máis de 200 persoas inscritas. É un dos máis activos, en boa medida porque partía das redes creadas ao redor do comedor social do barrio e de diversas entidades sociais e veciñais. 

Noutras cidades galegas, como Vigo, Ourense e Pontevedra puxéronse en marcha grupos de apoio mutuo semellantes

Pilar Pato, responsable do comedor social e activista noutros colectivos, como Oasis Monte Alto, explica que "o venres comezou a formarse un grupo de voluntariado dende o Concello, pero había xente que xa necesitaba esa axuda de inmediato. En ocasións as administracións son como dinosauros, van lentas aínda que teñan moi boa vontade". "Por iso, un grupo de xente decidímonos a poñer en marcha este grupo de apoio mutuo. Hai un grupo de xente no barrio que habitualmente colaboramos en iniciativas como esta e coñecémonos e foise xuntando máis xente, que era consciente das necesidades dos seus veciños", indica.

Imaxe dun dos volantes que está a repartir o Grupo de Apoio Mutuo da Coruña © GAM A Coruña

"O comedor social do que eu son responsable estaba dando diariamente 80 comidas. Estabamos moi preocupados porque esta xente quedase na casa: comen mal, desespéranse..."

Algúns dos problemas e necesidades que había que resolver eran os das persoas que habitualmente empregan este comedor social. "O comedor social do que eu son responsable estaba dando diariamente 80 comidas. Estabamos moi preocupados porque esta xente quedase na casa: comen mal, desespéranse...", destaca Pilar Pato. 

"É xente que realmente necesita este comedor, e non tanto porque non teña diñeiro, porque isto non é a cociña económica: aquí pagan 2,80 euros por menú. Pero hai máis problemas ademais da falta de diñeiro, e un deles é a soidade tremendísima de moita xente que está na súa casa: persoas de 90 anos que viven soas, ou matrimonios nos que unha das persoas ten alzhéimer. Hai moita xente que vén ao comedor social para non sentirse soa, hai algúns que nos din ao marchar: “pois xa rematou o día”, porque para eles o día remata unha vez que marchan de aquí e volven ás súas casas", conta.

"As primeiras accións que se difundiron en todos os grupos eran falar cos nosos veciños, facerlles saber a existencia destes grupos a través de carteis nos portais ou de deixar volantes debaixo das portas"

Na maior parte dos barrios o difícil non é atopar voluntarios e voluntarias que queiran axudar, senón á hora de detectar as necesidades, sobre todo se temos en conta de boa parte dos e das posibles beneficiarias son persoas de idade avanzada, cun menos acceso ás tecnoloxías. "No boca a boca xorden casos", destaca Pilar Pato, o mesmo que Diego Jiménez, outro dos impulsores dos grupos, que salienta que "isto foi prioritario dende o comezo: as primeiras accións que se difundiron en todos os grupos eran falar cos nosos veciños, e máis que falar -polas recomendacións de distancia social- facerlles saber a existencia destes grupos a través de carteis nos portais ou de deixar volantes debaixo das portas". "Tratábase de comunicarnos coa xente máis próxima para saber da súa situación e para comprobar que todo vai ben", engade.

"Cada persoa que participa nun grupo de apoio é unha antena, cada un de nós temos a nosa rede de contactos e podemos coñecer casos de xente que ten necesidades, no noso edificio, na nosa rúa e no noso barrio. Trátase de poñer en común todas estas redes persoais", sinala, engadindo que os grupos "permiten poñer en contacto á xente, detectar necesidade e prestar axuda".

"Unha das primeiras accións cando detectamos algunha necesidade é poñela en coñecemento dos servizos sociais do Concello"

"Necesidades hai moitas e moi diversas, tantas como persoas", explica Diego. Dende o máis básico: facer a compra ou ir á farmacia, ata axudar nunha mudanza a unha persoa con mobilidade reducida ou levar a alimentos a unha persoa maior que está confinada nun hotel e que non podía abandonar a habitación. "É moita a xente maior que non pode baixar á compra e que polas características desta enfermidade mesmo é desaconsellable que baixe, porque son as persoas para quen o virus é máis perigoso", destaca. "Hoxe alertáronos de que hai usuarias da cociña económica que o están pasando mal, sobre todo aquelas persoas sen fogar e que teñen redes comunitarias escasas. Tamén xente que necesitan máscaras de seguridade para coidar a familiares ou a outras persoas dependentes e que non está tendo acceso a elas", comenta.

Se a situación o require, os grupos de apoio mutuo informan de inmediato dos problemas ao Concello, a través do teléfono de información municipal (010). "Unha das primeiras accións cando detectamos algunha necesidade é poñela en coñecemento dos servizos sociais do Concello. Os grupos están cumprindo moitas veces unha función de axuda inmediata, ata que o Concello pode encargarse da situación", sinala Diego Jiménez.

"É moi importante o sentimento de comunidade, de non estar soas, de non quedar desconectadas do resto das persoas"

En ocasións, a axuda que empresan os grupos é máis simbólica, un apoio moral, a seguridade de saber que hai alguén aí por se pasa algo. "Nestes momentos, vemos que á marxe dos problemas materiais ou de saúde, o confinamento está aumentando a situación de soidade que sofren habitualmente moitas persoas. Hai xente que pode que antes non tivese moito contacto cos seus veciños e veciñas pero que agora ve que se están movendo, que van estar dispoñibles se nalgún momento necesita unha axuda. Isto é unha seguridade e axúdaa a non sentirse soa. Pensamos que o efecto emocional disto tamén é importante", di

"É moi importante o sentimento de comunidade, de non estar soas, de non quedar desconectadas do resto das persoas", resume Diego. Unha idea que reafirma Pilar: "a rede é como ter un amigo. Pasas de estar só a ter unha pandilla, un grupo de amigos que coidan de ti, que te chaman e se preocupan polo que che pasa".

Un dos carteis do Grupo de Apoio Mutuo da Coruña © GAM A Coruña

"A crise non vai quedar nin moito menos no tema sanitario, por iso é fundamental que sigamos tecendo redes comunitarias desde os barrios, pensando tamén no momento en que deixemos atrás a enfermidade"

Diego Jiménez estende a importancia dos grupos máis aló da situación de confinamento e da loita contra o coronavirus, incidindo na necesidade de reforzar o tecido comunitario nos nosos barrios, sobre todo pensando nos colectivos máis precarizados e vulnerables. "A crise non vai quedar nin moito menos no tema sanitario, por iso é fundamental que sigamos tecendo redes comunitarias desde os barrios, pensando tamén no momento en que deixemos atrás a enfermidade", di.

"Nese día despois serán igual de importantes os lazos e as redes comunitarias para dar respostas colectivas a problemas que tamén son colectivos, elevando a mensaxe aos poderes públicos de que a crise vai afectar sobre todo ás clases populares e de que somos os primeiros que estamos loitando contra o virus, pero tamén os primeiros que debemos recibir a axuda e a atención das institucións", conclúe.

 

Pide un mensaxeiro

Na rede van uníndose iniciativas persoais ou de diversos colectivos. Unha delas é a lanzada por dous traballadores da compañía 'Pide un Mensajero', que "vendo que o traballo baixaría moito e quedariamos libres, decidimos organizarnos para sacarlle partido aos recursos da empresa traballando polos maiores e doentes que o precisaran". "Decidimos organizar un servizo de voluntariado. Falamos coa operadora telefónica, que nos habilitou unha liña para a xestión do voluntariado e a emrpesa cedeu equipos informáticos, centraliña e unha aplicación de follas de cálculo en Google Drive, coa que somos capaces de xestionar unha ampla demanda de accións cun numeroso equipo de voluntarios", explican.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.