En pouco máis de 24 horas máis de 530 persoas inscribíronse na rede de voluntariado lanzada polo Concello da Coruña
As crises poden sacar o peor dunha persoa e dunha sociedade, pero tamén fan agromar o mellor: a solidariedade, a axuda mutua, a conciencia de pertencer a unha comunidade. Así está a suceder estes días por mor da epidemia do coronavirus e o obrigado confinamento da poboación. Son moitas as administracións, entidades e grupos de cidadáns e cidadás que puxeron en marcha accións para auxiliar aquelas persoas que viven en condicións máis precarias ou que poden necesitar de axuda nestas xornadas.
Na Coruña, por exemplo, o Concello lanzou o pasado venres pola tarde un chamamento para conformar "un dispositivo de voluntariado para atender ás persoas que se atopan en situación de dependencia e soidade ou que teñen mobilidade reducida". O chamamento estaba aberto a todas as persoas maiores de idade que non formen parte dos colectivos de risco. En pouco máis de 24 horas máis de 530 persoas inscribíronse, formando un grupo ao que o Concello derivará as peticións de axuda das persoas que chamen ao 010 ou das situacións que os propios traballadores municipais detecten.
"Os Grupos de Apoio Mutuo son a resposta que levantamos desde os barrios da Coruña para poñernos ao lado da xente máis vulnerable"
Ademais do grupo de voluntariado impulsado polo concello, en varios barrios da cidade comezaron a xurdir iniciativas de grupos de apoio mutuo. Son en total 12 grupos, organizado cada un nun barrio determinado ou nun grupo de barrios. "Os Grupos de Apoio Mutuo son a resposta que levantamos desde os barrios conscientes da Coruña para poñernos ao lado da xente máis vulnerable, as nosas veciñas e veciños, neste momentos complicados. Unha resposta autoxestionada que busca activar a solidariedade xusto cando máis o precisamos", destacan, engadindo que "os virus combátense con ciencia e coñecemento. Pero todo o anterior non quere dicir que non podamos contribuír tamén desde os barrios, as comunidades e as organizacións sociais, como cidadanía responsable que somos. Os retos son tan grandes, os cambios tan acelerados e as condicións tan novidosas, que esixen un esforzo común e solidario".
Tamén en Ourense botou a andar o Grupo de Apoio Mutuo fronte ao Covid19, que nace "co fin de detectar necesidades de persoas en situación de vulnerabilidade e organizar solucións de proximidade"
Vigo
Así, en Vigo o departamento de Benestar Social do Concello vai realizar una chamada diaria a todos os seus usuarios e usuarias para coñecer posibles situacións de risco e facilitar información
Noutras cidades tamén as administracións locais están a exercer un seguimento directo das persoas que poden necesitar máis axuda. Así, en Vigo o departamento de Benestar Social do Concello vai realizar una chamada diaria a todos os seus usuarios e usuarias para coñecer posibles situacións de risco e facilitar información. De igual xeito, na atención a domicilio vaise facer un seguimento exhaustivo e continuo dos usuarios e usuarias do servizo. Así mesmo, o Concello de Vigo está a preparar un plan para atender os maiores que están sen axuda nas súas casas, sexan ou non usuarios de teleasistencia. As persoas que precisen deste servizo deberán solicitalo a través do 010 e serán atendidas por persoal especializado.
Tamén na cidade olívica están organizados colectivos que traballan habitualmente con colectivos vulnerables e con fórmulas de axuda mutua, como a Oficina de Dereitos Sociais do barrio de Coia. A entidade esixe "medidas urxentes para atender a aquelas persoas que ante a paralización da actividade causada por esta pandemia van ficar sen ingresos ou ver recortados os mesmos" e fai un chamamento a "artellar respostas colectivas que nos permitan saír desta situación con máis dereitos".
Cruz Vermella
Cruz Vermella anunciou o reforzo da atención que empresta a máis de 25.500 persoas vulnerables en Galicia
O pasado venres Cruz Vermella anunciou o reforzo da atención que empresta a máis de 25.500 persoas vulnerables en Galicia, persoas maiores, con discapacidade e/ou con enfermidades crónicas. O obxectivo fundamental é informarlas das pautas básicas de prevención e facer seguimento telefónico do seu estado de saúde. A través destas chamadas de seguimento, Cruz Vermella quere asegurarse de que as persoas máis vulnerables dispoñen das pautas e recomendacións básicas de prevención.
Ferrol
Para os usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello de Ferrol contratou un servizo de entrega de menús a domicilio.
En Ferrol, de igual xeito, o Goberno municipal puxo en marcha unha batería de medidas. Por exemplo, para os usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello contratou un servizo de entrega de menús a domicilio. En canto ao de axuda no fogar, o Goberno local pediulles ás empresas que o prestan que informen da hipotética dispoñibilidade debido a posibles baixas, para así poder destinar os recursos a outras persoas que o necesiten. Ademais, para solventar o problema creado en moitas familias sen recursos polo peche dos comedores escolares, o Concello vai proporcionar vales de necesidades básicas para que poidan mercar alimentos. Na actualidade 400 familias teñen concedida bolsa de comedor.
Lugo
O Concello de Lugo reforzará a asistencia do Fogar do Transeúnte para poder atender a un maior número de persoas vulnerables
A concellaría de Benestar, Inclusión e Maiores do Concello de Lugo anunciou que reforzará a asistencia do Fogar do Transeúnte para poder atender a un maior número de persoas vulnerables. O obxectivo é que ninguén dos usuarios habituais e dos novos casos que se poidan dar queden sen xantar e para iso estableceranse quendas de xeito que non estean xuntas máis de 20 persoas en cada unha delas. Outro dos fins que se persegue con este reforzo e procurar reter a aquelas persoas sen recursos que non teñen onde pernoctar. “Debemos procurar que queden no centro e que nos transiten polas rúas e evitar así un posible contaxio, porque moitas delas son colectivos de risco”, sinala. Para iso, a concellaría habilitará novos espazos con camas a medida que xurda a demanda.
Ourense
A Deputación de Ourense reforzou estes días o servizo de teleasistencia que empresta habitualmente a preto de dúas mil persoas maiores e/ou dependentes en toda a provincia
A Deputación de Ourense reforzou estes días o servizo de teleasistencia que empresta habitualmente a preto de dúas mil persoas maiores e/ou dependentes en toda a provincia, para dar acompañamento e información aos usuarios e usuarias, "mantendo así coa poboación máis vulnerable da nosa provincia unha canle de información constante relativa aos procedementos, actuacións e manexos que deben realizarse como prevención fronte ao coronavirus", sinalan.