Texto publicado no número 242 de Grial
A pandemia conseguiu transformar a sociedade, causar dano á nosa saúde. Seguimos a preguntarnos que se fixo mal e que se podería mellorar para cando a seguinte pandemia faga a súa aparición
Os que aínda non fixemos o medio século, posiblemente, en vinte ou trinta anos estaremos a contarlles aos nosos netos e netas como vivimos a pandemia do coronavirus que deu comezo no ano 2020. Aínda que a memoria pode ser fugaz, e parece que estas lembranzas están arraigadas no pasado, quédanos un legado de testemuños da pandemia, agora escritos de xeito permanente na historia da humanidade. Foron catro anos moi intensos, distintos, dos que arrastramos grandes miserias, pero tamén tiramos aprendizaxes. Malia que estar exposto a un cambio social importante non inflúe necesariamente no resto da vida de alguén, o importante é a maneira en como se responde e o que vén despois, o que podería xogar un papel aínda máis crucial no transcorrer da vida.
A falta de información e as malas políticas mataron xente, e ninguén ata o momento se declarou culpable
A pandemia estoupou nas nosas vidas sen previo aviso. Nos inicios parecía que todo era momentáneo, que en cuestión de días ou semanas acabaría por solucionarse o problema, só facía falta ter acougo por esa ansiada nova normalidade e paciencia e agardar polas vacinas. Foi algo máis que unha simple decepción, foi a imposición da incerteza que acompañaba ao medo a que o mundo que antes coñeciamos se transformase para sempre. Os cambios foron dramáticos. A falta de información e as malas políticas mataron xente, e ninguén ata o momento se declarou culpable. O exceso de mortalidade mundial alcanzou uns trinta millóns de vidas perdidas atribuíbles á Covid, e todos os infectados pagaron unha peaxe que levou a reducir a esperanza de vida en máis de cincuenta anos. As masivas infeccións polo SARS-CoV-2 asociáronse ao aumento doutros problemas de saúde. O risco de enfermidades cardiovasculares, neurolóxicas e respiratorias incrementouse, e seguirán facéndoo substancialmente nos vindeiros anos. A alteración dos factores psicolóxicos e o impacto na saúde mental colleron relevancia durante a pandemia e pasaron de ser un tema tabú a converterse noutro problema de saúde.
As masivas infeccións polo SARS-CoV-2 asociáronse ao aumento doutros problemas de saúde. O risco de enfermidades cardiovasculares, neurolóxicas e respiratorias incrementouse, e seguirán facéndoo substancialmente nos vindeiros anos.
En 2024, cumpridos os catro anos desde o inicio dun desastre para a saúde pública a nivel mundial, facemos unha reflexión. A pandemia conseguiu transformar a sociedade, causar dano á nosa saúde. Seguimos a preguntarnos que se fixo mal e que se podería mellorar para cando a seguinte pandemia faga a súa aparición. Do que pasou, da resposta da sociedade e do rescate da ciencia escribo extensamente en ConSciencia.
A xeración Covid
A xeración Covid poderíase enmarcar no rango dos vinte ou trinta anos dos que vivimos a pandemia como adultos ou cativos, e tamén nas vidas dos que nacerán nos vindeiros anos; pero xa non consideramos se a pandemia dará forma a unha xeración, o que estamos a reflexionar agora é en que medida o fará.
A pandemia foi un evento psicolóxico multifacético que afectou ao desenvolvemento da identidade, especialmente da xente máis nova, ao xerar incerteza sobre o futuro, interrompendo as experiencias educativas habituais e as rutinas, as actividades sociais, e facendo que moitos mozos durante os períodos de illamento quedasen marcados pola ausencia das relacións sociais, os cambios da súa educación e como todo isto afectaría ao seu futuro
A pandemia foi un evento psicolóxico multifacético que afectou ao desenvolvemento da identidade, especialmente da xente máis nova, ao xerar incerteza sobre o futuro, interrompendo as experiencias educativas habituais e as rutinas, as actividades sociais, e facendo que moitos mozos durante os períodos de illamento quedasen marcados pola ausencia das relacións sociais, os cambios da súa educación e como todo isto afectaría ao seu futuro. Os cativos e os adolescentes en particular foron máis vulnerables a sufrir problemas de saúde mental. Estudos lonxitudinais revelaron que unha porcentaxe alta de adolescentes experimentaron un aumento dos problemas de saúde mental durante a pandemia en comparación coa prepandemia, especialmente se tiñan vulnerabilidades preexistentes. Ademais destes desafíos na saúde mental, a pandemia tamén interrompeu os fitos e etapas típicas do desenvolvemento na infancia. Ben é certo que, en gran medida, como a pandemia afectou a xente máis nova, veu determinado pola forma en que os pais manexaron a situación nos fogares e como afrontaron as novas incertezas desafiantes. Este fenómeno tamén produciu situacións de desigualdade, sendo a rapazada con menos recursos os máis vulnerables a sufrir un maior impacto.
O mundo vacinado
O rápido desenvolvemento e distribución das vacinas foi posible grazas a un nivel sen precedentes de investimento económico, tanto do sector público como do privado. A comunidade científica demostrou con dilixencia a eficacia e seguridade das vacinas, garantindo unha protección esencial. Os avances nas vacinas de nanopartículas de ARN para a Covid abriron o camiño a tratamentos revolucionarios
As vacinas chegaron como a salvación, e con esa inxección de protección púidose recuperar pouco a pouco esa normalidade tan ansiada. Sen dúbida, a importancia da vacinación contra a Covid e outras enfermidades está a rescatar a humanidade de moitos problemas de saúde que antes custaban vidas.
O rápido desenvolvemento e distribución das vacinas foi posible grazas a un nivel sen precedentes de investimento económico, tanto do sector público como do privado. A comunidade científica demostrou con dilixencia a eficacia e seguridade das vacinas, garantindo unha protección esencial. Os avances nas vacinas de nanopartículas de ARN para a Covid abriron o camiño a tratamentos revolucionarios para moitas outras condicións, e a aplicación da nanomedicina no deseño de fármacos marca un dos avances tecnolóxicos máis significativos durante a pandemia. O Premio Nobel de Medicina 2023 foi concedido xustamente á doutora Katalin Karikó e ao doutor Drew Weissman polo seu traballo innovador na tecnoloxía do ARN mensaxeiro. Estas nanovacinas son a culminación de máis de corenta anos de investigación interdisciplinar en biofísica de lípidos, que implica a síntese de moléculas que forman estruturas nanométricas que encapsulan o ARN, e que, en consecuencia, funcionan con efectividade activando o sistema inmunitario. A súa investigación non só avanzou o desenvolvemento da vacina de ARN contra o SARS-CoV-2, senón que tamén anunciou novas tecnoloxías de administración de medicamentos que melloran a eficacia do tratamento para enfermidades neurolóxicas e mesmo para varios tipos de cancros. A nanotecnoloxía está destinada a transformar os tratamentos e introducir terapias para enfermidades neurolóxicas ou xenéticas que actualmente non son tratables.
A mellora na sanidade non sacou boa nota na etapa pospandémica, seguen a sentirse as repercusións das interrupcións nos servizos sanitarios, as longas listas de espera ou os efectos da inequitativa e lenta distribución mundial das vacinas
Ademais, sabemos que as vacinas confiren tamén protección entre un 40 e un 50 por cento fronte aos síntomas persistentes da Covid. Malia que agora non estamos espidos de inmunidade e a pandemia puxo freo, o virus SARS-CoV-2 quedou con nós e segue a circular. As vacinas de reforzo adaptadas ás variantes están aprobadas, malia que as estatísticas de saúde pública mostran que moitas persoas maiores e máis vulnerables non as aceptaron. A mellora na sanidade non sacou boa nota na etapa pospandémica, seguen a sentirse as repercusións das interrupcións nos servizos sanitarios, as longas listas de espera, os efectos da inequitativa e lenta distribución mundial das vacinas e a prevalencia da falta de información e desconfianza nas autoridades sanitarias seguen a ser un problema moi serio.
A herdanza dos síntomas persistentes
Existe un capítulo da pandemia que quedou sen pechar, o impacto das secuelas da Covid
Existe un capítulo da pandemia que quedou sen pechar, o impacto das secuelas da Covid. Aínda que a esta inicialmente se considerou unha enfermidade respiratoria aguda, as manifestacións esténdense aos sistemas cardiovascular, respiratorio, neuropsiquiátrico, musculoesquelético, reprodutor e gastrointestinal, que poden persistir meses ou anos despois da infección. Hai catro anos, na primavera de 2020, a investigación médica e os pacientes acuñaron o termo “Covid persistente” para describir unha forma de infección viral da que a recuperación se estendía por longos períodos de tempo. Sen dúbida, a herdanza da pandemia é a Covid persistente, converténdose nunha enfermidade crónica que causa unha longa lista de síntomas, desde fatiga extrema ata néboa cerebral, tremores, náuseas, dores de cabeza, latexos cardíacos rápidos e moitos máis. A principios de 2021, un equipo de doutoras publicamos un artigo na revista Scientific Research, do grupo editorial de Nature, onde esbozabamos os síntomas que arrastraba a enfermidade nas persoas adultas. Posiblemente foi a primeira recompilación de todos os estudos de Covid persistente que se publicaron en 2020. Un ano máis tarde publicamos na mesma revista o estudo da Covid persistente pediátrica, con síntomas menos predominantes ca os adultos
Estímase que entre o 1 e o 10 por cento da poboación mundial padecen síntomas de Covid persistente, dos que os máis frecuentes son os trastornos no sistema nervioso das persoas infectadas, os patróns de sono-vixilia alterados, o adormecemento das mans volveuse persistente ou as dores de cabeza recorrentes
Hoxe sabemos que o sexo feminino tamén é un factor de risco nos adolescentes e enfermidades subxacentes como a asma.
Estímase que entre o 1 e o 10 por cento da poboación mundial padecen síntomas de Covid persistente, dos que os máis frecuentes son os trastornos no sistema nervioso das persoas infectadas, os patróns de sono-vixilia alterados, o adormecemento das mans volveuse persistente, as dores de cabeza recorrentes que apareceron sen causa aparente, alteracións nas funcións respiratoria, gastrointestinal e renal, entre outras. A chamada neuro-Covid persistente caracterízase por unha serie de síntomas neurolóxicos e alteracións fisiolóxicas en curso, e o seu impacto abarca todos os grupos de idade, afectando a nenos, adultos e persoas maiores. Incluso unha infección leve por Covid pode desencadear unha desregulación multicelular no cerebro, o que provoca impactos a longo prazo na memoria e na función executiva. A disautonomía, e especialmente a néboa cerebral asociada, a fatiga e os mareos, convertéronse en afeccións comúns.
Diagnóstico e tratamentos para a Covid persistente
Non temos as ferramentas de diagnóstico global que funcione para todos os pacientes con Covid persistente, porén as probas existentes para obter resultados máis precisos melloraron moito. Ademais, xurdiron unha serie de novos tratamentos, e novos ensaios clínicos que demostraron ser eficaces para xestionar os síntomas prolongados da Covid
En tan pouco tempo percorremos un longo camiño, os médicos teñen unha maior comprensión de que a Covid pode causar síntomas graves a longo prazo, aínda que hai moito que non entendemos, e moitas das súas causas non están de todo aclaradas, polo que queda por destapar os principais mecanismos fisiopatolóxicos que inclúen o reservorio viral, a disbiose do microbioma intestinal, a disfunción endotelial, a autoinmunidade e a inflamación crónica. A replicación viral persistente ou os restos de antíxeno e ARN do virus agochados nos tecidos que están a causar inflamación crónica poden ser as causas máis comúns ás que se deben de dirixir os tratamentos.
Non temos as ferramentas de diagnóstico global que funcione para todos os pacientes con Covid persistente, porén as probas existentes para obter resultados máis precisos melloraron moito. Ademais, xurdiron unha serie de novos tratamentos, e novos ensaios clínicos que demostraron ser eficaces para xestionar os síntomas prolongados da Covid.
A dificultade de atopar bos marcadores de diagnóstico e tratamentos para a xente que padece Covid persistente é a variabilidade da enfermidade a nivel individual. Segue a ser un obxectivo en movemento que cambia en función da variante do SARS-CoV-2 e das vulnerabilidades do paciente, tanto de inmunidade, xenéticas ou fisiolóxicas. Por exemplo, o risco de contraer Covid persistente despois da infección coa variante do SARS-CoV-2, Omicron é preto da metade en comparación coa variante Delta. Polo tanto, estase mellorando na identificación do fenotipo ou a manifestación da afección para diagnosticar e dar un tratamento en consecuencia.
Existen moitos ensaios clínicos que poden traer a esperanza a millóns de pacientes que padecen infinidade de síntomas debilitantes
As probas de catecolaminas, por exemplo, agora utilízanse habitualmente para diagnosticar Covid persistente, especialmente naqueles que teñen disautonomía, unha condición causada pola disfunción do sistema nervioso autónomo e marcada por mareos, presión arterial baixa, náuseas e néboa cerebral. Tamén se mostraron certos biomarcadores indicativos da condición, incluíndo niveis baixos de serotonina en pacientes con esta enfermidade. Unha infección respiratoria leve pode desencadear cambios na microglia, que son as células inmunitarias do cerebro, que dunha forma crónica non se pode restaurar ao estado homeostático. E iso resulta en cambios que son consistentes coa néboa cerebral e a disfunción neurocognitiva.
Xurdiron tratamentos prometedores, pero de novo, ter unha comprensión dos porqués, por suposto, podería ser importante en termos de investigación eventual dos tratamentos. O nervio vago é o principal nervio do sistema nervioso parasimpático que controla todo, desde a dixestión ata a saúde mental. Existe unha relación entre a disfunción do nervio vago e algúns síntomas longos da Covid. A estimulación do nervio vago é unha forma de tratamento que consiste no uso dun dispositivo para estimular o nervio con impulsos eléctricos. Este tratamento podería empregarse en pacientes con fatiga, néboa cerebral, ansiedade ou depresión.
Estanse a usar bloqueadores beta para tratar a síndrome de taquicardia postural, un síntoma que ocorre cando a frecuencia cardíaca aumenta rapidamente despois de que alguén se pon de pé ou se deita. Ademais, algúns pacientes responden ben ás baixas doses deste tratamento para a fatiga extrema asociada ao Covid persistente.
Existen moitos ensaios clínicos que poden traer a esperanza a millóns de pacientes que padecen infinidade de síntomas debilitantes. Por exemplo, a reutilización de dous antivirais contra o VIH para ver se afectan os niveis de virus SARS-CoV-2 circulantes no organismo reducindo a reactivación de virus latentes, que é o que causa os síntomas de Covid persistente. Outros ensaios en curso están a analizar a promesa dos anticorpos monoclonais contra o SARS-CoV-2 como opción de tratamento. Os ensaios están a investigar se estes anticorpos poden dirixirse de xeito similar aos reservorios virais que están causando os síntomas persistentes.
Preocupa sobre todo a natureza crónica da Covid persistente. Como a inflamación crónica pode desencadear enfermidades neurodexenerativas ou neuropsiquiátricas nos vindeiros anos ou décadas para as que estamos aínda moi lonxe de ter bos tratamentos
Outros ensaios clínicos están en marcha a través da iniciativa RECOVER dos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) na que están inscritos máis de dezasete mil pacientes. Teño o privilexio de formar parte do comité científico que avalía estas investigacións, e só as máis prometedoras conseguirán fondos de diñeiro público para dar con mellores tratamentos, e verdadeiramente son optimista e creo que así o farán.
Malia que todo este investimento en fondos para investigacións co obxecto de comprender mellor os mecanismos, os factores de risco e para dar con mellores diagnósticos e tratamentos para os afectados pola Covid persistente, a falta de urxencia frea o proceso, a iniciativa non avanza o suficientemente rápido e cómpre impulsar máis esforzos nesta tarefa investigadora.
Preocupa sobre todo a natureza crónica da Covid persistente. Como a inflamación crónica pode desencadear enfermidades neurodexenerativas ou neuropsiquiátricas nos vindeiros anos ou décadas para as que estamos aínda moi lonxe de ter bos tratamentos. Tamén a calidade de vida das persoas que viven con Covid persistente limita a súa actividade laboral e social, engadindo unha dificultade extrema no seu día a día e sen agardar por un tratamento que solucione o problema.
A mensaxe
Se algo nos quedou claro da pandemia é a maneira de como debemos de tratar os pacientes. A medicina tal e como se aplica agora quedará obsoleta e a revolución da medicina personalizada, de precisión e integrativa para a mellora do diagnóstico e tratamento de moitas enfermidades será o futuro
A pesar dos notables avances científicos e médicos, factores políticos, socioeconómicos e de comportamento máis amplos minaron a resposta á pandemia. Un grupo multidisciplinar internacional de case catrocentos investigadores, expertos académicos, ou sanitarios elaboramos un informe publicado pola revista Nature no ano 2022 onde se recomendaron as medidas máis óptimas para rematar ou previr a próxima pandemia. O panel desenvolveu un conxunto de corenta e unha declaracións de consenso e cincuenta e sete recomendacións para Gobernos, sistemas de saúde, industria e outros interesados clave en seis dominios: comunicación, sistemas de saúde, vacinación, prevención, tratamento e coidado e desigualdades. Requiriamos implicación da sociedade e dos Gobernos para manter as medidas de prevención validadas pola ciencia, ou mellorar a comunicación, reconstruír a confianza da sociedade na xestión das respostas á pandemia.
Porén, se algo nos quedou claro da pandemia é a maneira de como debemos de tratar os pacientes. A medicina tal e como se aplica agora quedará obsoleta e a revolución da medicina personalizada, de precisión e integrativa para a mellora do diagnóstico e tratamento de moitas enfermidades será o futuro. Os avances de intelixencia artificial aplicados no ámbito médico representan un gran soporte para dar con mellores tratamentos e afinar os diagnósticos. As novas tecnoloxías coma a xenómica están permitindo deseñar tratamentos personalizados dirixidos a condicións específicas. Posiblemente chegou o momento transcendental da investigación biomédica de aplicar a medicina de precisión para mellorar os diagnósticos e facer os tratamentos máis efectivos, só necesitamos que se dedique o diñeiro preciso para transformar este avance nunha realidade. Aplicar o coñecemento científico e os avances tecnolóxicos para afrontar desafíos médicos mellorará a calidade de vida e a saúde. A ciencia é cada vez máis innovadora, aínda que estaremos esperando da súa aplicabilidade e repercusión na sociedade que dependerá de varios factores. A xeración de perfís personalizados que integren todos os datos nunha plataforma de intelixencia artificial de aprendizaxe autonómica axudará a que os tratamentos se axusten a cada individuo. Quédanos a incerteza de se os facultativos médicos estarán preparados para integrar estas tecnoloxías á súa practica clínica, se se fiarán delas, e, o máis importante, se saberán darlles unha interpretación dos datos aos doadores.
O pulo de moitas destas investigacións para combater a Covid salpicou para ben o avance no diagnóstico e tratamento doutras enfermidades. Agora só nos queda aproveitarnos do aprendido e usalo para seguir avanzando. A pandemia deixounos a meirande das aprendizaxes e resultou ser unha chamada de atención para analizar as nosas prioridades, pensar na valía do noso tempo e vivir coa mellor saúde biolóxica, psicolóxica e social
O pulo de moitas destas investigacións para combater a Covid salpicou para ben o avance no diagnóstico e tratamento doutras enfermidades. Agora só nos queda aproveitarnos do aprendido e usalo para seguir avanzando. A pandemia deixounos a meirande das aprendizaxes e resultou ser unha chamada de atención para analizar as nosas prioridades, pensar na valía do noso tempo e vivir coa mellor saúde biolóxica, psicolóxica e social.
Referencias
- Lazarus, J. V., Romero, D., Kopka, C. J. et al. (2022). “A multinational Delphi consensus to end the COVID-19 public health threat”, Nature 611, pp. 332-345, https://doi.org/10.1038/s41586-022-05398-2.
- López-León, S., Wegman-Ostrosky, T., Perelman, C., Sepulveda, R., Rebolledo, P. A., Cuapio, A., e Villapol, S. (2021). “More than 50 long-term effects of COVID-19: a systematic review and meta-analysis”, Scientific Reports 11(1), 16144, pp. 1-12, https://doi.org/10.1038/s41598-021-95565-8.
- López-León, S., Wegman-Ostrosky, T., Ayuzo del Valle, N. C. et al. (2022). “Long-COVID in children and adolescents: a systematic review and meta-analyses”, Scientific Reports 12(1), 9950, https://doi.org/10.1038/s41598-022-13495-5.
- Villapol Salgado, Sonia (2023). ConSciencia: a ciencia que nos rescatou da pandemia. Vigo: Edicións Xerais.