PSA Citroën busca pór en marcha dous novos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) na súa planta de Vigo ao prever o grupo un descenso do 30% nas vendas durante este ano. A intención chega nun martes no que os afectados por ERTE en Galicia sumaron 3.000 máis en 24 horas, chegando case as 203.000 persoas e un total de 31.828 expedientes activos (uns 500 máis nun día) por mor do estado de alarma polo coronavirus, segundo datos da Consellería de Economía.
A dirección de PSA prevé un descenso do 30% nas vendas neste 2020
Foi na primeira reunión para a negociación do ERTE por causas organizativas onde a dirección de PSA Vigo anunciou aos sindicatos a intención de facelo en dúas fases.
A primeira sería de 55 días desde o momento no que e reinicie a actividade --previsto para o vindeiro día 20 áinda que non confirmado-- e ata agosto. A empresa xustifica este ERTE polos axustes necesarios no que será un inicio de actividade aos poucos: primeiro unha quenda por liña de produción durante quince días, logo dúas quendas outras dúas semanas e unha cuarta que se incorporaría en xullo.
PSA solicitará 90 días de ERTE ata final de ano, 55 para a primeira fase e 35 para a segunda
A segunda fase do ERTE sería de agosto e ata final de ano e consta de 35 días, xa non por razóns produtivas senón pola previsión do descenso de vendas nun 30%. En total, solicítanse 90 días de expediente temporal ata final de ano, 55 para a primeira fase e 35 para a segunda.
O expediente, en negociacion cos sindicatos, afectaría unicamente o persoal a xornada completa (uns 3.400, a metade do cadro) e entraría en vigor sempre e cuando o ERTE por forza maior deixase de aplicarse, un detalle importante xa que é neste "onde todos os colectivos están cubertos e protexidos", tal e como destacan os sindicatos.
Así, as centrais prevén chegar a un acordo antes da fin de semana e ante a posiblidade de que o actual ERTE non extea vixente xa o vindeiro luns ao depender de como se regule legalmente a prórroga do estado de alarma.