As persoas entre 30 e 44 anos e as familias con crianzas, quen máis prexuízo económico sufriron por mor da pandemia

Persoas con máscara, nunha rúa dunha cidade galega antes do levantamento da obriga xeral de portalas CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A pandemia de COVID-19 provocou nos seus dous anos un gran número de efectos económicos e sociais, tanto a nivel colectivo como individual, especialmente nos meses de confinamento estrito, na primavera de 2020. Hai uns días o Instituto Galego de Estatística publicou unha ampla serie de datos que lle poñen cifras a estes efectos, medindo o seu alcance nos diferentes grupos de idade, tipoloxías de familia ou lugares de residencia. 

Un 28% das persoas entre 30 e 44 anos viron baixar nalgún momento os seus ingresos, o mesmo que o 20% das persoas entre 45 e 64 anos

Entre os datos máis rechamantes que achega o estudo está a distinta maneira en que a pandemia afectou a nivel económico. Un 15% dos galegos e galegas sinalan que por mor da COVID-19 os seus ingresos diminuíron, mentres que para a gran maioría non houbo efecto ningún (83,4%) e unha minoría (1,25%) afirma que os seus ingresos económicos aumentaron.

Porén, hai grandes diferenzas en función da idade. Mentres que a poboación maior de 65 anos non viu alterada a súa economía (apenas un 1,79% di que os seus ingresos diminuíron), un 28% das persoas entre 30 e 44 anos si viron baixar nalgún momento os seus ingresos, o mesmo que o 20% das persoas entre 45 e 64 anos.

As parellas con crianzas foron as máis prexudicadas, con descenso de ingresos no 39,5% dos casos. As familias monoparentais (29%) e as parellas sen fillos (20,5%) sufriron tamén prexuízos por riba da media. 

Hai tamén importantes diferenzas segundo o tipo de familia. As parellas con crianzas foron as máis prexudicadas, con descenso de ingresos no 39,5% dos casos. As familias monoparentais (29%) e as parellas sen fillos (20,5%) sufriron tamén prexuízos por riba da media. 

Segundo o IGE, a pandemia fixo que se incrementase a taxa de risco de pobreza en Galicia. O informe recolle que o 11,69% dos fogares galegos reduciron a súa capacidade de aforro e que o 9,12% víronse obrigados a recorrer a aforros previos para o seu sostemento. Así mesmo, un 2,4% das familias tiveron que solicitar algunha axuda económica da administración.

A aplicación dos ERTE permitiu que durante a pandemia fose moi reducido o número de empregos que se perderon. 

Gran parte deste efecto negativo foi debido a cambios no eido laboral. Un 3,3% dos asalariados e asalariadas tivo que coller vacacións forzadas nalgún momento, un 3% viu reducida a súa xornada laboral (aínda que unha porcentaxe semellante viu incrementada esta xornada) e un 2,55% sufriu un recorte no seu soldo. Ademais, un 6% dos traballadores e traballadoras viviu un cambio de horario ou quenda e ata un 18% do persoal tivo que teletraballar, ao redor de 175.000 persoas en Galicia. 

Con todo, a aplicación dos ERTE permitiu que durante a pandemia fose moi reducido o número de empregos que se perderon. De feito, Galicia gañou 10.000 empregos durante o ano 2021, aínda que se trata dunha cifra que en termos relativos a sitúa entre as comunidades con peor comportamento.

A pandemia tivo tamén importantes efectos negativos sobre a conciliación. Máis do 30% dos nenos e nenas de 3 a 12 anos deixaron de acudir a actividades extraescolares

A pandemia tivo tamén importantes efectos negativos sobre a conciliación. O peche dos centros de ensino e doutras actividades para as crianzas (e tamén as maiores cautelas dalgúns proxenitores antes a posibilidade de contaxios) incrementou as necesidades de coidados no fogar. O IGE ponlle cifras a esta realidade, sinalando que 3.548 nenos e nenas menores de 3 anos deixaron de ir á escola infantil por por da COVID. De igual xeito, ao redor de vinte mil nenos e nenas entre 3 e 12 anos deixaron facer uso dos comedores escolares por distintos motivos relacionados coa pandemia e que 7.566 fixeron o mesmo co transporte escolar.

O efecto foi aínda maior no caso das actividades extraescolares, deportivas e clases particulares, realizadas nos propios centros de ensino e tamén noutros espazos. Neste caso, máis do 30% dos nenos e nenas deixaron de acudir a actividades extraescolares por mor da pandemia (case 63 mil).

Un 50% dos seus usuarios e usuarias deixaron de ir ao ximnasio ou á piscina, un 57% deixou de viaxar e un 53% deixou de ir ao cine, ao teatro ou a concertos. Tamén se reduciu o uso do transporte público

Os cambios de hábitos foron múltiples. Nalgúns casos comezamos a facer con máis frecuencia determinadas accións que antes ocupaban moito menos tempo nas nosas vidas (videochamadas, consumo de series e películas...). De igual xeito, deixamos de facer moitas cousas ou reducimos a súa frecuencia (acudir ao cine, ir ao ximnasio, viaxar, ir a restaurantes...), mudanzas persoais que provocaron á súa vez importantes efectos económicos.

Así, o IGE recolle que nalgún momento da pandemia o 28% dos galegos e galegas deixou de usar o transporte público e o 44% recoñece que pasou a usalo "menos". Así mesmo, reducíronse as visitas a familiares e amizades. E ata un 50% dos seus usuarios e usuarias deixaron de ir ao ximnasio ou á piscina, un 57% deixou de viaxar e un 53% deixou de ir ao cine, ao teatro ou a concertos.

Incrementouse o consumo de produtos audiovisuais na casa, as videochamadas ou a navegación por Internet e o xogo en liña. Tamén a lectura

Pola contra, incrementouse de forma moi importante o consumo de produtos audiovisuais na casa (49%), tamén as chamadas e videochamadas a familiares e amizades, ou a navegación por Internet e o xogo en liña (+37%). Tamén se incrementou o tempo dedicado á lectura (+28%), á realización de manualidades, bricolaxe ou costura (+18%) e ao coidado de xardíns, hortas e animais domésticos (+16%).

Máis do 21% dos galegos e galegas recoñecen que a súa saúde física empeorou durante a pandemia, un prexuízo que foi máis importante para as persoas de maior idade, pois o 28% dos maiores de 65 anos se atopou nesta situación

Algúns destes cambios de hábitos e o propio contexto da pandemia tiveron efectos negativos para a saúde, tanto a nivel físico como mental, en moitos casos ligado isto último a situacións de soidade. De igual xeito, diminuíron as consultas médicas, ben pola propia saturación dos centros sanitarios ou polo medo a un contaxio. 

Neste senso, máis do 21% dos galegos e galegas recoñecen que a súa saúde física empeorou durante a pandemia, un prexuízo que foi máis importante para as persoas de maior idade, pois o 28% dos maiores de 65 anos se atopou nesta situación. O empeoramento foi maior no caso das mulleres e para a poboación urbana, mentres que o efecto foi inferior nas localidades de menos de 20.000 habitantes.

O 25,5% da poboación galega deixou de acudir ao médico ou ao dentista durante a pandemia a pesar de necesitar facelo

Entre os datos máis rechamantes achegados polo IGE está o feito de que o 25,5% da poboación galega afirme que deixou de acudir ao médico ou ao dentista durante a pandemia a pesar de necesitar facelo, case 600.000 persoas. Esta situación afectou máis á poboación de máis de 65 anos (30,42%), a que máis adoita necesitar unha atención médica continuada, pero tamén a que máis cautelas adoptaba ante un posible contaxio.

O 41,5% das mulleres afirma que a súa saúde emocional empeorou, fronte ao 31,1% dos homes

O efecto negativo sobre a saúde "emocional" foi aínda maior. O 36,6% afirma que esta empeorou durante a pandemia, unha tendencia que neste caso non rexistra grandes diferenzas entre os distintos grupos de idade: sucedeulle ao 38% da poboación maior de 65 anos e ao 31,6% dos menores de 30 anos. 

De novo o efecto máis negativo tivo lugar nas cidades e, de forma moi destacada, nas mulleres, pois un 41,5% afirma que a súa saúde emocional empeorou, fronte ao 31,1% dos homes.

A soidade tivo un papel destacado neste empeoramento e o 40% das persoas que viven soas experimentaron este sentimento negativo máis que antes da pandemia, unha situación que se deu en todos os grupos de idade case por igual.

Nas cidades menos do 35% valora como axeitados os espazos exteriores das súas vivendas (patios, xardíns...) e case un 42% os cualifica de "malos" ou "moi malos". Pola contra, nas localidades de menos de 20.000 habitantes, a situación é inversa e a dispoñibilidade de espazos exteriores adecuados é maioritaria (75%)

Finalmente, o IGE introduce algunhas cuestións relativas ao espazo físico no que os galegos e galegas viviron durante a pandemia, por exemplo ligadas á súa "satisfacción" co tamaño da súa vivenda ou coa "dispoñibilidade" de luz natural ou de espazos exteriores durante o confinamento. Neste caso, obsérvase unha gran diferenza entre as respostas das persoas que viven nas cidades e as que habitan en concellos de menos de 20.000 habitantes. 

Mentres que nas cidades menos do 35% valora como axeitados os espazos exteriores das súas vivendas (patios, xardíns...) e case un 42% os cualifica de "malos" ou "moi malos", nas localidades de menos de 20.000 habitantes, a situación é inversa e a dispoñibilidade de espazos exteriores adecuados é maioritaria (75%) e só un 12,75% ten queixas a este respecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.