Unha das ideas forza coa que Pablo Casado acudiu a Santiago a pasada fin de semana foi a de prometer a creación dun Ministerio da Familia no caso de que poida gobernar tras as eleccións xerais do 28 de abril. O líder do PP encadrou esa promesa na loita contra o "inverno demográfico" e complementouna asegurando que, de ser presidente do Goberno de España, apoiará a antiabortista Red Madre -ente creado polo Foro Español de la Familia- como xa está a facer a Xunta dende hai unha década.
Ao lanzar a súa proposta de Ministerio de Familia os populares non están a lembrar que un departamento coma ese xa existiu na Xunta, que contou con Consellería de Familia de 1994 a 2005
En clave estatal a proposta de Casado foi lida tamén en clave de eventuais pactos postelectorais con Ciudadanos e Vox. Non en van, a creación dunha Consellería de Familia -finalmente, de Saúde e Familias- foi un dos puntos máis mediáticos dos acordos que deron lugar, a finais de 2018, ao acordo de dereitas para gobernar Andalucía.
No entanto, nin daquela nin agora os propios populares lembraron que a creación -cando menos, nominalmente- dun departamento gobernamental especificamente dedicado á familia xa foi posto en práctica en Galicia. Concretamente, sucedeu durante once anos anos sen que se percibisen cambios especialmente relevantes na dinámica demográfica de xeito inmediato nin cando foi creada nin cando desapareceu.
Manuela López Besteiro estivo á fronte da Consellería de Familia de 1994 a 2003, cando foi substituída no cargo por Pilar Rojo
Foi na segunda lexislatura de Manuel Fraga como presidente da Xunta, a iniciada tras as eleccións ao Parlamento de 1993, cando o Goberno galego tivo por primeira vez unha Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Fraga situou á súa fronte a Manuela López Besteiro, que recuncou como titular do mesmo departamento na lexislatura seguinte, cando pasou a denominarse Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nuns anos nos que a Xunta ía gañando competencias en materia laboral.
López Besteiro seguiu á fronte deste mesmo departamento na primeira metade da que sería derradeira lexislatura de Fraga na Presidencia. A principios de 2003, en plena crise do Prestige, o fundador do PP enviou á veterana conselleira como cabeza de lista do PP para as municipais en Lugo, que rematarían cunha maioría absoluta do PSdeG de Xosé López Orozco. No seu lugar tomou posesión Pilar Rojo como nova conselleira dun departamento que, ao fío do naufraxo do petroleiro, pasou a ser Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e, pouco despois, Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.
Os datos demográficos de Galicia empeoraron durante a primeira media década da Consellería de Familia e despois melloraron ata o estourido da crise económica
Os datos demográficos daqueles anos non parecen indicar que a existencia ou non dunha Consellería de Familia condicionase especialmente o dinamismo demográfico do país. Así, durante a primeira media década en que existiu este departamento o saldo vexetativo de Galicia seguiu empeorando ata tocar fondo en 1999, con case 11.000 mortes máis que nacementos.
No anos seguintes a natalidade aumentou un chisco e o saldo vexetativo comezou a mellorar. Pero o certo é que o seguiu facendo tamén despois de 2005, cando coa chegada do Goberno de coalición de PSdeG e BNG a Consellería de Familia foi remudada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. En 2008 o número da nacementos en Galicia foi o mellor en dúas décadas, pero co estourido da crise económica regresou a senda descendente e o saldo vexetativo emprendeu outra volta un devalo que aínda continúa.