O líder popular gábase de firmeza contra a corrupción en 30 anos de carreira política, nos que relativizou condenas, obviou imputacións e evitou perseguir delitos
"Xamais, xamais houbo ninguén do meu goberno nin ninguén do meu equipo imputado por corrupción, e son 30 anos, xamais". A frase pronunciouna este domingo nun acto en Málaga o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, remitíndose á súa longa carreira como cargo público, tanto como presidente da Xunta como nos seus anteriores postos á fronte de Correos, o Insalud ou como conselleiro de Manuel Fraga. Porén, só durante a súa presidencia da Xunta foron varios os momentos nos que Feijóo relativizou condenas, obviou imputacións ou evitou perseguir casos de corrupción así sentenciados pola xustiza.

A condena máis significativa por corrupción na Xunta durante a presidencia de Feijóo foi a do caso Campeón arredor do empresario lucense Jorge Dorribo. Tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios foron os delitos polos que foron condenados en 2017, por axudar a Dorribo, o daquela deputado autonómico do PP Pablo Cobián, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, e o subdirector de Información Especializada dese mesmo ente dependente da Consellería de Economía, Carlos Silva. No caso Campeón o propio Feijóo avalou que a Xunta non acusase aos tres cargos políticos malia si pedir penas contra os outros nove empresarios tamén implicados e fronte ao criterio da Fiscalía de actuar contra todos eles.
No caso Campeón Feijóo defendeu que a Xunta non acusase a un alto cargo despois condenado por corrupción, e unha vez sentenciado fíxolle un recoñecemento expreso
Segundo a visión de Feijóo do caso, os seus altos cargos poderían ser responsables de "unha mala xestión" pero non vía neles "responsabilidade penal". A súa visión estaba errada e foron condenados. Pero Feijóo non cesou na súa defensa dos delincuentes. Tempo despois, nun acto de aniversario do Igape, o presidente mesmo chegou a facer un recoñecemento público e expreso ao director dese organismo condenado no caso Campeón.
Igual que o Goberno galego decidiu non acusar aos dous altos cargos da Xunta condenados no Campeón, tampouco acusou a un dos dous técnicos da Consellería de Cultura e da entidade xestora do Xacobeo condenados por suborno tamén en 2017 nunha trama de corrupción con arte sacra rehabilitada con fondos públicos, o denominado caso Retablo, con centos de miles de euros polo medio. O caso saldouse coa aceptación por parte da Xunta dun acordo polo que os dous técnicos autonómicos condenados viron rebaixadas as súas penas a multas de só 2.000 e 720 euros respectivamente. “Delinquir non sae barato”, valorou Feijóo esas condenas.

Nas súas verbas deste domingo Feijóo tamén negou que xamais ninguén do seu goberno estivese imputado por corrupción. Pero si sucedeu ao comezo do mesmo co daquela conselleiro de Medio Ambiente, Teritorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Aínda que o caso acabaría en nada, sendo conselleiro estivo imputado por falsidade documental por uns feitos ocorridos uns anos antes, cando traballaba para a Deputación de Pontevedra e certificou como acabada unha obra que non o estaba, o que facilitou que a administración pagase á empresa. Por baixo dese nivel de conselleiro tamén estiveron imputados outros moitos altos cargos, como a directora de Infraestruturas e despois conselleira Ethel Vázquez, no antedito caso Campeón.
Feijóo chegou a presentar ao socialista Griñán, xa condenado polos ERE, como "vítima" e non como culpable "porque me parece que é unha persoa que non se caracteriza por ser unha persoa corrupta”
Pero Feijóo tamén ten no seu pasado como presidente da Xunta diversas declaracións nas que relativizou casos de corrupción. Fíxoo cos seus altos cargos condenados no caso Campeón, negou que o PP estivese condenado por corrupción no caso Gürtel e mesmo presentou o ex-presidente andaluz José Antonio Griñán como "vítima" cando foi condenado polo caso dos ERE.
"Eu o sinto por Griñán porque me parece que é unha persoa que non se caracteriza por ser unha persoa corrupta”, dixo en 2019 Feijóo. Segundo o popular, Griñán, condenado por corrupción, "é vítima do aparato do PSOE" e "vítima dunha sistemática do PSOE para manterse en Andalucía".
Ademais destas declaracións e renuncias a perseguir delitos desde a Xunta, o Goberno galego tamén rexeitou durante os anos de presidencia de Feijóo que en Galicia se puidese crear unha Fiscalía Anticorrupción.