Feijóo presenta o ex-presidente andaluz Griñán como "vítima" tras a condena dos ERE porque non lle "parece" corrupto

Feijóo, ao carón de Griñán na conferencia de presidentes autonómicos celebrada no Senado en 2012 © Goberno de Navarra

O presidente da Xunta fala do “maior caso de corrupción da democracia” pero rexeita comparalo coa Gürtel para non usar o 'ti máis'”

“É vítima do aparato do PSOE” e “vítima dunha sistemática do PSOE para manterse en Andalucía”. Así presentou este xoves o presidente Feijóo ao ex-presidente da Junta de Andalucía José Antonio Griñán, que vén de ser condenado a seis anos de cadea polo caso dos ERE. Feijóo, licenciado en Dereito, adoita pedir respecto pola Xustiza ante todo tipo de decisións xudiciais e asegurar que os políticos non están por riba da lei, pero desta volta vén de considerar que o condenado Griñán é “vítima” e non culpable porque a el así llo “parece”. 

Feijóo durante a rolda de prensa posterior ao consello da Xunta deste 21 de novembro CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

“Eu o sinto por Griñán porque me parece que é unha persoa que non se caracteriza por ser unha persoa corrupta”, dixo Feijóo

Na rolda de prensa semanal posterior ao Consello da Xunta deste xoves a TVG preguntou a Feijóo pola súa valoración da sentenza dos ERE coñecida esta semana e polas negociacións entre PSOE e Podemos para a formación do Goberno central. A resposta do presidente da Xunta foi considerar o ocorrido en Andalucía “o maior caso de corrupción” da historia da democracia en España. Pero sen que ninguén lle preguntase en concreto pola figura de Griñán, o propio Feijóo exculpouno: “Eu o sinto por Griñán porque me parece que é unha persoa que non se caracteriza por ser unha persoa corrupta”, dixo, para engadir máis tarde unha nova opinión ao respecto. “Me parece que paga el unha forma de facer política do seu partido”. 

Feijóo considera que a corrupción dos ERE afecta a "toda a estrutura do PSOE" pero defende unha gran coalición do PP cos socialistas se Pedro Sánchez se aparta

Máis alá dos seus pareceres sobre Griñán, Feijóo non quixo comparar o caso dos ERE coa Gürtel que condenou o financiamento ilegal do PP. “Non vou utilizar o ‘ti máis’”, dixo, tras asegurar que o caso andaluz “afecta a todo o aparato e toda a estrutura do PSOE”.

Porén, malia considerar que o caso dos ERE afecta a todo o PSOE, Feijóo vén defendendo que o PP podería apoiar unha gran coalición cos socialistas se o presidente en funcións Pedro Sánchez se aparta. Nesa liña insistiu este mesmo xoves poñendo ao tempo o foco do caso ERE sobre o Goberno de Pedro Sánchez, ao que pediu explicacións. Segundo dixo, a sentenza andaluza permite “reflexionar sobre a dobre vara de medir” das condenas por corrupción e o “carrusel de hipocrisías e incoherencias do PSOE e Podemos”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.