O PP liga á oposición galega con "manifestacións violentas" e forzará un debate ao respecto no Parlamento

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, en rolda de prensa este 19 de febreiro CC-BY-SA PPdeG

O PP disponse a forzar que o Parlamento de Galicia debata sobre "manifestacións violentas". Non o fará mediante unha iniciativa para o seu debate e posterior votación no pleno ou nunha comisión, senón mediante a proposta dunha declaración institucional, figura habitualmente empregada para asuntos que xeran amplos consensos (como conmemoracións de datas sinaladas ou a adhesión a causas solidarias) e que, de seu, require unanimidade. Ao anuncialo, os populares ligan á oposición galega con esas "manifestacións violentas".

O 'número dous' de Feijóo atribúe ao BNG unha "defensa velada do uso da violencia" e di perseguir "unanimidade na condena" dos "acontecementos dos últimos días en moitas cidades de España"

O número dous de Alberto Núñez Feijóo no organigrama do PP en Galicia, Miguel Tellado, anunciou este movemento en rolda de prensa este venres. O que buscan, di, é "unanimidade na condena" aos "acontecementos dos últimos días en moitas cidades de España". Refírese Tellado a disturbios posteriores a manifestacións de rexeitamento ao encarceramento do rapeiro Pablo Hasél, acontecidos esencialmente en Madrid e Barcelona -en Galicia, a propia Policía deu conta dun único incidente puntual, en Vigo-. Estes serán os seus argumentos para o debate con BNG e PSdeG sobre o texto formulado dende o grupo conservador.

Votación no Parlamento o 9 de febreiro de 2021 © Parlamento de Galicia

Tellado, que relaciona eses feitos noutros puntos do Estado coa situación da pandemia en Galicia, reprocha preventivamente a BNG e PSdeG unha eventual discrepancia para asegurar que, ao seu xuízo, é "curioso" que "amparen este tipo de actos" mentres "din que as axudas da Xunta á hostalería e o pequeno comercio" son "insuficientes". O secretario xeral do PPdeG pon o foco especialmente no Bloque, equiparando as "críticas dalgúns dos seus líderes" ao "traballo" da Policía cunha "defensa velada do uso da violencia".

Tellado recorre ao éuscaro para estender os seus reproches a Podemos e descualificar o vicepresidente Pablo Iglesias como "autor intelectual da kale borroka" 

Entre referencias á participación de Ana Pontón nun acto electoral de Esquerra Republicana tamén secundado por EH-Bildu -ao que xa dedicou Alberto Núñez Feijóo o groso da última sesión de control-, Tellado dá en concluír que no BNG "xustifican as manifestacións violentas como resposta ante as decisións xudiciais". Neste punto, o número dous do PPdeG bota man do éuscaro para estender os seus reproches cara a Podemos e ao vicepresidente segundo do Goberno de España, Pablo Iglesias, a quen descualifica denominándoo "autor intelectual da kale borroka que durante as últimas noites está atacando este país", en referencia a España. "Kale borroka" significa "loita de rúa" en lingua vasca e foi empregado no mesmo contexto nos últimos días por Pablo Casado.

Neste contexto, os populares trasladarán a súa proposta aos órganos do Parlamento -a posibilidade de aprobar declaracións institucionais adoita tratarse na Mesa e na Xunta de Portavoces-. A previsible ausencia de unanimidade é interpretada anticipadamente como un rexeitamento a "condenar calquera forma de violencia como manifestación política". Sexa como for, os populares dispoñen da posibilidade de tramitar un texto idéntico como proposición non de lei, cuxa aprobación estaría garantida en virtude da súa maioría absoluta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.