A oposición acusa o PP de tentar "agochar" a Baltar e Bárcenas co "terrorismo"

Reunión da Xunta de Portavoces, coa oposición en primeiro termo © Parlamento de Galicia

En plena treboada política polos casos de presunta corrupción protagonizados por dirixente e ex dirixentes do PP os conservadores galegos trasladaron este martes á Xunta de Portavoces do Parlamento a súa intención de sacar adiante unha declaración institucional contra o "terrorismo". Na liña do anunciado hai escasas dúas semanas os grupo que sustena o Goberno reclámalle "ao resto de grupos parlamentarios que apoien" un texto "en contra do terrorismo en xeral e de Resistencia Galega en particular". Para PSdeG, AGE e BNG a intención dos populares non é abordar un problema do que non observan dimensións preocupantes en Galicia, senón tender unha "cortina de fume" sobre os episodios protagonizados pola familia Baltar ou polo ex tesoureiro do PP estatal, Luis Bárcenas.

Nesta liña, o voceiro do PSdeG, Abel Losada, lémbralle ao PP que o seu partido tamén "condenou e sufriu historicamente o terrorismo", o que non quita, ao seu entender, que o grupo que encabeza Pedro Puy procure agora sacar adiante esta declaración "para agochara as súas vergoñas, os sobres b e as contratacións escandalosas masivas de familiares directos na Deputación de Ourense". De "cortina de fume" fala tamén o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, quen ve na actitude dos populares unha intención de "coacción psicolóxica sobre os grupos políticos que non estamos polo labor de montar" tales cortinas. "Non permitimos chantaxes", advirte.

Losada, Beiras e Aymerich coidan que o PP procura tender unha "cortina de fume" sobre os casos de presunta corrupción

"Estamos vivindo un proceso de descomposición do sistema" e niso debe centrarse o debate político, advirte Beiras, quen ademais cuestiona a "lexitimidade" moral do PP para promover este tipo de declaracións. Na súa opinión cómpre lembrar que os conservadores "boicotearon" en diversas ocasións a formulación de declaracións institucionais contra a ditadura franquista e a represión promovida por esta, xa fose no Parlamento de Galicia ou no Congreso dos Deputados.

Nun sentido semellante, o vicevoceiro do BNG, Carlos Aymerich -que substituíu a Francisco Jorquera, ausente por motivos persoais- non dubida de que o PP tenta "agochar a polémica sobre a súa contabilidade b". "Chama a atención de que xusto agora que se fala de sobres voadores o PP considere necesario facer unha declaración sobre o terrorismo en Galiza". "Nun momento en que até en Euskadi se está a superar este problema" Aymerich coida que "non é de recibo que o PP tente magnificalo no país, sempre dende a convicción democrática, conste, de que as ideas se defenden con palabras e con acción política, dende o rexeitamento firme da violencia" .

Pola súa banda, o voceiro popular considera que o seu partido ten toda a "lexitimidade moral" para impulsar este tipo de declaración. O PP, di, é un "partido democrático" que ademais "sufriu o terrorismo nas súas propias carnes". Así as cousas, todo semella indicar que continuará en solitario coa declaración institucional, se ben este tipo de actos adoitan concretarse cando existe un acordo de todos os grupos.

 

Reunión da Xunta de Portavoces, coa oposición en primeiro termo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.