Feijóo insinúa vencellos das protestas da sanidade coa violencia

Feijóo, durante a sesión de control do 13 de febreiro de 2019 CC-BY-SA PPdeG

O pasado 8 de febreiro comezou a folga no sector das ambulancias que traballan para o Sergas. O conflito ten a orixe na intención de baixar o soldo ao persoal por parte das empresas concesionarias do servizo, as cales manteñen que as condicións aceptadas no contrato coa Consellería de Sanidade son deficitarias. Non cobren o custo real das ambulancias. Uns días antes do inicio da folga varios destes vehículos foron sabotados en localidades como Arbo, Tomiño, Sada ou Cambre con pintadas e outros desperfectos. En Tui, unha ambulancia foi queimada.

Pontón reprocha ao presidente que estivese "de ganchete coa extrema dereita" mentres en Galicia "defendiamos nas rúas a sanidade pública" e Feijóo tenta ligar esas protestas con "atentados" a ambulancias días antes do inicio da folga do sector

A estas sabotaxes previas ao inicio da folga, baixo investigación para dilucidar a súa autoría, aferrouse este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para deslizar unha acusación -máis ou menos- velada sobre as mobilizacións no sector da sanidade que salpican Galicia dende hai meses, as mesmas que o pasado domingo confluíron nunha concorrida manifestación en Santiago. A coincidencia desa mobilización a prol da sanidade pública coa concentración das dereitas contra Pedro Sánchez en Madrid, á que Feijóo acudiu tras cambiar a súa axenda oficial nos Estados Unidos, foi resaltada polos grupos da esquerda na sesión de control ao presidente, que optou por ligala coas sabotaxes ás ambulancias.

"Mentres milleiros de galegas e galegos estabamos nas rúas defendendo a sanidade pública, o presidente estaba en Madrid de ganchete coa extrema dereita antigalega, racista e machista", reprochou Ana Pontón no nome do BNG para evidenciar o que, ao seu xuízo, é unha síntese das "prioridades de cadaquén". Pero para o titular da Xunta, a mobilización -de Santiago- o domingo apenas cambiou nada.

A esquerda, proclama, teimou no seu "afán inaudito por desprestixiar" a sanidade pública, se ben "é certo que houbi algo novo, houbo atentados ás ambulancias do Sergas". "Vostedes van condenar este tipo de atentados? O BNG e o seu sindicato van condenar este tipo de atentados? Hai algunha relación destes atentados con esa forza sindical?", inquiriu Feijóo. "Vaia papelón, xa sabemos que non lle gusta falar da sanidade e quere intoxicar o debate", resolveu Pontón. "Se cala cando queiman as ambulancias da sanidade pública", retrucou Feijóo.

Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, dirixíndose a Feijóo no pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA En Marea / PSdeG / BNG

A parálise do autogoberno

Tanto a líder do BNG como os voceiros de En Marea e PSdeG apoiáronse tamén no xiro recentralizador da cúpula do PP para, durante a  sesión de control, afondar no que consideran unha evidente contradición no discurso do presidente. "Que pouco lle durou o disfrace de autonomista, vese que lle quedaba un pouco grande", ironizou Luís Villares para lle reprochar ao presidente o "decenio negro da autonomía", en referencia á ausencia de novos traspasos dende 2008. 

Villares lamenta "o pouco que durou o disfrace autonomista" de Feijóo e Leiceaga ínstao a pactar "unha axenda do autogoberno responsable" comezando por transferencias xa pactadas no pasado, como a de tráfico

"Abascal e Casado chamaron a filas e tivo que desfilar xunto coa Falange Española, Hogar Social e Vox", lamentou o voceiro de En Marea, quen resalta que na mobilización celebrada en Madrid ao mesmo tempo que a manifestación galega de SOS Sanidade Pública o presidente da Xunta estivo ao carón "do odio, dos que piden a supresión da autonomía de Galicia". Para Feijóo esa acusación de Villares é tanto como "insultar á maioría absoluta de Galicia". "Cre que a maioría absoluta de Galicia vota á Falange?", repreguntou a quen considera "ridículo" e membro dun "grupo parlamentario bolivariano"

Alén das descualificacións mutuas Feijóo resta importancia ao feito de que Galicia non gañase competencia ningunha dende 2008 alegando que "nos últimos 8 anos non houbo transferencias" a outras autonomías -hóuboas, de pequena entidade, a sete comunidades- en resposta a Villares e tamén para contestar ao socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, que propuxo sen éxito pactar "unha axenda do autogoberno responsable, sensata, que non introduza divisións entre os grupos" e encaixe "plenamente na Constitución", comezando por transferencias xa pactadas no pasado, caso da de tráfico. "Se agora non é o momento, cando é?", cuestionou Leiceaga. Segundo Feijóo, o PSdeG aposta por novas transferencias para deitar unha "cortina de fume" sobre a baixada do investimento en Galicai previsto no proxecto de Orzamentos do Goberno de Pedro Sánchez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.