Diversas organizacións reclaman reclaman a excarceración do rapeiro Pablo Hasél en mobilizacións desenvolvidas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Na imaxe, a concentración de Ourense (CC-BY-NC-SA Galiza Nova)
Fálase
A Comisión Europea avala o plan do Goberno de España sobre a desinformación no que Feijóo dixo ver unha vía para "amordazar á prensa e que sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira". Nunha resposta a Ciudadanos, o Executivo da UE conclúe que o plan non implica "decidir" sobre "o contido dos medios de comunicación". Na imaxe, reunión da Comisión Europea, este 17 de febreiro en Bruxelas (©UE)
Pablo Casado di que o PP vai abandonar a súa sede central, na rúa Génova de Madrid, pola súa íntima relación co financiamento irregular do partido e as obras sufragadas con diñeiro negro, segundo as investigacións xudiciais en marcha. "Esta dirección non vai volver dar explicacións sobre ningunha dirección pasada", defendeu no marco do mal resultado electoral en Catalunya e tras as recentes revelacións de Luis Bárcenas. Os conservadores utilizan esta sede dende os tempos de Alianza Popular, a comezos dos anos 80 do século pasado, con Manuel Fraga á fronte. Mercárono en 2006, na etapa de Rajoy. Na imaxe (©PP), en 1987, dous anos antes da refundación como Partido Popular..
Os Mossos d'Esquadra deteñen o rapeiro Pablo Hasél para levalo ao cárcere a cumprir nove meses de condena por "enaltecemento do terrorismo" e "inxurias e calumnias" á Monarquía e á Policía en mensaxes en Twitter e vídeos das súas cancións. Hasél, que xa avanzara que non se entregaría pola súa propia vontade, permanecía en instalacións da Universidade de Lleida, xunto a persoas contrarias ao seu prendemento. Nas últimas semanas, numerosas persoas do mundo da cultura, o xornalismo e a política opuxéronse nun manifesto a esta detención e esixiron a fin dos tipos penais ligados á opinión.
O pleno de Pontevedra aproba dedicar unha rúa da cidade a Virxinia Pereira. Será a vía ata agora dedicada a Juan Carlos I. A decisión saíu adiante cos votos a prol de BNG e PSdeG, socios no goberno local. Crónica da sesión, en Pontevedra Viva.
- HEMEROTECA | As cartas de Virxinia Pereira amosan o seu compromiso ideolóxico e a defensa do legado de Castelao
- OPINIÓN | Virxinia Pereira contra o silencio e a deturpación, por Luís Bará
A Xunta permite ao comercio "recuperar o seu horario", pero co 50% de capacidade, "dende o mércores", reabre bibliotecas, arquivos e museos e outras instalacións culturais ao 30% e permite recuperar o deporte federado autonómico. As universidades retomarán as clases presenciais o 1 de marzo.
A Real Academia Galega publica o segundo vídeo da serie 'Conseguiremos', o proxecto que busca conectar as novas xeracións co idioma a través da participación de mozos e mozas "que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida e da creación". A peza está protagonizada polos músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne
A Xunta revela este mediodía, a partir das 13:30, os seus plans inmediatos sobre as restricións da COVID. Segundo o aprobado a finais de xaneiro, as actuais medidas están vixentes ata este mércores, 17 de febreiro.
ERC gañaría as eleccións en Catalunya por diante do PSC, segundo unha enquisa de TV3. O independentismo superaría o 50% dos votos. A enquisa para El Periódico prevé un triplo empate na cabeza entre PSC, ERC e JxCat.
A participación nas eleccións catalás cae 22 puntos ata as 18 horas con respecto aos comicios de 2017. Foto: @ajlarapita