Os 12 integrantes do grupo de rap 'La Insurgencia', cinco deles vigueses, serán condenados finalmente a seis meses de prisión por un delito de enaltecemento do terrorismo a causa das letras das súas cancións, en concreto por un suposto enxalzamento dos GRAPO e das súas accións. O Tribunal Supremo vén de confirmar a condena ditada hai dous anos pola Audiencia Nacional. Os membros do grupo recorreran aquela sentenza, pero o Supremo desestimou os seus recursos. A condena, que non implicará o seu ingreso na cadea, inclúe tamén unha inhabilitación de 8 anos para todos eles, e unha multa de 1.200 euros para cada un.
O Supremo confirma a sentenza da Audiencia Nacional, atopando un delicto de "enaltecemento do terrorismo" nas súas letras
Nesta nova sentenza, o tribunal considera que o ditame da Audiencia Nacional cumpre cos requisitos previstos no Código Penal para que unha expresión sexa considerada "enaltecedora do terrorismo", sinalando que as letras das súas cancións non constitúen "unha mera expresión de coincidencia ou discrepancia con obxectivos políticos ou camaradería nacida de vínculos ideolóxicos, simpatía ou da mera crítica social", senón que se trata dunha difusión de mensaxes que xustifican a violencia e expresan simpatía fronte á eliminación física do disidente, incitando á violencia mediante o recordo de persoas relacionadas con actividades terroristas e enxalzando condutas que causaron grave dano ao país e a moitas vítimas do terrorismo".
A condena, que non implicará o seu ingreso na cadea, inclúe tamén unha inhabilitación de 8 anos para todos eles, e unha multa de 1.200 euros para cada un
A sentenza foi apoiada por catro dos cinco maxistrados do tribunal, mentres que un deles, Andrés Palomo, emitiu un voto particular discrepante, considerando que non quedou xustificado que houbera unha efectiva incitación á comisión de actos terroristas mesmo de forma indirecta.
Nun comezo os integrantes de La Insurgencia foran condenados a dous anos de cadea (polo que si ingresarían en prisión). Porén, a Sala de Apelación da Audiencia Nacional rebaixou a seis meses a pena inicialmente imposta. Con todo, tanto aquela sentenza como a ditada agora polo Supremo manteñen a consideración de "enaltecemento do terrorismo" para as letras de La Insurgencia, a pesar de que a organización supostamente enxalzada (os GRAPO) se atopa inactiva dende o ano 2006.
"Os acusados teñen unha relixión que é a loita sindical obreira" afirmou o fiscal, que os acusou de “propagar un método violento para combater un sistema que consideran inxusto”
A acusación correspondera ao fiscal José Perals, o mesmo que pediu 375 anos de cárcere para os 8 mozos de Altsasu, que sostiña que os integrantes do colectivo musical “propagan un método violento para combater un sistema que consideran inxusto” e chegaba a afirmar, comparándoos con yihadistas, que "os acusados teñen unha relixión que é a loita sindical obreira e que a explotación dos oprimidos merece unha loita armada contra determinados colectivos".
A Fiscalía sinalaba en concreto versos como "Leyendo a presos de los Grapo entendí muchas cosas, como que la lucha de clases no se gana con rosas"ou "Mis héroes no son capos, mis héroes son GRAPOS lánzamos el tirito chico que yo no entro al trapo" e tamén outros máis xenéricos como"Desde que leeemos al partido lo tenemos claro, la palabra es una arma, nuestro rap un disparo, pero sabemos que la lucha está en la calle hermano" ou"Feliz cuando ajusticien en la plaza del pueblo a Letizia Ortiz". Dende o grupo destacábase que os versos que se sinalaban no auto e na sentenza están sacados do contexto das súas cancións, "coma se fose un discurso político o un mitin". E, sobre todo, apelábase á liberdade de expresión.
A nai dun dos rapeiros vigueses advertía de que a sentenza "pódelle arruinar a vida, mesmo aínda que non entre en prisión"
En entrevista con Praza.gal, a viguesa Elena López Dafonte, nai dun dos condenados (Saúl Zaitsev) manifestaba hai meses a súa esperanza en que primeira sentenza fose corrixida e rebaixada, pero demandaba a libre absolución: "Non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta".
Advertía de que a sentenza, mesmo coa rebaixa, "pódelle arruinar a vida, mesmo aínda que non entre en prisión". "El está a estudar Educación Social, e pode ser inhabilitado para traballos públicos durante oito anos a partir da sentenza firme. Isto impediríalle presentarse a calquera tipo de concurso público e oposición. E mesmo moitos traballos deste ámbito en empresas privadas dependen de subvencións do Estado que poñen como condición que os traballadores non estean inhabilitados. Déixalle sen saídas no seu campo", denunciaba.