0 Gardados para despois

"É impensable que o meu fillo poida ir ao cárcere por escribir unhas cancións"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado 5 de decembro a Audiencia Nacional condenou a 2 anos e un día de prisión aos 12 integrantes do colectivo de hip-hop La Insurgencia. Dúas das maxistradas do tribunal consideraron que algunhas das súas letras incorren nun delito de enaltecemento do terrorismo, mentres que a terceira xuíza emitiu un voto particular, pois os considera inocentes. O ditame asumiu por completo as teses da Fiscalía e a súa petición de penas, que implicarían a entrada destes rapaces no cárcere a pesar de carecer de antecedentes e que inclúe tamén oito anos de inhabilitación absoluta. O grupo naceu hai case tres anos en Vigo e na actualidade conta con 13 integrantes, cinco deles residentes na cidade olívica e o resto noutros territorios do Estado.

"Temos esperanza de que o Tribunal Supremo corrixa un pouco a situación. Pero non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta", di Elena Dafonte

A sentenza fixou a súa atención, sobre todo, nas referencias que algunhas das cancións realizan aos GRAPO, organización terrorista inactiva dende o ano 2006. O propio ditame subliña que non apreza un "risco concreto" de que as letras animen á comisión de novos atentados, atopando tan só un "risco abstracto" para "a convivencia pacífica da sociedade". Os avogados dos doce rapaces condenados denuncian que as dúas maxistradas que asinaron a sentenza non respectaron a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que pide ter en conta "o contexto" no que se publica unha determinada mensaxe.

Os seus avogados xa anunciaron a presentación dun recurso contra a sentenza, que deberá estudar o Tribunal Supremo. O recurso aínda non foi presentado, pois o prazo se iniciará no momento en que os 12 mozos reciban a notificación do ditame da Audiencia Nacional, algo que aínda non se produciu nalgúns casos. Deste recurso dependerá que finalmente ingresen en prisión ou non.

 

"Non ten precedentes que alguén sexa enviado a prisión por unha canción"

"Que un tema coma este remate nos xulgados e máis aínda nun proceso na Audiencia Nacional vai máis aló do que sería esperable", destaca Elena López Dafonte, nai dun dos condenados, Saúl Zaitsev, un mozo vigués de 20 anos, moi implicado nas loitas sociais da cidade. "Pero a maior sorpresa foi cando a sentenza asumiu por completo a petición feita polo fiscal, cando normalmente sempre hai unha rebaixa. Todo o mundo dicíanos que no peor dos casos habería unha pena inferior aos dous anos, polo que non implicaría cárcere, pois estes rapaces non teñen antecedentes", engade. "A outra sorpresa foi que as penas fosen iguais para os 12, cando todo o mundo apostaba que a sentenza indicaría niveis distintos de responsabilidade. Hai algúns rapaces que case non escriben letras e só se dedican a elementos técnicos (mesturas). Mesmo se se asumise que pode ser penalizable o que se escribe nunha letra de rap, non todos poden ter o mesmo nivel de culpabilidade", sinala.

"Esta sentenza pódelle arruinar a vida", advirte. "Mesmo aínda que non entre en prisión, porque el está a estudar Educación Social, e pode ser inhabilitado para traballos públicos durante oito anos"

Elena Dafonte afirma de que "isto arrinca de que nun inicio a Policía quería condenalos por asociación ilícita. Esa acusación decaeu, pero na práctica están sendo tratados coma se fosen culpables de asociación ilícita, coma se o delito fose estar asociados para cantar". "Non ten precedentes que alguén sexa enviado a prisión por unha letra dunha canción", destaca. "Estamos con esperanza de que o Tribunal Supremo corrixa un pouco a situación. Pero non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta", di.

"Non se trata de estar de acordo ou non co que canta o meu fillo ou os outros rapaces. A maior parte da xente ve isto como algo moi desproporcionado"

"Agora estamos asumindo a situación, o que pode vir. Cando me chamou o meu fillo para contarmo, non o podía crer. Parecía imposible", recoñece. Pero destaca que "é impensable que o meu fillo poida entrar na cadea por unha canción. Un rapaz que está en segundo de carreira, completamente pacífico, que traballa no seu barrio, que é sensible aos problemas dos demais, que non bebe alcohol, que non se droga, un rapaz como moitos pais quererían que fosen os seus fillos: maduro, responsable...". "Esta sentenza pódelle arruinar a vida", advirte. "Mesmo aínda que non entre en prisión" -engade- "porque el está a estudar Educación Social, e pode ser inhabilitado para traballos públicos durante oito anos a partir da sentenza firme, que non sabemos cando será". "Isto impediríalle presentarse a calquera tipo de concurso público e oposición. E mesmo moitos traballos deste ámbito en empresas privadas dependen de subvencións do Estado que poñen como condición que os traballadores non estean inhabilitados. Déixalle sen saídas no seu campo", denuncia.

A nai de Saúl remata destacando que "nos sentimos moi arroupados polo apoio que estamos a recibir". "Non se trata de estar de acordo ou non co que canta o meu fillo ou os outros rapaces, eu mesma non concordo con algunhas cousas. A maior parte da xente ve isto como algo moi desproporcionado, mesmo xente que non é de esquerdas", di.

 

Campaña de apoio

Nos últimos días comezou a difundirse un manifesto de apoio aos doce condenados. "Quérennos caladas. Quérennos con medo. Coa súa represión queren mostrar que levantar a voz está penalizado", comeza o texto

Nos últimos días comezou a difundirse un manifesto de apoio aos doce condenados. "Quérennos caladas. Quérennos con medo. Coa súa represión queren mostrar que levantar a voz está penalizado", comeza o texto, no que o Grupo de Apoio a La Insurgencia en Vigo anima "a persoas, colectivos e artistas solidarias a adherirse a este manifesto, a colaborar connosco e a crear máis grupos de apoio nas distintas localidades, para que neste 2018, nin La Insurgencia, nin ninguén, entre no cárcere por expresar opinións". 

O texto alerta de que "estamos fronte a un novo avance represivo que o Estado Español emprega para recortar, aínda máis, os dereitos e liberdades de todas" e sinala que "as letras destes rapeiros poden ser subversivas e provocadoras, pero, en ningún caso, supoñen un risco para ninguén, nin sequera 'abstracto ou indirecto', como se expresa na sentenza". Critica que os doce mozos "entrarán no cárcere por rapear sobre os desafiuzamentos, a precariedade laboral, as torturas e abusos policiais, as drogas nos barrios, as loitas veciñais e folgas obreiras, o imperialismo, os presos políticos...".

O texto alerta de que "estamos fronte a un novo avance represivo que o Estado Español emprega para recortar, aínda máis, os dereitos e liberdades de todas"

 

"Atropelo á liberdade de expresión"

Ademais das referencias aos GRAPO, a Fiscalía denunciaba que as letras "manteñen unha tónica subversiva fronte á orden constitucional democrática". Sinala versos como "Leyendo a presos de los Grapo entendí muchas cosas, como que la lucha de clases no se gana con rosas" ou "Mis héroes no son capos, mis héroes son GRAPOS lánzamos el tirito chico que yo no entro al trapo" e tamén outros máis xenéricos como "Desde que leeemos al partido lo tenemos claro, la palabra es una arma, nuestro rap un disparo, pero sabemos que la lucha está en la calle hermano" ou "Feliz cuando ajusticien en la plaza del pueblo a Letizia Ortiz".

O fiscal José Perals, encargado da acusación (o mesmo que pediu 375 anos de cárcere para os 8 mozos de Altsasu), sostén que os integrantes do colectivo musical “propagan un método violento para combater un sistema que consideran inxusto” e chega a afirmar, comparándoos con yihadistas, que "os acusados teñen unha relixión que é a loita sindical obreira e que a explotación dos oprimidos merece unha loita armada contra determinados colectivos". Dende o grupo destácase que os versos que se sinalan no auto e na sentenza están sacados do contexto das súas cancións, "coma se fose un discurso político o un mitin". E, sobre todo, apélase á liberdade de expresión.

"Hai xente que se está asustando do nivel de censura ao que estamos chegando. E supoño que a idea é precisamente meter medo, que a xente non fale, non utilice as redes sociais, non opine..."

O caso é semellante ao proceso xa aplicado contra Pablo Hasel (condenado a dous anos de cadea por enaltecemento do terrorismo nas súas cancións), César Strawberry e Cassandra Vera (condenado e condenada a un ano por enaltecemento do terrorismo, na modalidade de humillación das vítimas, pola publicación de varios tuits) ou Valtonyc (condenado a tres anos e 8 meses por enaltecemento do terrorismo e inxurias á coroa).

Nas semanas posteriores á publicación da sentenza contra La Insurgencia, varios colectivos criticaron abertamente o que consideraron un grave ataque á liberdade de expresión en España. A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI) cualificouna de "novo atropelo á liberdade de expresión e unha vulneración deste dereito fundamental, contrario aos estándares internacionais aos que está suxeita España, como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos". De igual xeito, Jueces para la Democracia sinalou que se trataba dunha "noticia triste para a liberdade de expresión" e alertou de que este tipo de sentenzas poden xerar un efecto de autocensura na cidadanía.

Elena Dafonte sinala a este respecto que "hai xente que se está asustando do nivel de censura ao que estamos chegando". "E supoño que a idea é precisamente meter medo, que a xente non fale, non utilice as redes sociais, non opine... Os medios tradicionais están controlados, así que están aínda contra aquelas cousas -redes sociais, música...- que non poden controlar", conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.