A Sala de Apelación da Audiencia Nacional vén de rebaixar a pena inicialmente imposta aos 12 integrantes do colectivo La Insurgencia, seis deles galegos, que o pasado mes de decembro foran condenados a 2 anos e un día de prisión por enaltecemento do terrorismo. Deste xeito, os rapeiros non ingresarán en prisión polas letras das súas cancións.
A Sala de Apelación rebaixa a pena inicial de dous anos e un día por enaltecemento do terrorismo, destacando que os GRAPO -aos que facían referencia algunhas letras- están xa inactivos
O tribunal destaca na súa argumentación que a banda terrorista á que supostamente os mozos terían enaltecido, os GRAPO, xa non se atopa activa (dende o ano 2006). A propia sentenza inicial da Audiencia Nacional, que só fora apoiada por dúas das tres maxistradas que xulgaban o caso (a terceira solicitaba a libre absolución dos rapeiros) subliñaba que non aprezaba un "risco concreto" de que as letras animasen á comisión de novos atentados, atopando tan só un "risco abstracto" para "a convivencia pacífica da sociedade". Este mesmo martes coñecíase que a Fiscalía recomendaba o mantemento da pena imposta, que tería suposto o ingreso no cárcere dos rapeiros, aos que acusaba de inclucar "unha cultura de odio que por si mesma indirectamente incitaba a comisión de actos de terrorismo".
O fiscal José Perals, encargado da acusación (o mesmo que pediu 375 anos de cárcere para os 8 mozos de Altsasu), sostiña que os integrantes do colectivo musical “propagan un método violento para combater un sistema que consideran inxusto” e chegaba a afirmar, comparándoos con yihadistas, que "os acusados teñen unha relixión que é a loita sindical obreira e que a explotación dos oprimidos merece unha loita armada contra determinados colectivos". Ademais das referencias aos GRAPO, a Fiscalía denunciaba que as letras "manteñen unha tónica subversiva fronte á orden constitucional democrática". Dende o grupo destacábase que os versos que se sinalaban no auto e na sentenza están sacados do contexto das súas cancións, "coma se fose un discurso político o un mitin". E, sobre todo, apelábase á liberdade de expresión.
Nas últimas semanas a Sala de Apelacións da Audiencia Nacional rebaixou igualmente de dous anos e un día a nove meses a condena que inicialmente impuxera a Pablo Hásel polas letras das súas cancións, atendendo á recomendación que tempo atrás realizou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que condenara o Estado Español polo castigo imposto a dous mozos que queimaran unha foto do rei Juan Carlos I. O Tribunal de Estrasburgo determinou que a queima de fotos constituía un acto de liberdade de expresión, lembrando que “a liberdade de expresión se extende a informacións e ideas que ofenden, chocan ou molestan”. Nos últimos días tamén chegou o rexeitamento de Bélxica a entregar a España o rapeiro balear Valtonyc, descartando que as súas cancións estean relacionadas co terrorismo en calquera das súas formas e lembrando que se inscriben dentro dun dereito fundamental como é a liberdade de expresión.
A viguesa Elena López Dafonte, nai dun dos condenados manifestaba a súa esperanza en que primeira sentenza fose corrixida e rebaixada, pero demandaba a libre absolución: "Non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta"
A viguesa Elena López Dafonte, nai dun dos condenados (Saúl Zaitsev) manifestaba hai meses a súa esperanza en que primeira sentenza fose corrixida e rebaixada, pero demandaba a libre absolución: "Non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta". Adevertía de que a sentenza, mesmo coa rebaixa coñecida este xoves "pódelle arruinar a vida, mesmo aínda que non entre en prisión". "El está a estudar Educación Social, e pode ser inhabilitado para traballos públicos durante oito anos a partir da sentenza firme. Isto impediríalle presentarse a calquera tipo de concurso público e oposición. E mesmo moitos traballos deste ámbito en empresas privadas dependen de subvencións do Estado que poñen como condición que os traballadores non estean inhabilitados. Déixalle sen saídas no seu campo", denunciaba.