A Fiscalía pide enviar a prisión aos rapeiros de 'La Insurgencia', seis deles galegos

Mobilización de apoio aos integrantes de La Insurgencia celebrada en Vigo hai uns meses © Grupo de apoio a La Insurgencia

O pasado 5 de decembro a Audiencia Nacional condenou a 2 anos e un día de prisión aos 12 integrantes do colectivo de hip-hop La Insurgencia, seis deles galegos, ao concluír un presunto delito de "enaltecemento do terrorismo" nas letras das súas cancións. A sentenza (que contou co voto particular dunha das maxistradas, que os considera inocentes) levaríaos directamente ao cárcere, a pesar de carecer de antecedentes, e implicaría tamén oito anos de "inhabilitación absoluta". O grupo presentou hai meses un recurso contra o ditame. Agora a Fiscalía vén de pronunciarse contra este recurso, recomendando que sexa desestimado e que se manteñan as condenas da sentenza, enviando estes rapaces a prisión.

O escrito da Fiscalía acusa os integrantes de La Insurgencia de inculcar "unha cultura de odio que por si mesma indirectamente incitaba a comisión de actos de terrorismo". E conclúe que "a pena imposta, a mínima legal, non pode estimarse desproporcionada en relación cos contidos expostos publicamente". 

Es resposta ao expresado polo Ministerio Fiscal, os representantes de La Insurgencia aseguran que agardarán polo pronunciamento a Audiencia Nacional sobre o seu recurso e que, no caso de manter a pena imposta, recorrerán ante o Tribunal Supremo.

Nas últimas semanas a Sala de Apelacións da Audiencia Nacional rebaixou de dous anos e un día a nove meses a condena que inicialmente impuxera a Pablo Hásel polas letras das súas cancións, atendendo á recomendación que tempo atrás realizou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que condenara o Estado Español polo castigo imposto a dous mozos que queimaran unha foto do rei Juan Carlos I. O Tribunal de Estrasburgo determinou que a queima de fotos constituía un acto de liberdade de expresión, lembrando que “a liberdade de expresión se extende a informacións e ideas que ofenden, chocan ou molestan”. Nos últimos días tamén chegou o rexeitamento de Bélxica a entregar a España o rapeiro balear Valtonyc, descartando que as súas cancións estean relacionadas co terrorismo en calquera das súas formas e lembrando que se inscriben dentro dun dereito fundamental como é a liberdade de expresión.

Hai uns meses comezou a difundirse un manifesto de apoio aos doce condenados. "Quérennos caladas. Quérennos con medo. Coa súa represión queren mostrar que levantar a voz está penalizado", comeza o texto, no que o Grupo de Apoio a La Insurgencia en Vigo anima "a persoas, colectivos e artistas solidarias a adherirse a este manifesto, a colaborar connosco e a crear máis grupos de apoio nas distintas localidades, para que neste 2018, nin La Insurgencia, nin ninguén, entre no cárcere por expresar opinións".

"Temos esperanza de que o Tribunal Supremo corrixa un pouco a situación. Pero non nos conformamos, apostamos pola absolución, ningunha outra sentenza sería xusta", dicía hai uns meses en conversa con Praza a viguesa Elena Dafonte, nai dun dos rapeiros condenados, Saúl Zaitsev, de só 21 anos.

Concentración ante a sede da Audiencia Nacional, onde se celebrou o xuízo © La Insurgencia
Acto de apoio aos integrantes do grupo (cinco deles vigueses), celebrado en Coia hai uns meses © La Insurgencia
Acto de apoio celebrado en Coia en outubro © La Insurgencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.