Os Mossos d'Esquadra deteñen o rapeiro Pablo Hasél para levalo ao cárcere a cumprir nove meses de condena por "enaltecemento do terrorismo" e "inxurias e calumnias" á Monarquía e á Policía en mensaxes en Twitter e vídeos das súas cancións. Hasél, que xa avanzara que non se entregaría pola súa propia vontade, permanecía en instalacións da Universidade de Lleida, xunto a persoas contrarias ao seu prendemento. Nas últimas semanas, numerosas persoas do mundo da cultura, o xornalismo e a política opuxéronse nun manifesto a esta detención e esixiron a fin dos tipos penais ligados á opinión.
