Os grandes atrasos nos trens de media distancia en Galicia triplicáronse nos últimos dous anos

Un tren de Media Distancia nunha estación galega CC-BY-SA Praza Pública

É relativamente frecuente que salten aos titulares da prensa e ás redes sociais queixas de persoas usuarias do tren que, por diversas incidencias, acaban chegando ao seu destino máis tarde do previsto ou tendo que agardar moito máis do esperado na estación para montar no tren polo que agardan. Lonxe de ser unha cuestión subxectiva, os datos confirman que o que a empresa pública Renfe considera "incidencias destacables", as que provocan demoras superiores á media hora, aumentaron notablemente nos últimos anos nas súas liñas de Media Distancia. No caso de Galicia, ata triplicárense.

As incidencias que provocaron atrasos superiores aos 30 minutos pasaron de 61 a 180 en tres anos con especial impacto na liña Vigo-Ponferrada, a que máis deteriorou o seu servizo en todo o Estado

Ao fío das protestas polos reiterados incidentes nas liñas ferroviarias de Extremadura o PP formulou no Congreso preguntas a respecto do número de incidencias nas liñas de Media Distancia de todo o Estado nos últimos tres anos. O resultado global indica que este tipo de problemas aumentaron un 80%. Pero no caso galego o incremento foi moito maios: as incidencias que dan lugar a atrasos de máis de 30 minutos nas liñas de Media Distancia aumentaron practicamente un 200%, de 61 en 2016 a 180 en 2018.

Este tipo de incidencias aumentaron en todas as liñas galegas de Media Distancia que transcorren por Galicia neste trienio agás na Ourense-Santiago-A Coruña, na que cadran as vías e trens máis novos, e na que une A Coruña e Ferrol, na que o incremento de servizos é unha demanda veciñal constante. O groso do incremento de incidencias concéntrao a liña Vigo-Ourense-Ponferrada que, como reflicte a información publicada por eldiario.es, foi a que maior aumento de incidencias concentrou en todo o Estado. Pasou de 7 en 2016 a 91 en 2018 nun traxecto no que ao mal estado da liña se engade o deterioro dos poucos trens que circulan por ela en traxectos de Media Distancia.

O segundo maior aumento de grandes atrasos nas liñas ferroviarias de Media Distancia que circulan por Galicia rexistrouse na liña Vigo-Valença

O segundo maior aumento rexistrouse nunha das liñas que maior atención concentrou neste tempo, a que une Vigo con Valença do Minho, que agarda dende hai anos por melloras xa notablemente avanzadas pola banda portuguesa no marco dos traballos de modernización da Linha do Minho, que chega ao Porto. Foi nesta liña, que Renfe comparte con Comboios de Portugal na que se produciu o accidente ferroviario do Porriño en setembro de 2016.

A continuación sitúase a liña da Coruña a Vigo, con e sen paradas en Santiago -os datos son agregados- e, tras ela, unha das que segue a manter un moi notable atraso tanto en infraestruturas como en trens, a da Coruña a Lugo e Monforte. Mentres, no tren A Coruña-Ferrol e no Ourense-Santiago-A Coruña as incidencias reducíronse, segundo os datos de Fomento.

Representantes do persoal ligan o incremento das incidencias á antigüidade dos materiais e á falta de mantemento e persoal

O persoal da empresa pública atribúe este notable incremento das incidencias no conxunto do Estado a tres factores: falta de mantemento, falta de persoal e obsolescencia dos materiais. Enrique Ramos, membro do Comité Xeral de Empresa polo Sindicato Ferroviario, explica a eldiario.es que nas liñas con peores datos "estamos a falar de trens de media distancia que teñen 25-30 anos". Isto, detalla, provoca frecuentemente que non existan pezas de recambio para aquelas que se van estragando, o que deriva en que sexa habitual recorrer a pezas de trens xa retirados da circulación para obter material de remuda.

Ramos sinala ademais as carencias de persoal e mantemento. "Os traballadores reivindicamos que se aumente o persoal. No momento en que isto ocorra aumentarán os recursos para o mantemento, e que determinadas avarías poidan ser reparadas a tempo", resalta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.