Alén do AVE: Cando hai que ir a pé polas vías para coller o 'rexional'

Un usuario, cruzando as vías para coller o tren en Curtis CC-BY-SA S.I.

O pasado luns -como vén sendo habitual no inicio das últimas semanas- a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, acudía a un acto institucional en Galicia, neste caso unha entrega de premios, e aproveitaba para glosar os investimentos ferroviarios do seu departamento no país. Adxectivos como "espectacular" servíronlle á popular para describir o que, di, supón a chegada da liña de alta velocidade, construída con "convicción e determinación para dotar a Galicia das infraestruturas que necesita para continuar medrando e prosperando". Poucas horas despois do discurso de Pastor habitantes de Curtis, concello coruñés lindeiro coa provincia de Lugo, tiña que ir un día máis a pé polas vías para coller o tren. Non o AVE, nin moito menos, senón o tren de media distancia que a veciñanza segue coñecendo como "o rexional".

Esta escena, cotiá e recorrente, levou un veciño de Curtis a reclamar formalmente a finais de febreiro ante ADIF, responsable da vía e da estación, e Renfe, dos trens, ambas dependentes de Fomento. Na súa reclamación describiu o acontecido o 21 de febreiro contra ás oito e media da tarde, pero o relato podería corresponderse con outro día calquera. A esa hora, explica, "confluíron dous trens" na devandita estación de Curtis: un en dirección á Coruña e outro rumbo a Monforte -a viaxe en tren dende Curtis ata a localidade lucense custa ata 20 euros e dura hora e media-. 

"Confiamos en que saiban dar unha solución antes de que se produzan accidentes irreparables", di a queixa, que aínda non tivo resposta

Para subir ao tren que vai a Monforte non hai maiores problemas, porque ao situarse na vía 1, o acceso fica na plataforma. No entanto, quen viaxe á Coruña "cómpre subir na vía número 2", explica o reclamante, e isto implica "atravesar a vía 1" ou, o que é o mesmo, a "facer un percorrido moi difícil, chego de perigos". A situación é aínda máis complexa para as persoas maiores, reslta, xa que "non hai paso axeitado que garanta seguridade ningunha.

A ministra de Fomento salienta o "novo horizonte de posibilidades sociais e económicas" que a alta velocidade abre no país

Unha vez na plataforma que dá acceso á vía 2 as dificultades non rematan. "Hai que agardar polo tren correspondente sen ter onde resgardarse da chuvia ou do frío" sen que sexa posible regresar á outra beira: "a manobra complícase, porque a vía 1 está ocupada co tren que vai a Monforte". Para o veciño de Curtis esta circunstancia, habitual na vila, é "un feito moi lamentable para os tempos dun AVE que aínda non chegou e que dista moito destes apaños de última hora que nos afectan tanto en traxectos de media distancia". "Confiamos -dille a Fomento no seu escrito- en que saiban dar solución inmediata a esta queixa antes de que se produzan accidentes irreparables", advirte.

Transcorrido un mes da formulación da queixa esta non tivo, polo momento, resposta ningunha. Mentres, explican dende Curtis, a veciñanza segue a agardar polo tren e cruzando as vías "con chuvia e con néboa, o que dificulta aínda máis a visibilidade" e incrementa os riscos. Segundo a ministra, o tren rápido está abrir en Galicia "un novo horizonte de posibilidades, tanto no social como no económico".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.