A información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde (SNS) está regulada polo Real Decreto 605/2003, actualizado por última vez o 25 de febreiro de 2020, que o Goberno de España considera superado polas transformacións relevantes no contexto sanitario, organizativo e tecnolóxico do último lustro, nas que inclúen a “incorporación de novas modalidades de atención sanitaria” e unha “crecente demanda social de transparencia e rendición de contas”.
Por isto, o Ministerio de Sanidade preparou unha proposta, que xa iniciou o trámite de consulta pública necesario para a elaboración dun novo Real Decreto destinado “a unificar e modernizar o tratamento da información sobre as listas de espera no SNS”. Un proxecto ao que cidadáns, organizacións e asociacións poden achegar contribucións ata o vindeiro 8 de marzo.
Un dos problemas principais que pretenden resolver coa nova norma é a falta de capacidade para analizar os fluxos de entrada e saída de pacientes e as causas que están detrás das demoras. “O obxectivo non é só ofrecer cifras, senón facilitar ferramentas analíticas avanzadas que permitan unha mellor planificación e avaliación das políticas públicas”, defende Sanidade.
"A existencia dun marco normativo básico e común nesta materia é esencial para garantir a equidade no acceso ás prestacións sanitarias, facilitar a toma de decisións baseada en información fiable e permitir a comparación obxectiva entre territorios"
O ministerio busca ter acceso á situación real dos tempos de agarda nos sistemas sanitarios de todo o Estado, para o que salientan que valoraron outras opcións, pero viron necesario aprobar unha nova norma, e que esta teña rango de Real Decreto. “A existencia dun marco normativo básico e común nesta materia é esencial para garantir a equidade no acceso ás prestacións sanitarias, facilitar a toma de decisións baseada en información fiable e permitir a comparación obxectiva entre territorios”, inciden na formulación do proxecto.
O departamento de Mónica García describe que “o incremento progresivo da demora no acceso ás consultas de atención primaria e o seu impacto directo sobre a accesibilidade, a continuidade asistencial e a resolución temperá dos problemas de saúde, poñen de manifesto a necesidade de dispoñer de información homoxénea e comparable sobre os tempos de acceso ao primeiro nivel de atención sanitaria”.
A futura norma que agora está en período de exposición pública ampliará o seu alcance para cubrir áreas que ata o de agora carecían dun sistema de información homoxéneo a nivel estatal. O ministerio considera “crucial” dispoñer de datos comparables sobre os tempos de acceso á atención primaria “para analizar o itinerario do paciente e favorecer a resolución temperá de problemas de saúde”.
O ministerio considera "crucial" dispoñer de datos comparables sobre os tempos de acceso á atención primaria e pon o foco na saúde mental debido ao incremento sostido da demanda
Así mesmo, pon o foco na saúde mental debido ao incremento sostido da demanda nos últimos anos e incorpora na norma “a medición específica dos tempos de espera en consultas hospitalarias” destas especialidades para “garantir a súa visibilidade e equidade”. Tamén apunta que se establecerán criterios específicos para as probas terapéuticas, xunto ás cirúrxicas e diagnósticas.
Clasificación de pacientes
No Real Decreto 605/2003 a clasificación de pacientes incluídos no rexistro, en función do tipo de espera, permite que só sexan públicos os datos das listas de espera chamadas estruturais, quedando opacos para a cidadanía o número de doentes que tamén están en espera, pero con outros condicionantes. Os pacientes en espera estrutural son aqueles que, nun momento dado, atópanse en situación de ser intervidos cirurxicamente e cuxa espera é atribuíble á organización e recursos dispoñibles.
A maiores están os pacientes en espera tras rexeitamento á proposta de intervención nun centro alternativo, que figuran como pendentes dunha intervención cirúrxica, pero cuxa espera é motivada pola libre elección do cidadán –segundo a norma–. E os doentes transitoriamente non programables, aqueles que están pendentes dunha intervención cirúrxica, cuxa programación non é posible nun momento dado por por motivos clínicos ou pola solicitude de aprazamento da intervención.
Na nova norma que promove Sanidade faise fincapé na vontade de transparencia con todos os datos dispoñibles sobre as listas de espera. O propio ministerio asegura que, na actualidade, as “diferenzas na interpretación e aplicación de criterios” entre comunidades autónomas están a dificultar “a comparación homoxénea da información”.