CRÓNICA | Eterno bipartito

Imaxe de Feijóo nunha publicación electoral do PP en 2009 CC-BY-SA PPdeG

Cando, o 19 de xuño de 2005, PSdeG e BNG lograron poñer fin á maioría absoluta do PP de Manuel Fraga, á deputada máis nova do actual Parlamento de Galicia aínda lle faltaban tres anos para ter dereito ao voto. Os postadolecentes que exerceron o seu dereito ao sufraxio por primeira vez naqueles comicios roldan agora a trintena e están a piques de chegaren á idade de xubilación quen naquela altura estaban só un chisco por riba dos 50 anos. O obvio paso do tempo e o incuestionable feito de que despois daquelas eleccións galegas se celebraron outras tres con cadansúas maiorías absolutas do PP de Alberto Núñez Feijóo non impide que aquel breve Executivo de socialistas e nacionalistas sexa, oito anos despois da súa fin, unha presenza practicamente constante no argumentario político do Goberno e do partido que o sustenta.

No último pleno do Parlamento cuxos debates xa foron transcritos, o celebrado nos primeiros días do pasado febreiro, a palabra "bipartito" foi pronunciada nunhas 40 ocasións, a amplísima maioría dende a banda popular. Serviu, por exemplo, para que o deputado pontevedrés Jacobo Moreira reprochase que aquel Executivo xerase "15.000 empregos públicos máis" e "na caixa houbese 2.000 millóns de euros", e "todo isto regado con mojitos cubanos". Ou para que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, retrucase ás críticas da oposición á súa política de transportes sentenciando que "o fácil é non facer nada, que é o que fixo o bipartito". Ou para que en cada debate económico se apuntase a que coa esquerda o escenario era moito peor.

No último pleno do Parlamento que xa foi transcrito a palabra "bipartito" foi pronunciada nunhas 40 ocasións

"Sei que non lles gusta falar do bipartito", advertiron cunha formulación practicamente idéntica a vicevoceira popular, Paula Prado, e o deputado e ex-director xeral Alberto Pazos. Prado fíxoo para asegurar que "só houbo unha época onde estivo en perigo o peche dalgúns centros de información á muller", e iso foi "de 2005 a 2009". Pazos botou man do mesmo período para abordar os investimentos da Xunta en materia xudicial: "Hai que falar do bipartito, porque é o que nos dá o baremo comparativo", xustificou.

Naquel mesmo pleno o cada vez máis afastado gabinete encabezado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana tampouco faltou a unha das súas citas máis habituais, a da sesión de control ao presidente. A coalición de PSdeG e BNG serviu para que Feijóo chamase a ponderar na súa xusta medida a vaga de cortes de subministro eléctrico por mor do temporal, porque "cando vostedes gobernaban", advertiu á voceira do Bloque, Ana Pontón, "foran 500.000 puntos de subministro afectados" durante o duro temporal de comezos de 2009 -de cuxos efectos o PP culpara persoalmente a Touriño- e neste 2017 os "puntos afectados" foron menos, uns 180.000. No mesmo debate o malogrado bipartito levou tamén parte das culpas do atraso no remate das obras do AVE a Madrid.

O breve goberno de PSdeG e BNG permanece como a navalla suíza dos conservadores galegos, unha ferramenta política multiusos que tras a volta do PP á Xunta moi poucas voces deron en reivindicar como útil

O aturdimento no que o abrupto retorno á oposición sumiu a PSdeG e BNG en 2009 e o feito de que, entre líderes orgánicos e parlamentarios, Feijóo tivese enfronte unha quincena de líderes da esquerda mentres el continuaba aparentemente intacto contribuíu á permanencia do bipartito como a navalla suíza dos conservadores galegos. Unha ferramenta política multiusos que, sobre todo durante a primeira lexislatura tras a volta do PP á Xunta, moi poucas voces deron en reivindicar como útil.

Neste clima o bipartito foi tamén un convidado máis no acto en que, nesta pasada semana, o Parlamento presentou o primeiro libro que recompila algúns dos principais discursos parlamentarios de Feijóo -antes xa viran a luz o de Albor, o de Laxe, os catro de Fraga e mais o de Touriño- prologados polos seus asesores máis próximos. No acto, que o lexislativo fixo cadrar no 1 de marzo, oitavo aniversario da primeira vitoria de Feijóo, o presidente evocou a súa etapa "máis difícil" no Goberno e a "preocupación" que, asegurou, sentiu ao constatar que, tras unha campaña sen misericordia ningunha, o escrutinio lle outorgaba un escano máis ao PP que á unión de PSdeG e BNG. Pero tamén lembrou que na súa xeira de opositor o Goberno tiña dúas intervencións a prol en cada sesión e control e só unha en contra, a súa. Por fin rematara "o experimento do bipartito", aplaudía case á mesma hora un dos múltiples dirixentes populares que celebraron o aniversario nas redes sociais. O bipartito segue vivo, cando menos para quen o venceu.

Feijóo, no acto de presentación do libro cos seus discursos © Xunta
Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno bipartito © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.