Tal día coma hoxe de hai quince anos faltaban tres semanas para as eleccións galegas. Alberto Núñez Feijóo, que debutaba como candidato á presidencia dun PP que afrontaba os comicios dende a oposición por primeira vez en vinte anos, estaba de viaxe preelectoral en Sudamérica. En ausencia do líder, os populares elixiron o seu secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda, para acudir á manifestación convocada en Santiago por un colectivo denominado Galicia Bilingüe contra o Goberno de PSdeG e BNG.
Hai agora 15 anos, Rueda encabezou a comitiva do PP na manifestación dun colectivo que sinalaba ausencia de "liberdades" en Galicia por unha suposta "imposición" do galego
Ana Pastor, Carlos Negreira, Ignacio López-Chaves ou Corina Porro foron outros dos dirixentes que acompañaron a Rueda naquela protesta. A mobilización condensaba en vésperas electorais acusacións como unha suposta ausencia de "liberdades" en Galicia por mor dunha "imposición" do galego mediante normas como o decreto que, dende o ano 2007, aplicaba no ensino o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004, aínda en tempos de Fraga.
Entre outros aspectos, o PXNL fixara a impartición dun mínimo do 50% das materias escolares en lingua galega. O feito de que o decreto desenvolvera literalmente o plan dos tempos de Fraga facilitara que o Goberno puidese pactar o texto co PP -malia non ser necesario, ao non ter que pasar os decretos polo Parlamento-. Non obstante, os populares acabaran rachando o acordo a última hora.
Pontón xa reprochara antes a Rueda que se adherise a aquela manifestación e volveuno facer no debate da CRTVG: "Ir de ganchete cos sectores ultra contra a lingua galega é unha vergoña que o vai perseguir sempre"
Estes antecedentes e o feito de actuar como ariete do PP na oposición para rachar o consenso lingüístico apareceron ante Rueda hai xa case dous anos cando, na súa primeira sesión de control como presidente tras substituír a Feijóo. Alí, Ana Pontón esgrimiu unha fotografía do popular participando na devandita manifestación para lamentar que, máis dunha década despois, o seu Goberno teimase en "quitar ás novas xeracións a oportunidade e a liberdade de falar en galego" con normas coma o decreto que, dende 2010, limita a presenza nas aulas do que estatutariamente é idioma propio de Galicia.
A fotografía volveu saír á palestra esta mesma semana. No debate electoral da CRTVG, a portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia considerou que "cada presidente do PP ten unha fotografía" que o "caracteriza". Se a de Feijóo era "nun barco", a de Rueda, "de ganchete cos sectores máis ultra en contra da lingua galega, unha vergoña que o vai perseguir sempre", dixo, e que tamén "explica" que haxa "miles de nenos e nenas que entren pola porta da escola falando galego e saian falando castelán".
"Como presidenta, vou traballar por un gran acordo pola lingua que inclúa a derrogación do decreto da vergoña e a aprobación dun decreto da igualdade lingüística", prometeu Pontón, expondo o obxectivo de "igualdade no coñecemento" de galego e castelán para que "haxa liberdade de expresión". "Vai estar de acordo ou vai estar por tras da pancarta?", preguntou antes de que se fixese o silencio no plató nun dos momentos máis comentados no debate. No lapso mesmo deu tempo a que caesen uns papeis do atril do candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e os recollese con axuda de Marta Lois, candidata de Sumar.
Rueda alerta de supostos riscos da inmersión lingüística nun contexto no que o PP busca virar a campaña para tentar contrarrestar a boa valoración cidadá de Pontón mediante alertas sobre radicalidade, "imposición" ou "totalitarismo" e mencións a EH-Bildu
Tras os segundos de silencio, Rueda respondeu enunciando o que pasou a ser un dos eixos da campaña electoral do PP dende que finalizou o debate. O Bloque, censurou, pretende o "monolingüismo" nas aulas e por iso "invito a todo o mundo a que lea o programa do BNG" para comprobalo, afirmou nunha frase que a propia formación soberanista reproduciu con hilaridade a través das redes sociais animando a seguir o consello do actual presidente.
O "monolingüismo" foi tamén o que aplicou "o bipartito", acusou Rueda. Reproducía así a mesma acusación que lanzara na carreira electoral de 2009 e coa que, xa dende o Goberno, Feijóo xustificara a derrogación do decreto de 2007 e a aplicación do seu recorte ao galego nas aulas, onde os conservadores mantiñan daquela que xa era "maioritario". Tres anos despois, en 2012, o propio Goberno do PP acabaría admitindo que non era verdade.
Á procura dun xiro na campaña a conta de resucitar a "imposición"
No décimo quinto aniversario da anexión definitiva do PPdeG á teoría da "imposición", afastándose non só do que daquela era o Goberno galego senón tamén do fraguismo, os populares resucitan esa tese para procurar un xiro na campaña electoral. Ante os bos datos de valoración cidadá da candidata do Bloque, pero tamén ante o desempeño de Rueda no debate da CRTVG, centran os seus esforzos en alentar temores a respecto da, en verbas da súa xefa de campaña e secretaria xeral, Paula Prado, "imposición nunha soa lingua".
En última instancia, a pretensión é neutralizar a boa imaxe de Pontón e as súas propostas en materias sociais, económicas ou de xénero alertando dunha suposta "radicalidade". Así o indica, por exemplo, un argumentario interno dos populares revelado por elDiario.es no cal, tras o debate, recomendan aos seus cargos identificar o Bloque con EH-Bildu e advertir de que, se goberna, traería a Galicia "os problemas que o independentismo creou noutros lugares". Nesta mesma liña, este mércores Rueda referíase ao BNG en termos de "totalitarismo ideolóxico" durante un acto electoral en Lugo.
A proposta lingüística do BNG para o ensino
Alén da estratexia do PP e a súa intención de mudar a conversa na campaña electoral, o programa do Bloque en materia lingüística recolle, en síntese, o que a propia formación leva anos defendendo no Parlamento. comezando pola derrogación do denominado decreto do plurilingüismo e "aprobar unha nova Lei de Normalización Lingüística para, entre outras cuestións, recoñecer o galego como a lingua vehicular no ensino". Neste sentido, a candidatura que encabeza Ana Pontón comprométese a "elaborar un modelo de inmersión lingüística co obxecto de conseguir a plena normalización lingüística e un ensino totalmente en galego, partindo da Proposta de Bases para a Normalización do Ensino en Galiza".
Esa proposta foi elaborada en 2020 dende A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega, a Confederación de ANPAS Galegas e os sindicatos CIG-Ensino, CSIF e STEG e contempla, entre outros aspectos, un novo modelo lingüistico que combine dúas liñas: o "Modelo A", co galego como "lingua vehicular e de aprendizaxe de todo o sistema educativo no máximo que estabeleza o marco legal" e un "Modelo B" transitorio, co galego como "lingua vehicular, como mínimo, do 50% das áreas ou materias do alumnado" e "medidas, adaptacións e os apoios correspondentes para o alumnado que o necesite ou mostre algunha necesidade no desenvolvemento lingüístico ou de incorporación tardía ao sistema educativo".
O modelo polo que aposta o programa do BNG foi pactado por colectivos educativos e sindicatos hai catro anos, baséase no galego como lingua vehicular e, salienta Pontón, ten como finalidade "que o ensino garanta algo básico: que todo o mundo saiba as dúas linguas"
Nunha entrevista concedida a Praza.gal e publicada esta mesma semana, a propia Ana Pontón evidenciaba a súa promesa de "apostar por un decreto de igualdade lingüística no ensino que garanta algo básico, o que nos di a lexislación, que todo o mundo saiba as dúas linguas". Agregaba, asemade, que alargar o coñecemento e uso do galego na infancia e adolescencia "evidentemente, non depende só do ensino", polo que un eventual novo Goberno tamén ten que "fomentar o galego nas plataformas tecnolóxicas" ou no "ámbito audiovisual" dentro dun obxectivo político xeral de "positivizar o que significa o noso idioma, crear empoderamento en torno á lingua e deixar atrás os discursos negacionistas e tóxicos a respecto das súas posibilidades".
Os modelos de inmersión lingüística no ensino son tamén observados con bos ollos dende a Real Academia Galega tras análises e experiencias sobre o terreo co proxecto Modo galego, actívao! en centros educativos de Ames, concello elixido pola súa diversidade territorial e por ser tamén o único municipio do país onde nace máis poboación da que morre. As conclusións desta experiencia inmersiva no galego, que a Academia considerou extrapolable a outros puntos do país, foron dun "impacto extraordinario" non só no uso do galego, senón tamén -e mesmo máis- á hora de derrubar prexuízos ou tópicos infundados sobre o idioma. Previamente, a RAG constatara nun estudo ligado ao mesmo programa o "efecto desgaleguizador" do sistema educativo desde os seus inicios.