Á busca da ordenación do turismo masivo: "Aplicar o discurso do márketing ao patrimonio histórico é perigoso"

Un grupo de turistas na contorna da Praza do Obradoiro, en Santiago © Concello de Santiago

"Reordenar e desestacionalizar". Foron dous dos verbos máis conxugados no inicio das xornadas nas que o Consello da Cultura Galega tenta facer unha pausa e abrir un oco para a reflexión entre os titulares que apuntan á ruptura de sucesivos récords en número de turistas que chegan a Galicia. "Turismo masivo e patrimonio" é o binomio no que a sección de patrimonio e bens culturais da institución busca "converxencias e diverxencias" a través de voces académicas, técnicas e políticas entre as que xorden máis liñas de consenso que nos debates cotiáns e apresurados. Unha delas é a de Miguel Ángel Troitiño, o catedrático de Xeografía Humana da Complutense que hai case unha década avalou a limitación do número de visitantes á Catedral de Santiago, quen advirte dos riscos de abordar a explotación turística de espazos patrimoniais só coa lóxica do mercado.

"Aplicar o discurso do marketing ao patrimonio histórico é perigoso, aínda que dende o punto de vista do manexo económico pode ser rendible", considerou Troitiño nunha das mesas das xornadas, nas que analizou a xestión turística dos conxuntos históricos galegos xunto a Manuel Chaín, da dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta; José Ramón Castiñeiras, responsable da área de Imaxe de Turismo de Galicia; Elías Torres, profesor da USC e membro do grupo de investigación Galabra; e mais os edís de Turismo e Espazos Cidadáns da capital galega, Marta Lois e Jorge Duarte. O profesor Troitiño ten claro que o centro histórico de cidades como Santiago seguir sendo atractivo se seguen estando vivo e para iso o centro das políticas, advirte, ten que ser a cidadanía que os habita.

"Calquera plan para unha cidade histórica debe pensarse, fundamentalmente, para quen vive nela"

"Para conseguir que a cidade siga sendo viva e multifuncional o gran factor de equilibrio son os residentes" e por iso "calquera tipo de plan nunha cidade histórica ten que estar pensado, fundamentalmente, para a cidadanía que vive nela". Esta óptica, admite, bate co que ao seu xuízo é "o grave problema do turismo en xeral", que "sempre se manexa como instrumento de propaganda política" por parte de gobernos de diversas cores. A esa "propaganda", resalta, súmase e é "alimentada" polo "sector económico", fundamentalmente "a través dos medios de comunicación". "E sempre crecemos", ilustra, pero áreas como a da Catedral de Santiago seguen sen ter "ben resolta" a súa capacidade de acollida de visitantes "e acabarán por xerar problemas".

Unha das mesas de debate da xornada do Consello da Cultura sobre turismo © Concello de Santiago

Servizos á veciñanza e oferta comercial

"Temos unha vintena de conxuntos históricos con problemas comúns: perda de poboación, deficiencias de enerxía, crise da vida tradicional"

Fronte a outras intervencións da Xunta un dos representantes da Administración galega neste foro, o arquitecto e subdirector da área de Patrimonio Cultural, Manuel Chaín, identifica "problemas comúns" na conciliación de turismo e vida cotiá nos cascos históricos que cómpre abordar. "Temos máis dunha vintena de conxuntos diferente que contan cun plan de xestión e contan con problemas comúns", tales como "perda de poboación, crise da vida tradicional, deficiencias na subministración de enerxía e telecomunicacións ou problemas de aparcadoiro", resume, nun contexto no que coida que as "condicións" que ten que asumir a poboación residente debe atinxir tamén ao tecido hostaleiro e comercial. "Nada impide abrir un bar, un restaurante" ou unha tenda de recordos, admite, pero "se as vivendas teñen que axustarse a unhas determinadas condicións, os locais comerciais, tamén".

Santiago procura "desestacionalizar a demanda" turística e recuperar a rehabilitación de vivendas no centro

A atracción do turista "que planifica e sabe o que vén ver" fronte ao visitante "ao que traen a ver algo e lle din que a cidade é moito menos do que é" é, a xuízo de Chaín, un dos obxectivos a lograr nun contexto no que, dende o Concello de Santiago, o edil Jorge Duarte ve "triste", por exemplo, que as limitacións para as vivendas dificulten dotalas de servizos como a fibra óptica. Neste sentido, agrega a concelleira Marta Lois, o goberno local procura a "descentralización de fluxos turísticos e a desestacionalización da demanda" e combinalo con medidas como a moratoria na apertura de novos establecementos hoteleiros e a "recuperación do plan de rehabilitación de vivendas baleiras".

A reflexión da xornada chama a cuestionar "o discurso prevalente de que o turismo é bo en si mesmo"

A xuízo do profesor Elías Torres estas e outras decisións políticas para ordenar o turismo deberan fuxir de "mitos" que, afirma, as investigacións do grupo Galabra acreditan que son tal, tales como que o turismo masivo "é incómodo, pero temos que soportalo polo ben da economía". "Iso é moi discutíbel", asegura, toda vez que, por exemplo, "cando a máis de dúas mil persoas lles preguntamos que van comer e beber en Santiago, máis de 500 non saben e 300 dinnos que nada", o que implica qeu "unha altísima porcentaxe está de paso e pasa sen consumir". "Eu non ataco o turismo", advirte, pero cómpre cuestionar "o discurso prevalente de que o turismo é bo en si mesmo e que nel todo son beneficios".

Turistas na praia das Catedrais, en Ribadeo © Consello da Cultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.