O número de pisos turísticos legais segue a aumentar en Galicia. Os últimos datos publicados pola Xunta, correspondentes a 1 de agosto, deixan a cifra total de apartamentos rexistrados en 8.851, fronte aos 7.494 que había a comezos de ano, mantendo a tendencia crecente dos últimos meses. En total, suman 44.788 prazas, case sete mil por riba das que había o 1 de xaneiro (37.957).
Sanxenxo segue a ser, con gran diferenza, o concello que suma máis vivendas de uso turístico, con 1.646, cun aumento do 9% no que levamos de ano. En segundo lugar aparece Santiago de Compostela, con 582 apartamentos legais, medrando un 20% dende xaneiro. A continuación veñen xa Vigo e A Coruña, con 316 e crecementos do 34% e do 22% nos últimos 8 meses. O Grove, Foz e Barreiros tamén se achegan aos 300 apartamentos rexistrados.
O número dos apartamentos rexistrados legalmente medrou un 18% dende xaneiro
Estas cifras deben ser manexadas con cautela, pois refírense unicamente aos apartamentos que foron dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), de Turismo de Galicia. As multas previstas pola lei para aquelas persoas que aluguen as súas vivendas como apartamentos turísticos van dos 900 ao 9.000 euros.
O pasado ano unha investigación levada a cabo polo Concello de Santiago estimou en 1.000 o número total de vivendas de uso turístico que estaban a operar na cidade, catro veces máis das que nese momento tiña rexistradas a Xunta (246), unha cifra que hoxe máis que se duplicou. O Goberno local compostelán alertou así mesmo de que os pisos turísticos ilegais que estaban a funcionar na cidade movían cada ano 8,5 millóns de euros non fiscalizados e que non pagaban os correspondentes impostos. En xullo a Xunta de Galicia anunciou que impuxera 17 sancións a pisos turísticos non rexistrados
En Sanxenxo a metade dos pisos están situados no núcleo central da vila, outro 25% pertence a Portonovo e un 17% está localizado nos arredores das praias de Bascuas e A Lanzada
O rexistro da Xunta permite comprobar como unha parte moi importante dos apartamentos turísticos se concentran en determinados barrios, os máis céntricos de cada localidade. En Sanxenxo, por exemplo, a metade dos pisos están situados no núcleo de Sanxenxo, outro 25% pertence a Portonovo e un 17% está localizado nos arredores das praias de Bascuas e A Lanzada.
O mesmo sucede en Compostela, con 110 apartamentos pertencentes a rúas con código postal 15701, que abrangue a metade sur da Zona Vella e máis o Ensanche. Outros 99 teñen código 15703 (barrio de San Pedro) e 91 están situados nos barrios con código 15705, que corresponde á parte norte da Zona Vella, Basquiños, Vista Alegre ou Galeras. Curiosamente, no rexistro aparece un número moi importante de pisos turísticos con código 15704, correspondente aos barrios de Vite e Salgueiriños.
En Compostela, Zona Vella e Ensanche concentran a maioría dos apartamentos rexistrados legalmente
Na Coruña, pola súa banda, a Cidade Vella concentra un bo número de apartamentos (39), a pesar do seu pequeno tamaño. E tamén o fai o barrio da Pescaría, con 48. Con todo, son os barrios de Monte Alto, con 60, e dos Mallos, con 47, os espazos da urbe herculina cun maior número de vivendas de uso turístico.
O rexistro tamén amosa a concentración dos apartamentos en determinadas rúas e mesmo en en inmobles concretos, cunha gran cantidade de vivendas de uso turístico no mesmo edificio. Así, por exemplo, en Compostela atopamos só entre os apartamentos legalmente rexistrados, 14 pisos na Rúa Nova, 12 na Rúa Nova de Abaixo, 11 en Santiago de Chile, 10 na Rúa do Vilar iou 9 na Rúa Montero Ríos