A Consellería de Cultura e Turismo fixo balance este luns do novo escenario xerado en Galicia pola irrupción do fenómeno das vivendas de uso turístico, un total de 8.541 inscritas no rexistro creado pola Xunta hai dous anos. En relación cos primeiros datos que facilitara o Goberno galego, en febreiro do pasado ano, o aumento achégase ao 95% (eran 4.360 naquela primeira medición). Os apartamentos turísticos legais duplicáronse en ano e medio.
A inscrición no rexistro é obrigatoria e para asegurar o cumprimento da lei o Goberno galego está a realizar inspeccións. Tras un período inicial, a Xunta incorporou as vivendas de uso turístico ao seu plan de inspección co resto de opcións de aloxamento e servizos, actuando principalmente de oficio.
Incoáronse 53 expedientes, cos cales 30 xa foron finalizados, a maior parte por alugar a vivenda sen inscribila no rexistro da Xunta. Finalmente, 17 destes expedientes remataron en sanción
En total, incoáronse 53 expedientes, cos cales 30 xa foron finalizados. A maior parte dos casos eran derivados de infraccións tipificadas como graves (sancionables con multas entre 900 e 9.000 euros), en concreto por realizar a actividade de xeito ilegal, sen estar inscritas no rexistro autonómico. Finalmente, 17 destes expedientes remataron en sanción. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou que ese labor de inspección "ten moito de asesoramento e de prevención a prol dun turismo de calidade”.
As multas previstas pola lei van dos 900 ao 9.000 euros
Román Rodríguez defendeu que o 82% dos propietarios que poñen unha vivenda turística no mercado só inscribiron un inmoble e que outro 11% inscribiu dúas. O restante 7% ten tres ou máis no mercado. A situación en Compostela, segundo detallou o Concello, é moi diferente da debuxada pola Xunta para o conxunto de Galicia, pois cando menos o 40% dos pisos está controlada por multipropietarios. No 2018 o Concello de Santiago denunciou que os pisos turísticos ilegais na capital de Galicia moven cada ano 8,5 millóns de euros non fiscalizados.
Sanxenxo, Compostela, Vigo, A Coruña, O Grove, Barreiros, Foz, Cangas e Poio son os concellos con máis vivendas turísticas
As vilas litorais, ademais da cidade de Compostela, seguen a ser as que acumulan máis establecementos deste tipo. Domina, con gran diferenza, Sanxenxo (1.629), seguido de Santiago (569) e en terceiro lugar aparece xa Vigo (310), superando á Coruña (296), que ata agora ocupaba esa posición. O Grove (283), Barreiros (261), Foz (252), Cangas (238) e Poio (212) superan os douscentos apartamentos. E Carnota, Fisterra, Bueu, Baiona, Ribeira, Pontevedra, Porto do Son, Boiro, Nigrán, Ourense e Vilagarcía pasan dos 100.
Na rolda de prensa na que presentou estes datos, o conselleiro de Cultura e Turismo demandou "maior coordinación a nivel estatal", reclamándolle ao Goberno central "marcos normativos nos que poder desenvolver as competencias autonómicas con seguridade xurídica, a unificación de criterios que permitan dar unha resposta común a unha realidade dinámica e en constante evolución". Ante a disparidade de criterios entre comunidades autónomas, o Rodríguez apostou por "unha harmonización cun marco común mínimo que redunde en beneficio de todos”, así como maior colaboración por parte das plataformas de comercialización online.
Nos últimos meses algúns concellos, destacando especialmente Santiago de Compostela, puxeron en marcha medidas para evitar o funcionamento de pisos turísticos ilegais e para previr as situacións de saturación, que teñen efectos moi negativos sobre o prezo dos alugueiros e para a vida dos propios barrios. Dende o mes de xaneiro deste ano o número de apartamentos turísticos creceu un 17% en toda Galicia, pero houbo algunhas localidades, sobre todo costeiras, nas que este incremento foi moi superior, o mesmo que nalgunhas cidades.
Algúns concellos, especialmente Compostela, puxeron en marcha medidas para evitar o funcionamento de pisos turísticos ilegais e para previr as situacións de saturación
Localidades como Vigo (+32%), Baiona (+29%), Boiro (+29%), Ourense (+31%), Lugo (+27%), A Pobra do Caramiñal (+26%), A Guarda (+26%), Cariño (+26%), Cedeira (+25%) ou Cee (+24%) experimentaron aumentos moi por riba da media galega (+17%) nos últimos seis meses.
Sanxenxo o concello con máis prazas nos pisos turísticos, superando xa as oito mil (8.171). A cifra achégase xa á das prazas hoteleiras coas que conta esta localidade (8.907). En Barreiros, Foz, Cangas, Bueu, Fisterra, Carnota ou Poio hai máis do dobre de prazas en pisos turísticos que en establecementos hoteleiros