O Goberno de España 'planta' a Xunta por "ocultar" que achega fondos para novas vivendas públicas

A conselleira de Vivenda, Martínez Allegue, no barrio de Xuxán na Coruña CC-BY-SA Xunta

A Delegación do Goberno de España en Galicia desconvocou na mañá deste xoves a asistencia prevista do delegado, Pedro Blanco, ao acto de inauguración das obras de construción dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán, na Coruña.

Blanco decidiu non acudir ao "tras ser informado pola Consellería de Vivenda de que o Goberno central non tiña intervención nun acto no que se presenta unha actuación financiada, en parte, con fondos do Plan de Recuperación do Goberno". Ademais, o delegado acusou ao departamento que dirixe María Martínez Allegue de non telo convidado ata a insistencia da Delegación e lamenta a "actitude, as formas e a falta de respecto institucional da conselleira". 

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, nun acto na Coruña CC-BY-SA Delegación do Goberno

O delegado do Goberno central en Galicia non acode a un acto de Vivenda na Coruña tras vetar a Consellería a súa intervención

O delegado do Goberno central acusa a Consellería de "intentar ocultar que os programas da Xunta [de vivendas de promoción pública] están financiados en gran medida polo Executivo de España" e lembrou que foi esta Administración a que "transferiu máis de 500 millóns de euros en materia de vivenda" a Galicia, tanto en axuda ao alugueiro, á rehabilitación ou para eficiencia enerxética, así como en liñas de avais ou en promocións de vivenda pública como a que este xoves se presentou na Coruña. 

Martínez Allegue, pola súa banda, negou desde A Coruña que a Xunta queira ocultar a achega económica por parte do Goberno central e asegura que sempre se facilitan os datos sobre o financiamento que corre a cargo de fondos europeos. 

Precisamente, e no acto que dá inicio ás obras dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán, cun investimento de case 11 millóns de euros, a Xunta destaca —tamén na cartelaría—que asume con fondos propios 8,4 millóns (77,2 %), mentres que os restantes 2,4 (22,8 %) financiaranse con fondos europeos. Uns fondos que saen do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, xestionados tamén dende o Estado central.

A prevista ausencia do delegado do Goberno e a posterior confirmación da ausencia de espazo para a súa intervención provocou a desconvocatoria da presenza de Pedro Blanco, que acusou a Martínez Allegue de "un día criticar as actuacións do Goberno de Pedro Sánchez e outro, poñelas en valor". "Só desde o entendemento e a leal colaboración seremos quen de dar unha resposta eficaz ao problema de vivenda en Galicia", engadiu. 

Acto de inicio das obras de vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña CC-BY-SA Xunta

Pedro Blanco acusa a Xunta de agochar que boa parte do financiamento da vivenda de promoción pública provén do Goberno central

Pola súa banda, Allegue destacou a aposta da Xunta pola dotación de vivenda pública, co reto de duplicar o parque residencial nesta lexislatura ata acadar 4.000 novas vivendas, das que xa están en marcha en distintas fases 1.700, segundo aclarou. 

Desde o Goberno central insístese en que boa parte do impulso á promoción de vivenda por parte da Xunta proveñen dos fondos europeos. Así, e segundo os datos das contas autonómicas de 2024, o orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo aumentou un 26% e a vivenda foi, en xeral, o ámbito que gañou máis peso. Un empurrón que chegou en boa medida a través do Executivo central: tanto de fondos finalistas do Estado coma do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, xestionados tamén dende o Estado.

Nas contas de 2025, a politicamente máis relevante entre as partidas que máis subiu foi a de vivenda, que quince anos despois volveu superar os 200 millóns de euros ata acadar os 204,8, case un 23% máis. As orixes da suba hai que buscalas no forte avance do programa de acceso á vivenda (de 73 a 153 millóns) no que se inclúen os fondos europeos transferidos polo Estado que teñen, entre outras finalidades, o impulso de novos pisos en alugueiro social. Esta inxección pasa de 20 millóns en 2024 a 100 millóns en 2025 entre fondos propios (58,9) e europeos de recuperación (41,5), disparando o capítulo de investimentos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de 40 a 120 millóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.