O Goberno de España pide "máis axilidade" cos fondos europeos á Xunta: "Ten o 51% sen adxudicar"

Pedro Blanco, delegado do Goberno de España en Galicia, facendo balance do 2024, este 10 de xaneiro de 2025 © Delegación do Goberno de España en Galicia

Galicia ten asignados 1.545 millóns de fondos Next Generation dos que 759 xa chegaron ao seu destino e outros 199 xa foron tamén convocados, pero aínda non resoltos. O delegado gobernamental reclama "maior dilixencia"

O Goberno de España principia o 2025 en Galicia facendo balance do ano que vén de rematar. O delegado galego do Executivo do PSOE e Sumar, Pedro Blanco repasa cifras como a maior achega "da historia" en financiamento do Estado á Xunta nun ano (10.857 millóns) ou diversos investimentos estatais no noso país, así como accións en materia de suba das pensións. Mais tamén debulla as que, ao seu xuízo, son eivas na relación entre ambos gobernos atribuíbles ao gabinete de Alfonso Rueda.

Neste segundo capítulo sitúa o socialista un eido no que, defende, cómpre "maior axilidade e dilixencia" da Xunta, caso da xestión dos fondos europeos de recuperación. Porque algo máis da metade, lamenta, están "sen adxudicar". Concretamente, "o 51% do total".

Segundo os datos da Plataforma Elisa, a ferramenta do Ministerio de Economía que permite consultar o destino dos fondos Next Generation que a UE enviou ao Goberno de España, ata finais de novembro do pasado ano as diferentes reparticións achegaran a Galicia un total de 1.545 millóns de euros. A maior parte deles, 958 millóns -0 62%- xa foran obxecto de convocatoria por parte da Xunta pero os que xa chegaron ao seu destino quedan en 759, segundo os datos máis recentes dispoñibles. Isto é, o 49% do total.

Pedro Blanco defende que o Executivo de Sánchez leva estes fondos "a todos os concellos galegos". Os resoltos directamente polo Estado en Galicia ascenden a 2.046 millóns

O 51% ao que se refire Blanco está composto por 199 millóns de euros que xa foron convocados pola Xunta pero cuxa resolución aínda non culminara no momento da extracción dos datos polo Ministerio. E, canda eles, 587 millóns que non foran obxecto de convocatoria.

O delegado do Goberno de España apunta a que estes fondos seguen a ser "unha oportunidade única" e por iso o Executivo de Pedro Sánchez está "levándoos a todos e cada un dos concellos galegos". Segundo os datos da mesma plataforma, contra finais de 2024 os fondos europeos de recuperación resoltos en Galicia directamente polo Estado ascendían a 2.046 millóns de euros.

Só cinco autonomías con máis da metade xa resoltos

Os datos da mesma plataforma indican que non ter resoltos a maior parte dos fondos europeos de recuperación asignados continuaba sendo a finais de 2024 o máis habitual entre as comunidades autónomas. Non en van, só cinco (Euskadi, Madrid, Castilla-La Mancha, Castilla y León e Aragón) tiñan xa adxudicados máis do 50% do que lles asignara o Estado.

Galicia, pola súa banda, estaría en cabeza dos que aínda non pasaron do 50%, co devandito 49% xa chegado ao seu destino final. Un desempeño notablemente peor é o de territorios como Canarias, Balears ou La Rioja, con máis do 70% dos fondos Next Generation aínda sen ser resoltos. Tamén Asturias, Catalunya, Navarra, Andalucía, Murcia ou Cantabria destacan ao superar o limiar do 60% de fondos aínda pendentes de chegar a empresas ou persoas da súa competencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.