Cando se fala da crise da vivenda, ás veces semella que se pensa nas dificultades para acadar entrar nunha casa. Pero hai un aspecto do problema que afecta directamente á mocidade: a imposibilidade de estudar e emanciparse en liberdade
Cando se fala da crise da vivenda, ás veces semella que se pensa nas dificultades para acadar entrar nunha casa. Pero hai un aspecto do problema que afecta directamente á mocidade: a imposibilidade de estudar e emanciparse en liberdade. Porque hoxe, para moitos estudantes, acceder a unha carreira ou a unha formación xa non depende só do esforzo académico. Depende tamén de poder pagar un lugar onde vivir.
As residencias privadas teñen prezos inasumibles para moitas familias. As públicas, pola súa parte, contan con moitísimas menos prazas das necesarias. O resultado é que miles de estudantes teñen que buscar habitacións en pisos saturados, alugueiros temporais cada vez máis caros ou alternativas habitacionais moi precarias. E moitas veces nin sequera iso é posible.
Hai persoas que directamente renuncian a estudar o que queren porque non poden permitirse vivir na cidade onde se imparte esa formación ou fóra da casa familiar
Isto introduce un sesgo de clase moi grave no acceso aos estudos superiores. Durante anos pensouse que a diferenza estaba simplemente en quen podía vivir mellor ou peor mentres estudaba. Agora o problema é outro: hai persoas que directamente renuncian a estudar o que queren porque non poden permitirse vivir na cidade onde se imparte esa formación ou fóra da casa familiar. Mozos e mozas que cambian os seus plans de futuro non por falta de capacidade, senón por falta de cartos.
Un/ha estudante pode sacar unha nota excelente e conseguir praza nunha titulación que lle apaixona, pero despois descubrir que non hai pisos accesibles, que ninguén quere alugar a estudantes ou que a súa familia non pode asumir ese gasto ou os traballos que acada son demasiado precarios. E entón chega a renuncia silenciosa
Un/ha estudante pode sacar unha nota excelente e conseguir praza nunha titulación que lle apaixona, pero despois descubrir que non hai pisos accesibles, que ninguén quere alugar a estudantes ou que a súa familia non pode asumir ese gasto ou os traballos que acada son demasiado precarios. E entón chega a renuncia silenciosa: quedar na cidade de orixe e escoller outra opción, ás veces unha que nin sequera lles interesa realmente. A vivenda condiciona o futuro profesional dunha xeración enteira.
Ao mesmo tempo, emanciparse convértese nun obxectivo cada vez máis afastado. Mesmo traballando, moitas persoas novas non poden permitirse un alugueiro propio. As idades para acceder ás axudas xuvenís soben continuamente porque tamén sobe a idade á que a xente consegue marchar da casa familiar (se hai a sorte de ter unha). Hai quen pasa case media vida sen poder construír un espazo propio.
Será un dos temas presentes na manifestación convocada pola Alianza pola Vivenda o vindeiro 5 de xuño ás 20:00 horas, saíndo da Praza dos Cabalos, baixo o lema: “A vivenda cóstanos a vida”
E iso ten consecuencias profundas. Non só afecta á independencia económica, senón tamén á liberdade persoal, á construción da identidade, ás relacións afectivas ou á posibilidade de formar unha familia no futuro. A precariedade da vivenda está marcando os proxectos vitais de toda unha xeración.
Por iso é necesario tratar esta cuestión coa gravidade que merece. E será un dos temas presentes na manifestación convocada pola Alianza pola Vivenda o vindeiro 5 de xuño ás 20:00 horas, saíndo da Praza dos Cabalos, baixo o lema: “A vivenda cóstanos a vida”.