Rueda avanza que en 2023 o Goberno galego fará o mesmo con parte das 46 vivendas que tamén ten xa cedidas por parte da Sareb ou ‘banco malo’
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que o seu Goberno vén de autorizar a compra a Abanca por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de “55 vivendas por un importe de 3,9 millóns de euros para reforzar o seu parque público residencial destinado a alugueiro nunha trintena de concellos onde existe este tipo de demanda”. Malia presentalo así, realmente as vivendas non aumentarán a oferta de alugueiro nin atenderán á demanda porque xa están actualmente ocupadas por persoas vulnerables, que pasarán de ser inquilinos do banco a séreno da Xunta.
Rueda tamén avanzou que en 2023 prevese mercar máis vivendas similares á Sareb, ou ‘banco malo’ que tras a crise de hai unha década quedou cos activos inmobiliarios denominados tóxicos da banca ou das antigas caixas galegas.
Segundo o propio Goberno galego, o IGVS xa xestiona na actualidade os 55 inmobles que agora vai mercar grazas a un convenio de colaboración subscrito con Abanca en 2019 “para garantir que persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias puidesen manter as súas vivendas habituais, e que colectivos desfavorecidos ou en situación de exclusión social tivesen acceso a un contrato de alugueiro a prezos reducidos”. A propia Xunta recoñece que impulsa a operación de compra “ante a próxima caducidade do convenio” ata agora en vigor.
As persoas que xa ocupan os inmobles que mercará a Xunta "poderán seguir vivindo nelas nas mesmas condicións"
Agora, tras a compra por parte da Xunta, “os inquilinos que ocupan actualmente estes inmobles e que na súa maior parte se corresponden con persoas en situación de vulnerabilidade, poderán seguir vivindo nelas nas mesmas condicións que ata o de agora, incluído o importe que pagan en concepto de alugueiro, que oscila entre os 41 euros e os 125 euros mensuais”.
O Goberno galego tamén avanza que “o ano que vén” prevé mercar “parte das 46 vivendas que, segundo as cifras ofrecidas este mércores pola Xunta, a Sareb tamén ten cedidas nestes momentos ao IGVS para alugueiro social”.
As operacións inmobiliarias que a Xunta concretou ou avanzou este mércores chegan mentres a vivenda protexida segue en mínimos históricos en Galicia, con só 468 rematadas no que vai de lexislatura.