Os datos oficiais do Poder Xudicial volven contrastar, outra volta, as axendas políticas e mediáticas que sitúan as ocupacións ilegais de vivendas como "principal" problema do país neste eido. As estatísticas oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial correspondentes ao terceiro trimestre do ano amosan como nese período estival (de xuño a setembro) diminuíu o número de desafiuzamentos -algo habitual, pola menor actividade xudicial no verán- e aínda así, os desaloxos multiplican por trece os novos casos de ocupacións, que continúan a ser residuais.
A maioría dos desafiuzamentos seguen sendo en vivendas alugadas, segundo o Poder Xudicial
Sempre segundo esa estatística oficial, divulgada este 2 de decembro, neses tres meses Galicia rexistrou 22 novos casos de ocupacións ilegais de vivendas propiedade de "persoas físicas, entidades sen fins de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social", que son as que mide este indicador. Son exactamente os mesmos que no mesmo trimestre do ano anterior e nove menos que no segundo trimestre.
Estas cifras deixan a Galicia con 0,8 novos casos de ocupacións ilegais de vivendas por cada cen mil habitantes. Está, por tanto, catro décimas por baixo da media do Estado. É tamén unha das nove comunidades autónomas nas que esta problemática non chega a cadar 1 caso novo por cada cen mil habitantes.
Mentres, os mesmos datos deixan claro que os desafiuzamentos seguen sendo moito máis abondosos, especialmente os derivados de impagamentos de alugueiros, malia á devandita diminución. Foron un total de 300 neses tres meses, 249 deles en vivendas arrendadas e os restantes 51 foron lanzamentos en vivendas hipotecadas. No mesmo trimestre do ano anterior Galicia rexistrara 6 desaloxos máis en vivendas alugadas e oito lanzamentos máis ligados a hipotecas.
Malia aos datos, a Xunta sinalaba recentemente que a loita contra as ocupacións é a súa "principal demanda" ao Estado en materia de vivenda
Nun contexto xeral de suba dos prezos da vivenda e de crecentes dificultades para acceder a este dereito, esta nova radiografía de datos fornecida polo Poder Xudicial prodúcese tamén pouco despois de que a consellería de Medio Ambiente, a que ten competencias en materia de vivenda, reiterase que a súa "principal demanda" ao Estado neste eido segue sendo combater as ocupacións, malia admitir que non manexa "cifras exactas" ao respecto e mentres o inicio de execucións hipotecarias remonta en Galicia (un 21%, segundo datos coñecidos o pasado setembro).
Nesta liña, o Goberno galego continúa financiando un servizo de asesoría 'antiocupacións', se ben esa liña telefónica e portal de internet incorporou este ano tamén a posibilidade de consultas sobre desafiuzamentos, toda vez que no ano previo, cando se dedicaba só ás ocupacións, recibiu apenas unha trintena de consultas en doce meses. Non obstante, recentemente o PP galego vén incluíndo a apertura de asesorías antiocupacións entre as súas promesas e demandas en varias cidades galegas cara ás vindeiras eleccións municipais.