O BNG denuncia "o novo golpe democrático" que a Xunta está a piques de materializar coa modificación "pola porta de atrás" da lei de estatística, en medio do trámite para a aprobación dos Orzamentos para 2026, co fin de eliminar a representación dos partidos da oposición e reducir a de colectivos sociais no Consello Galego de Estatística, por definición, o "máximo órgano consultivo da estatística galega".
A portavoz de Facenda do Bloque, Noa Presas, afirma que se trata dun novo paso do Partido Popular para afondar no "baleirado" do sistema público, "cuestionando órganos de autogoberno que até o de agora mantiveron na independencia o seu eixo central de actuación e asesoramento". "Cuestionan o Instituto Galego de Estatística (IGE), a Valedora do Pobo, o Consello da Cultura, o Consello de Contas e, en suma, todo o que non sexa directamente controlado polo PP", asegura.
Tal e como avanzou Praza.gal, o Executivo de Alfonso Rueda aproveita o trámite dos Orzamentos de 2026 para modificar a lei de estatística aprobada hai apenas un ano por unanimidade no Parlamento, que mantivo a representación dos grupos parlamentarios neste máximo órgano consultivo da estatística, introducida polo gabinete de Feijóo no ano 2011.
Presas censura que se trata dun paso "para eliminar a representación do pluralismo político do Parlamento no Consello Galego de Estatística e para avanzar no control político da información que xera o IGE"
Noa Presas censura que o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña aos Orzamentos recolle modificacións legais "para eliminar a representación do pluralismo político do Parlamento no Consello Galego de Estatística e para avanzar no control político da información que xera o IGE".
"Todo isto encaixa coas críticas do Goberno de Rueda ao Instituto Galego de Estatística por enquisas como a referida ao coñecemento e uso do galego, chegando o PP ao punto de negar a certeza dos datos sobre a perda de galegofalantes", incide a deputada do BNG.
O cambio que a Xunta pretende introducir agora no Consello Galego de Estatística provén, precisamente, da decisión do Goberno de que o IGE pasase a depender directamente da Consellería de Presidencia, no canto da de Facenda, como viña sucedendo.
Presas destaca que ademais verán reducida a súa participación no Consello Galego de Estatística o Consello Galego de Cámaras, o Consello Agrario, as confrarías de pescadores e o Consello Galego de Consumidores e Usuarios.
"A Xunta pasará de poder nomear a dedo de dúas a oito persoas expertas", salienta Presas
O BNG pon de relavancia que, así mesmo, "desaparece" a persoa titular da Presidencia da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións e os dous postos da Administración xeral do Estado. "A Xunta, pola contra, pasará de poder nomear a dedo de dúas a oito persoas expertas", indica Presas.
O grupo parlamentario do BNG xa rexistou no Parlamento unha iniciativa para que este exprese nunha resolución o seu rexeitamento da proposta da Xunta "de eliminar a representación consolidada do pluralismo político da Cámara no Consello Galego de Estatística e de avanzar no control político da estatística galega", así como para demandar a súa rectificación.