Protección de Datos sancionou a Educación só cun apercibimento e ditoulle medidas correctoras, pero o Goberno galego rexeitounas e recorreu á xustiza, que vén de desestimar a súa postura
A Escola de Educación Infantil do Milladoiro (Ames), da Consellería de Educación, publicou en 2018 na súa fachada de cristal, visibles desde o exterior, as listaxes do alumnado admitido, coa puntuación, nomes e apelidos completos e o DNI completo de pais ou nais. Unha persoa denunciou os feitos ante a Axencia Española de Protección de Datos, que se limitou a sancionar á Xunta cun apercibimento, sen multa económica, e ditoulle medidas correctoras. O Goberno galego rexeitou atender a Protección de Datos e recorreu ante a Audiencia Nacional, que agora vén de avalar a sanción e condenar á Xunta a pagar as costas procesuais.
Segundo os feitos probados da sentenza emitida pola Audiencia Nacional o 30 de abril, a propia Consellería de Educación “recoñeceu” ante Protección de Datos que “durante o período de admisión [do alumnado], e posto que debe publicar moita documentación, emprégase a cristaleira que está na fronte da escola, pois é máis ampla e permite unha visión correcta de toda a documentación”, en vez do espazo máis reducido dos taboleiros de anuncios do interior do centro. Igualmente, durante o mesmo período de admisión o centro publicou na súa páxina web os mesmos listados sen que se limitase o seu acceso ás persoas interesadas nos mesmos, segundo salienta Protección de Datos.
Os xuíces critican tanto que se publicasen as listas na cristaleira exterior do centro e non no seu taboleiro como que se incumprise a normativa que di que “en ningún caso debe publicarse o nome e apelidos de maneira conxunta co número completo”
No proceso xudicial Educación argumentou a obriga legal de publicar o listado do alumnado admitido ou non admitido por ser un procedemento de concorrencia competitiva no que as propias persoas interesadas outorgan o seu consentimento para o tratamento e publicación de datos persoais. Porén, a Audiencia Nacional respóndelle que “non se cuestiona que os listados do alumnado deban ser obxecto de publicación” senón que “o que se imputa é que se publicou a información de carácter persoal [...] sen respectar o principio de confidencialidade, que resulta de aplicación ao tratamento desa información”.
Os xuíces lembran que o lugar para a publicación dos listados é o taboleiro de anuncios do interior do centro e mesmo que a normativa prevé o xeito en que deben ser borrados determinados números do DNI e que “en ningún caso debe publicarse o nome e apelidos de maneira conxunta co número completo” do documento de identidade.
A sentenza salienta que a resolución da Axencia Española de Protección de Datos que deixou en só un apercibimento a sanción a Educación ditoulle “a adopción de medidas técnicas e organizativas adecuadas para garantir o principio de confidencialidade”. Fronte ao rexeitamento da Xunta a esa resolución de Protección de Datos, a Audiencia Nacional aválaa como “conforme a dereito” e impón ao Goberno galego o pago das costas procesuais.