De Sanidade e Economía a Igualdade: a crise de goberno continúa cunha quincena de cambios en seis consellerías

Alfonso Rueda diríxese á comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, este 22 de xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A crise de Goberno precipitada pola confección das listas do PP de Alberto Núñez Feijóo para as eleccións xerais do 23 de xullo e acrecentada coa saída de cargos do Goberno galego que concorreron ás eleccións municipais continúa a alargarse. Tras as marchas dos titulares da Vicepresidencia Primeira e da Consellería do Mar, a conseguinte reestruturación e as remudas ou cesamentos en tres departamentos e dúas delegacións, a pasada semana, este xoves o Consello da Xunta deu o seu visto e prace a ata quince movementos de altos cargos en media ducia de consellerías.

O centro destes cambios son as consellerías que cambiaron de máximos responsables, pero a súa vaga expansiva é maior. Así, por exemplo, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, agora dirixida por María Jesús Lorenzana xa sen o rango de vicepresidencia destitúe ao ata agora secretario xeral técnico, Pablo Casal, e mais á secretaria xeral de Industria, Paula Uría

A nova conselleira de Emprego, Elena Rivo -na imaxe, conversando co novo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, no Consello deste xoves- propicia varias remudas no seu departamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O novo secretario xeral técnico é de Economía e Industria é José Ramón Pardo, que ata agora ocupaba o mesmo posto en Emprego, a consellería que dirixía a agora titular de Economía. A secretaría xeral de Industria pasa a Nicolás Vázquez, que viña exercendo como secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural. Á súa vez, Medio Rural incorpora como secretario xeral técnico a Joaquín Macho, que exercía a mesma responsabilidade na Consellería de Infraestruturas. É substituído por Pilar Arias Graña, ata agora xefa xurídica de Augas de Galicia.

A conselleira de Economía leva consigo o secretario xeral de Emprego, que á súa vez 'ficha' o ata agora secretario xeral de Sanidade nunha serie de remudas que tamén salpican a Medio Rural e Infraestruturas

O outro paquete de remuda chega da Consellería de Fomento do Emprego, agora dirixida pola ex-concelleira ourensá Elena Rivo. Rivo nomea como secretario xeral técnico a Alberto Fuentes, o que implica que deixe de exercer un dos cargos máis sensibles do Goberno, a secretaría xeral técnica da Consellería de Sanidade. Nese posto na área sanitaria é nomeada Natalia Lobato, que procede da vicesecretaría xeral da Presidencia e antes exerceu outros postos nese mesmo departamento.

Ademais, a nova conselleira prescinde de Covadonga Toca como secretaria xeral de Apoio ao Emprego. Toca dirixirá de agora en diante o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), onde xa foi secretaria xeral de 2011 a 2015. O nomeado para o posto é Pablo Fernández López, enxeñeiro industrial e concelleiro do PP en Pontevedra.

Sandra Vázquez, nova secretaria xeral de Igualdade, na imaxe nun mitin con Rueda como candidata do PP en Vilalba CC-BY-SA PPdeG

Desta Consellería depende tamén a Secretaría Xeral de Igualdade, que levaba unha semana vacante dende que cesou como titular do departamento Susana López Abella, que levaba máis dunha década á súa fronte. López Abella, que se incorporou como deputada do PP pola provincia de Lugo ao Parlamento despois de que outros membros do grupo parlamentario abandonasen a Cámara para asumir postos nos concellos tras o 28M.

A que foi candidata do PP á alcaldía de Vilalba é a nova Secretaria Xeral de Igualdade en substitución da veterana Susana López Abella

A nova secretaria xeral de Igualdade procede tamén do PP lucene. Trátase de Sandra Vázquez, a aposta do PP para tentar regresar á alcaldía de Vilalba nos pasados comicios locais, o cal non conseguiu. Vázquez, ata agora tamén deputada e ex-senadora, é titulada en Administración e Dirección de Empresas e formouse no ámbito dos seguros.

Froito das eleccións municipais é tamén a remuda na dirección xeral de Persoas con Discapacidade, igualmente vacante dende a semana pasada, cando a abandonou Fernando González Abeijón para recoller a súa acta de concelleiro do PP en Vigo. O cargo asúmeo Begoña Abeijón, xornalista ata agora xefa do gabinete da propia Consellería de Política Social e, anteriormente, membro de gabinetes de prensa da Xunta e do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.