A conselleira Vázquez dá novos cargos en Política Social ao equipo co que xestionaba Medio Ambiente

María José Echevarría, ata agora directora xeral de Calidade Ambiental, será a nova xerente do Consorcio de Benestar CC-BY-SA Xunta de Galicia

A directora ambiental que autorizou a fábrica de Altri será agora xerente do Consorcio Galego de Benestar, logo de que a nova conselleira tamén entregase a área de Igualdade á enxeñeira que xestionaba a política enerxética

A nova conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, ata agora á fronte de Medio Ambiente, segue a entregar altos cargos do seu novo departamento ao equipo co que xa viña xestionando as políticas ambientais. Tras nomear para a área de Igualdade á enxeñeira que xestionaba a política enerxética, agora a directora xeral que autorizou ambientalmente a fábrica que Altri pediu instalar en Palas de Rei será a nova xerente do Consorcio Galego de Benestar, que xestiona residencias de maiores, centros de día ou escolas infantís por toda Galicia. 

Autorización ambiental a Altri asinada por María José Echevarría CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras a crise de goberno provocada por Alberto Núñez Feijóo para levar como candidata pola Coruña ao Congreso á ata agora conselleira de Política Social, Fabiola García, seguen a producirse remudas en cargos intermedios de varias consellerías. Co seu paso de conselleira de Medio Ambiente a Política Social, Ángeles Vázquez vén de levar con ela como nova xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar a quen ata agora era directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría. 

Ela foi quen asinou a polémica autorización ambiental para a fábrica de Altri e agora estará á fronte do ente co que a Xunta xestiona ducias de residencias de maiores, centros de día ou escolas infantís por toda Galicia. Para substituíla, o Consello da Xunta decidiu que a nova directora xeral de Calidade Ambiental será Margarita Segade Castro, ata agora xefa do servizo de Avaliación Ambiental. 

Esta remuda prodúcese logo de que a semana pasada Vázquez tamén elixise como nova directora xeral de Promoción da Igualdade a quen ata agora era directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. O cambio en Igualdade supón que Uría será a terceira directora xeral desa área en tan só cinco meses. 

Reunión do Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ademais, o Consello da Xunta deste luns tamén cubriu a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, da que saíu a semana pasada Isaac Rosón Sánchez-Brunete para ser nomeado novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. Agora é remudado en Pesca por Ángeles Vázquez Suárez, que era directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, cargo á súa vez entregado agora a José David Gómez Brandariz. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.