O Estado obriga a Xunta a "coordinar" coa Coruña e Santiago o gasto dos 10 millóns das zonas tensionadas

Edificio de vivendas nun barrio da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

As subvencións para autonomías con zonas de mercado residencial tensionado chegan ao BOE. Os consistorios coruñés e compostelán reclamaran ao Goberno galego a transferencia dos cartos pola súa oposición política á medida

Os 10 millóns de euros para A Coruña e Santiago polas súas condicións de zonas de mercado residencial tensionado ao abeiro da lei estatal de vivenda xa están no Boletín Oficial do Estado (BOE). Son uns 10 millóns para investir no concello coruñés e uns 7 no compostelán, o duplo do previsto inicialmente polo Ministerio de Vivenda, que tamén retocou a formulación inicial do Real Decreto co que asigna as subvencións para, entre outros aspectos, facer obrigatoria a "coordinación" do gasto cos concellos atinxidos aínda que os fondos vaian chegar á Xunta.

Estas subvencións directas teñen como destinatarios os gobernos "das comunidades autónomas que declarasen zonas de mercado residencial tensionado", competencia autonómica en virtude da normativa estatal. En Galicia dáse a circunstancia de que a Xunta acabou accedendo a esa declaración na Coruña -xullo de 2025- e Santiago -un ano despois, no segundo intento- por obriga legal, pero explicitando a súa oposición política á medida. Por este motivo, os gobernos locais que dirixen Inés Rey (PSdeG) e Goretti Sanmartín (BNG) fixeron fronte común para reclamar que a Consellería de Vivenda lles transfira os fondos cando os reciba, pero a Xunta negouse.

As alcaldesas de Santiago e da Coruña, Goretti Sanmartín (BNG) e Inés Rey (PSdeG), tras manteren unha xuntanza sobre política de vivenda o pasado setembro CC-BY-SA Concello da Coruña

O propio presidente, Alfonso Rueda, aseguraba o pasado setembro -cando os fondos previstos polo Ministerio para Galicia eran a metade, uns 5 millóns- que a Xunta atendería a obriga de destinar os fondos á Coruña e Santiago, corrixindo así unha declaración previa da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue. Pero non mediante un traspaso aos concellos, senón coa "promoción de vivenda pública" da propia Xunta.

Rueda avanzara a súa intención de destinar a achega á promoción de vivenda pública. O Real Decreto permíteo se son de alugueiro accesible, con protección permanente e de acordo cos concellos

Atendendo ao Real Decreto, a promoción de vivenda pública entra dentro das accións subvencionables, pero con condicións. Debe "destinarase ao alugueiro accesible ou social" que queden "sometidas a un réxime de protección pública permanente, sen posibilidade de descualificación voluntaria, e se destinen con carácter permanente" a ese alugueiro accesible. 

Estas normas encaixan coa vixente lei de vivenda de Galicia. Pero ademais deben combinarse coa obriga de "articular a coordinación necesaria coas entidades locais que instasen a declaración da zona de mercado residencial tensionado", neste caso os concellos da Coruña e Santiago, "a fin de asegurar a adecuada execución das medidas financiadas".

Edificios de vivendas en Santiago e ao fondo, á dereita, o complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-SA Xunta

Esa mesma obriga rexe se finalmente a Xunta decidise destinar os 10 millóns para outros fins contemplados no Real Decreto. O Goberno de España permite sufragar tamén con eles a compra de solo para construír vivendas, mercar pisos xa existentes para destinalos a alugueiro accesible ou tamén "a cobertura ou aval das rendas en caso de impagamento de contratos de arrendamento" a "persoas mozas ou pertencentes a colectivos vulnerables", unha das finalidades, precisamente, para as que o Concello da Coruña reclama o traspaso dos cartos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.