A Xunta pide á Coruña que lle ceda as vivendas municipais que quere reparar cos fondos de zona tensionada

Grupo de vivendas municipais María Pita, no barrio de Labañou na Coruña CC-BY-SA Xunta

A Xunta non só desbota a demanda do Concello da Coruña (e mais do de Santiago) de xestionar os fondos que o Estado destina ao municipio por ser declarado zona de mercado residencial tensionado, senón que rexeita a proposta para destinar estes cartos fundamentalmente á reparación de vivendas municipais e pídelle que llas ceda á Administración autonómica para reformalas e poñelas a disposición da cidadanía. 

Así o asegurou a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, tras un acto na Coruña e logo de advertir da súa "sorpresa" por coñecer a existencia destas vivendas municipais na carta remitida pola alcaldesa, Inés Rey, ao seu departamento e ao Ministerio na que detallaba a que dedicaría eses 3,6 millóns que lle corresponde. 

A conselleira Martínez Allegue, nun acto na Coruña CC-BY-SA Xunta

A conselleira de Vivenda insiste en rexeitar a intención do Concello de xestionar directamente os 3,6 millóns que lle corresponden dos fondos do Estado

O obxectivo, segundo Rey, sería a reparación desas 40 vivendas municipais para que poidan dedicarse a alugueiro social, así como ao pagamento de seguros de impago de rendas para vivendas baleiras. Para Allegue, e na actual situación de crise habitacional, “é unha absoluta irresponsabilidade” ter vivendas municipais baleiras, De aí, aclarou, que tenda a man ao Concello da Coruña porque a Xunta “si que ten capacidade económica para a súa rehabilitación”. 

Así, reclámalle á alcaldesa que o Concello ceda á Xunta as vivendas, que logo se destinarían a alugueiro accesible entre inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda de Galicia.

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo na Coruña, Francisco Díaz, lembrou este xoves no pleno municipal que a Xunta non construíu nin unha soa vivenda na cidade nos últimos catorce anos e que son 7.000 as persoas inscritas como demandantes de vivenda de protección oficial na cidade. 

Allegue acusa o Concello de "irresponsable" por ter pisos municipais baleiros e pide que os ceda á Xunta porque “si que ten capacidade económica para a súa rehabilitación”.

Esta nova discrepancia únese á xurdida desde hai tempo tras a declaración de zona de mercado residencial tensionado para A Coruña. O Goberno central anunciou que enviaría 5,1 millóns a Galicia para esta cidade e Santiago por terse acollida á declaración e os dous concellos —facendo unha fronte común— pediron á Xunta que lles transferise directamente os cartos para poder xestionalos directamente, tal e como recomendou tamén o Goberno de España. 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, no palacio municipal de María Pita CC-BY-SA Concello da Coruña

A Xunta segue a negarse e, desta volta, non só rexeita transferir os cartos senón que pide ao Concello da Coruña que lle ceda as súas vivendas municipais para rehabilitalas e dedicalas a alugueiro social. 

Respecto dos decretos en materia de vivenda aprobados polo Consello de Ministros, é espera de seren aprobados polo Congreso este venres, Allegue foi moi crítico con eles. "Espero que opere o sentido común e mañá non se aprobe ningún deses reais decretos, toda vez que son totalmente irresponsables", dixo, tras cualificar as medias de "populistas" e advertir de que poden provocar que os arrendatarios quiten as súas vivendas do mercado de alugueiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.