O Goberno de España duplica ata os 180 millóns de euros as axudas destinadas en exclusiva ás comunidades autónomas que declararon zonas de mercado residencial tensionado. A decisión supón que Galicia recibirá, finalmente, 10,2 millóns para actuacións na Coruña e Santiago, os dous concellos que tramitaron esa declaración ao abeiro da Lei Estatal de Vivenda a través da Xunta, que llela acabou concedendo por ter que cumprir a norma malia opoñerse politicamente á súa aplicación.
Os fondos que a Xunta debe destinar a políticas de vivenda na Coruña e Santiago pasan de 5,1 a 10,2 millóns
O Ministerio de Vivenda dobra a dotación de 90 millóns que anunciara a ministra Isabel Rodríguez o pasado 9 de setembro, cando o decreto aínda estaba en audiencia pública. O groso do montante (case 120 millóns) irá parar a Catalunya, que conta con 271 munipios declarados zonas de mercado residencial tensionado, mentres que o resto repartirase entre Euskadi, Navarra e Asturias, ademais de Galicia. Chegarán a 317 municipios en todo o Estado.
A Coruña e Santiago reclaman xestionar directamente os fondos, pero a Xunta négase e pretende impulsar plans de vivenda propios nas cidades
Así, os 5,1 millóns previstos no país pasan a eses 10,2 que deberán gastarse nas urbes coruñesa e compostelá, con arredor de algo máis de 7 millóns para a primeira e 3 para a segunda. Estas subvencións directas ás comunidades autónomas deberán ser destinadas a medidas para aumentar a oferta de vivenda accesible e reducir os prezos do alugueiro.
O caso é saber agora como se xestionarán os cartos, xa que os concellos da Coruña e de Santiago levan semanas xa reclamando á Xunta seren eles os que xestionen os fondos directamente, unha opción á que se nega o goberno autonómico.
A indignación das alcaldesas de ambas cidades foi tal que as dúas, Goretti Sanmartín e Inés Rey, acordaron facer fronte común contra o "boicot" e a "indecencia" da Xunta en políticas de vivenda, acusando o goberno de Rueda de poñer atrancos a calquera medida relacionada coa declaración das dúas urbes como zonas de mercado residencial tensionado.
A previsión da Xunta, tal e como aclarou o seu presidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, é a de destinar eses cartos a plans de vivenda en ambas as dúas cidades, pero do propio goberno galego.
Negativa da Xunta
Aínda a principios deste mes, a conselleira non só desbotou a demanda do Concello da Coruña (e mais do de Santiago) de xestionar os fondos do Estado, senón que rexeitou a proposta para destinar estes cartos fundamentalmente á reparación de vivendas municipais ou sufragar seguros de alugueiro. Chegou a pedir á alcaldesa coruñesa, Inés Rey, que cedese estes inmobles á Administración autonómica para reformalos e poñelos a disposición da cidadanía.
Entre os posibles destinos das subvencións estatais, o Ministerio destaca que hai varios eidos de actuación: promoción e rehabilitación de vivendas, desenvolvemento de solucións habitacionais alternativas para alugueiro social ou accesible, adquisición de solo para uso residencial ou urbanización de terreos tamén para o mesmo obxectivo, compra de vivendas para incorporalos ao alugueiro social ou accesible ou cubrir impagos de contratos de arrendamento.