A Xefatura Superior da Policía de Galicia alerta do "incremento de campañas fraudulentas nos portais de compravenda e alugueiro de vivendas", unhas "estafas cada vez máis sofisticadas" que "non só buscan un beneficio económico inmediato" senón tamén recompilar información e documentación para cometer futuras suplantacións de identidade
A crise de vivenda e as dificultades que moitas persoas teñen para acceder a un inmoble en condicións dignas están a provocar o incremento dos intentos de fraude e estafas. As casas en boas condicións e a un prezo máis ou menos razoable son o obxecto de desexo e cando unha oferta así aparece nos portais especializados adoita permanecer moi pouco tempo dispoñible.
Por este motivo son moitas as persoas interesadas que acceden a demandas máis ou menos irregulares dos anunciantes, como o envío por adiantado de diñeiro en forma de fianzas ou reservas ou de determinada documentación, ás veces mesmo sen ter visto o inmoble. En moitos casos, trátase de calotes.
A Xefatura Superior da Policía de Galicia alertou este venres do "incremento de campañas fraudulentas nos principais portais de compravenda e alugueiro de vivendas", unhas "estafas cada vez máis sofisticadas" que "non só buscan un beneficio económico inmediato, senón que operan como unha rede de identidades para perpetrar novos delitos no futuro", recompilando información e documentación oficial (DNI, nóminas, extractos bancarios) para cometer futuras suplantacións de identidade
Tras publicar "anuncios sumamente atractivos", o suposto propietario pon excusas para non ensinar o piso e esixe o pagamento dunha determinada cantidade de diñeiro ou o envío de documentación oficial (DNI, nóminas, extractos bancarios)
O modus operandi destas estafas comeza pola publicación de "anuncios sumamente atractivos", nomeadamente pisos céntricos, en excelente estado e a un prezo notablemente inferior ao da media do mercado, co obxectivo de xerar una gran demanda. Unha vez que o interesado contacta, o suposto propietario ou axente inmobiliario adoita pór escusas para non ensinar o piso de forma presencial (por exemplo, dicindo que reside no estranxeiro ou que se atopa de viaxe por motivos laborais), explica nun comunicado a Policía Nacional.
Nese momento, o anunciante solicita o pagamento por adiantado dunha fianza ou un mes de alugueiro a través de transferencias bancarias ou aplicacións de pago instantáneo. Unha vez que a persoa interesada realiza o pagamento, o estafador desaparece.
De igual xeito, coa escusa de "acreditar a solvencia do inquilino" ou para redactar un suposto contrato, solicitan ao usuario fotografías do DNI ou pasaporte por ambas as caras, nóminas recentes, declaracións da renda e mesmo extractos bancarios. Esta información é almacenada polos delincuentes para suplantar a identidade das vítimas na contratación de créditos rápidos, apertura de contas en criptomonedas ou a comisión doutras estafas online.
A Policía Nacional aconsella, se alguén sospeita que foi vítima dunha estafa deste tipo ou compartiu documentación comprometedora, "recompilar todas as probas posibles (capturas de pantalla, xustificantes de pagamento, conversas...) e denuncialo de inmediato, así como notificalo á entidade bancaria para bloquear posibles cargos".
Consellos para evitar fraudes
A Policía Nacional dá unha serie de recomendacións para previr ser vítima dunha destas fraudes inmobiliarias
A Policía Nacional dá unha serie de recomendacións para previr ser vítima dunha destas fraudes inmobiliarias, comezando por "desconfiar dos chollos imposibles" pois se unha vivenda está moi por debaixo do prezo habitual nesa zona, "é moi probable que se trate dun reclamo". Estas son as catro suxestións:
- Nunca pagues por adiantado: Xamais entregues diñeiro en concepto de reserva, fianza ou sinal sen visitar fisicamente o inmoble e sen asinar un contrato legal en presenza de ambas partes.
- Non envíes documentación persoal sensible nestes casos: Evita compartir copias do teu DNI, nóminas ou datos bancarios a través de aplicacións de mensaxería (como WhatsApp ou correo electrónico) a descoñecidos. Se é estritamente necesario, engade marcas de auga aos documentos indicando o seu uso exclusivo para esa xestión.
- Mantén a comunicación dentro da plataforma: Os estafadores adoitan tentar desviar a conversa rapidamente a aplicacións externas para evitar os sistemas de seguridade das webs.
- Verifica a identidade do anunciante: Busca referencias do inmoble e do suposto propietario. Na maior parte das ocasións, as fotos dos pisos son roubadas doutros anuncios reais publicados en internet (podes comprobalo realizando unha procura inversa de imaxes en Google).