O edificio da Patiña, en Cambre, foi construído por Fadesa en 1997 e un acordo coa Xunta garantiu que as casas, de protección oficial, serían alugadas por un período de vinte anos por un prezo reducido. Durante a crise económica Fadesa vendeulle o edificio ao Banco Santander. Dende o ano 2016 e 2017 os 50 veciños e veciñas do inmoble comezaron a denunciar que Altamira, inmobiliaria do Santander, comezara a desatender o mantemento do edificio e decidira non renovar os contratos de alugueiro que ían rematando. Remataba o período no que as vivendas debían seguir sendo de carácter social e medraban os rumores sobre unha venda da urbanización a un fondo voitre.
En marzo o edificio foi vendido a unha sociedade de capital risco (un dos coñecidos como "fondo voitre"), Haya Real Estate
O pasado ano a mobilización dos veciños e veciñas, que contou cun importante apoio en toda a localidade, conseguiu que o Goberno galego se comprometese a mediar na situación, especialmente grave para algunhas persoas con escasos recursos ou en paro. O delegado provincial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, informaron de que a inmobiliaria estaba no seu dereito de vender as vivendas, pero que garantizara que os contratos se prorrogarían durante tres anos máis.
Ademais, a empresa prometeu que non se levaría a cabo ningún lanzamento de inquilinos que se atopasen en situación de vulnerabilidade, aínda que houbese impagamentos do alugueiro. Así mesmo, no marco da campaña electoral das eleccións municipais, todos os partidos a nivel local expresaron o seu apoio e o Concello comprometeuse a contar con 112 novas vivendas de protección oficial.
O pasado ano a mobilización dos veciños e veciñas, que contou cun importante apoio en toda a localidade, conseguiu que o Goberno galego se comprometese a mediar na situación
Porén, en marzo deste ano chegou a noticia de que o edificio fora vendido a unha sociedade de capital risco (unha das coñecidas como "fondo voitre"), Haya Real Estate S.A.U. Xa nos meses anteriores continuaran os incumprimentos da empresa propietaria en materia de mantemento. Os veciños e veciñas denunciaban que había electrodomésticos como neveiras ou caldeiras que levaban meses sen funcionar e escaleiras de zonas comúns que carecían de iluminación dende había tempo. Ademais, subliñaban que non se cumprira a promesa de renovar os contratos durante tres anos, e que só fora renovado o dunha das familias.
O temor provocado pola venda a Haya Real Estate, unha comercializadora especializada na venda de inmobles propiedade de bancos, certificouse nas últimas semanas, cando un gran número de veciños e veciñas comezaron a recibir notificacións nas que se lles informaba de que o prezo dos seus alugueiros ía ser elevado. Nalgúns casos a suba é do 50%, pasando os pisos de unha soa habitación de 200 a 300 euros de forma inmediata.
"Non é necesario expulsar a ninguén da súa casa, con obrigar a asumir un alugueiro desproporcionado para renovar o contrato xa se está obrigando a saír da vivenda"
Para moitas destas familias a suba é inasumible, xa que polo xeral se trata de persoas con recursos económicos limitados. Explican, por exemplo, que unha muller que cobra unha pensión de 600 euros e que xa gasta todos os meses case 200 en facturas de luz, auga, gas e teléfono, terá que pagar agora 300 euros no alugueiro, polo que só lle quedarán 100 euros para o seu sustento mensual.
A agrupación local de Esquerda Unida denuncia "estas prácticas propias dos fondos voitre" e critica a "deixación de responsabilidades" das distintas administracións. "Non é necesario expulsar a ninguén da súa casa, con obrigarlle a asumir un alugueiro desproporcionado para renovar o contrato xa se está obrigando a saír da vivenda a través de medidas desalmadas", sinala a formación.