Cando o caseiro é a Xunta e nin cunha condena reacciona: 20 anos cunha vivenda "insalubre e nociva para a saúde"

Humidades nunha vivenda propiedade do IGVS e valoración técnica da situación CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A Valedora reprocha ao Goberno galego que non ofrecese alternativas de aloxamento a varias familias dun edificio de protección do barrio das Flores da Coruña con graves filtracións que a xustiza lle obrigou a reparar 

"O arrendador está obrigado a realizar, sen dereito a elevar por iso a renda, todas as reparacións que sexan necesarias para conservar a vivenda en condicións de habitabilidade". Así o establece a lei de arrendamentos urbanos. Porén, no barrio coruñés das Flores a Xunta vén de tardar cando menos sete anos en cumprir coa súa obriga de reparar graves humidades nun piso da súa propiedade. Sete anos cando menos, para a xustiza, porque documentación oficial da obra sinala que "a vivenda afectada leva case 20 anos sufrindo graves filtracións de auga pluvial ao seu interior que fan a vivenda insalubre e nociva para a saúde".

As obras para reparar as filtracións de auga vanse completar aínda agora malia que a xustiza estableceu hai case cinco anos que eran responsabilidade do Goberno galego, a quen a Valedora do Pobo reprocha que neste tempo nin comprobase "as condicións de habitabilidade", nin ofrecese alternativas de vivenda ás varias familias afectadas.

As obras paralizadas nunha imaxe do pasado xaneiro © Google

A historia desta desatención da Xunta como caseira ten lugar nun dos varios edificios agora protexidos por Patrimonio que o franquismo levantou no barrio coruñés das Flores, na rúa Tulipáns, onde hai anos que comezaron a detectarse humidades froito do deterioro e falta de mantemento da terraza. Tras varias actuacións que non resolveron a situación, en 2017 a inquilina dun dos pisos propiedade agora do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) situado xusto baixo a terraza afectada comunicou por escrito o que estaba a sufrir sen obter resposta ao seu problema. 

Acabou sendo o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña o que en sentenza emitida en xaneiro de 2020 confirmou que correspondía a ese ente da Xunta a execución das obras necesarias. Tamén estableceu que inquilina afectada deberá ser indemnizada por danos e prexuízos durante todo o tempo que dure a súa situación.

Un ano máis tarde, a comezos de 2021, seguía sen saberse nada das obras e o mesmo xulgado tiña que requirir ao IGVS "que realice e execute as reparacións necesarias para devolver e manter o piso no que reside a demandante en perfectas condicións de habitabilidade e salubridade".

Aínda pasaría outro ano ata que en marzo de 2022 o IGVS autorizou o proxecto de obra. E non contrataría os traballos -por 46.000 euros e apenas un mes de prazo de execución- ata outubro dese mesmo 2022. Pero para daquela xa estaba enriba un novo inverno e as obras non puideron comezar "pola climatoloxía" ata xullo de 2023. 

Condena xudicial de xaneiro de 2020 obrigando á Xunta a facer as obras que aínda agora van rematar CC-BY-SA Praza Pública

Tras sucesivas demoras, cando as obras comezaron detectouse que a reparación debía ser maior e a terraza quedou levantada durante meses estendéndose as humidades a outras vivendas

Cando por fin se iniciaron os traballos, detectouse que a impermeabilización do edificio estaba máis deteriorada do previsto e houbo que paralizar a actuación mentres os técnicos decidían que facer. Pero agora, coa terraza levantada, as humidades e mofos do piso situado directamente baixo ela transformáronse en filtracións de auga que se estenderon a vivendas inferiores. 

A Xunta tamén parou a obra co argumento de que o deterioro detectado maior do previsto "implica uha modificación do proxecto cun considerable aumento do orzamento, o que supera o límite que a lei de contratos establece para o contrato menor". Isto é, a primeira contratación por 46.000 euros fixéraa sen concurso público, pedindo directamente orzamentos a catro empresas e adxudicándoa a unha delas, Construcciones M. Espiño, que rebaixara o prezo pouco máis de dez euros. Pero cunha obra de maior envergadura a Xunta estaba obrigada a convocar un concurso público, que licitou outro ano máis tarde, o pasado 12 de setembro.

A documentación técnica da actuación revela un estado "deplorable" cos azulexos das paredes en "risco de desprenderse pola acción da auga"

A ese concurso, por 82.000 euros pero igualmente cun mes de prazo de execución, só se presentou a mesma empresa que xa contratara previamente a Xunta, á que vén de adxudicar novamente este segundo contrato. Un contrato no que o proxecto arquitectónico constata que "a vivenda afectada leva case 20 anos sufrindo graves filtracións de auga pluvial ao seu interior que fan a vivenda insalubre e nociva para a saúde". Un estado "deplorable" cos azulexos das paredes en "risco de desprenderse pola acción da auga"

Resolución da Valedora do Pobo constatando que a Xunta non comprobou as condicións de habitabilidade das vivendas e pedíndolle que "ofreza alternativas habitacionais" ás persoas afectadas CC-BY-SA Praza Pública

Ante a demora da Xunta en dar solución aos seus problemas, non só a inquilina do piso inmediatamente inferior á terraza senón tamén outros veciños do piso inferior que acabaron sufrindo igualmente humidades presentaron queixas ante a Valedora do Pobo. Esta vén de facer públicas as súas conclusións e constata que nas explicacións que lle remitiu a Xunta "nada consta relativo a verificación e comprobación das condicións de habitabilidade da vivenda afectada polas obras que se iniciaron na terraza e que posteriormente foron suspendidas e paralizadas". Por iso, a Valedora pediu á Xunta que "verifique con presteza e comprobe as condicións de habitabilidade" e que "ofreza alternativas habitacionais" ás persoas afectadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.