Galicia sofre a incidencia de accidentes laborais graves máis alta do Estado

Persoal dunha factoría CC-BY-NC-SA CIG

Galicia ten o índice de incidencia de accidentes graves máis alto de todo o Estado con 52,2 puntos fronte á media estatal de 23,8 puntos, segundo os datos feitos públicos este domingo por CCOO e UGT de Galicia e un día antes da celebración do Día Internacional da Saúde e da Seguridade no Traballo, que se celebra cada 28 de abril.

O país lidera así as estatísticas deste índice, que mide o número de sinistros con baixa por cada 100.000 traballadores, pero ademais ocupa o terceiro lugar en canto a sinistros mortais, xa que no pasado ano 2013 chegou aos 5,3 puntos, máis de dous puntos superior á media estatal, que se sitúa nos 3,1 puntos.

Galicia ten o índice de incidencia de accidentes graves máis alto de todo o Estado con 52,2 puntos fronte á media estatal de 23,8

De especial relevancia é tamén o dato que indica que, en cifras absolutas, os accidentes laborais mortais creceron en 2013 en Galicia até alcanzar as 47 vítimas, dous máis que en 2012. E isto pasa, tal e como destacan ambos os dous sindicatos, malia que "a situación de crise" provocou que se diminuíse a man de obra de maior risco de accidentabilidade e a pesar de que se "expulsaron do mercado laboral os traballadores temporais ou que reforzaban as demandas en momentos de maior intensidade de tarefas".

Non obstante, e tamén en cifras absolutas, os accidentes graves no pasado ano descenderon até os 418, fronte aos 482 de 2012. O descenso tamén se produciu nos accidentes leves, que psaron de 23.130 a 21.912.

Os accidentes laborais mortais creceron en Galicia o pasado ano. Houbo 47 vítimas

CCOO e UGT poñen varios exemplos para amosar o paradoxal e grave da situación. Así, mentres que na agricultra a poboación labora se reduciu nun 5,4% respecto a 2012, os accidentes graves incrementáronse un 19,3% (de 57 a 68), mentres que os sinistros mortais tamén medraron, ao pasar dos tres de hai dous anos aos catro do pasado exercicio.

Algo semellante ocorre no sector pesqueiro, onde a poboación laboral descendeu un 5% mentres os accidentes graves creceron un 31,8% e os mortais pasaron de cinco a sete.

CCOO e UGT culpan destas malas cifras á "austeridade, os recortes e a falta de políticas públicas"

Ante esta situación, os dous sindicatos culpan destas malas cifras á "austeridade, os recortes e a falta de políticas públicas" que "condenan a seguridade e a saúde dos traballadores", xa que provocan que o "modelo precario se configure como hexemónico, desprazando o emprego estable".

CCOO e UGT tamén lembran que o anteproxecto de leis de mutuas "ten moitos aspectos lesivos para os traballadores" e denuncian " o subrexistro de enfermidades relacionadas co traballo que se derivan aos servizos de saúde como comúns".  Para este Día Internacional da Saúde e da Seguridade no Traballo os sindicatos reclaman que se manteñan os investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais, a declaración do cancro laboral como enfermidade profesional e a constitución dun fondo de compensación para as vítimas de amianto.

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.