Un home de 47 anos de idade morreu este venres en Vigo ao caer dun andamio cando reparaba a fachada dun inmoble situado na rúa Arquitecto Pérez Bellas. Onte un percebeiro de 55 anos faleceu en Fisterra tras caer ao mar cando traballaba na zona de Punta Arnela. Son dous casos máis dos que case todas as semanas se producen en Galicia e que volven poñer o foco sobre a elevada sinistralidade laboral que presenta a nosa comunidade. En 2015 un total de 57 persoas morreron en accidente laboral, segundo reflicten os datos oficiais do Ministerio de Emprego, idéntico número ao rexistrado no ano anterior.
É certo que o número diminuíu con respecto aos terribles datos que se rexistraban hai unhas décadas. Durante os anos 80 e 90 a nosa comunidade perdía cada ano máis de cen traballadores e traballadoras en accidente laboral e aínda no ano 2000 esa cifra era de 130. A partir de entón foi descendendo ata acadar un celebrado mínimo en 2013, con 43 falecidos e falecidas. Porén, en termos relativos Galicia sempre soportou un índice de mortandade no traballo moi superior ao do conxunto do Estado, unha realidade que se mantén. En 2014 Galicia tivo 7,56 falecidos por cada 100.000 traballadores, máis do dobre que a media española (3,33). E no 2015 esas taxas mantivéronse case inalteradas (7.41 en Galicia, 3.55 en España). De feito, Galicia presenta a peor taxa de todas as comunidades autónomas e só Aragón (6.16 mortes por cada 100.000 traballadores) se lle achega.
Esta realidade contrasta co feito de que en Galicia se producen menos accidentes laborais que no resto do Estado. En 2015 foron un total de 24.411, ao redor do 5% dos rexitrados no conxunto de España (449.223). Pola contra, as mortes superan amplamente o 10% do total (57 de 500). Por sectores, o problema afecta, sobre todo, ao da pesca -con 20 falecidos en 2014-, seguido da industria (10) e a construción (9). O sector servizos, que ocupa a seis de cada dez traballadores e traballadoras, sumou 16 mortes. Iso si, mentres que na industria e na construción o número de mortes se reduciu á metade na última década, isto non sucede no sector pesqueiro e marisqueiro, que mantén as súas cifras.
Os sindicatos denuncian o incremento dos accidentes mortais rexistrado nos últimos dous anos. UGT Galicia reclamou unha fiscalía especial para accidentes laborais e que se aplique a lei "con máximo rigor a quen sexa o responsable dun accidente de traballo". E CCOO presentou un informe que alerta de que, en proporción, incrementáronse máis os accidentes mortais en xornada de traballo nas persoas novas e nas que tiñan pouca antigüidade no seu posto de traballo: un 200% nas persoas entre 20 e 24 anos e un 166,67 % nas que levaban entre tres e seis meses no seu posto. A secretaria de Saúde Laboral de CCOO chamou tamén a atención sobre a incidencia destes accidentes entre as persoas cun contrato temporal: das 57 que perderon a vida en xornada de traballo en 2014, 20 tiñan este tipo de contrato.